Irmáns Montgolfier

Os Irmáns Montgolfier, Joseph-Michel (nado en Annonay, o 26 de agosto de 1740 e finado en Balaruc-les-Bains o 26 de xuño de 1810) e Jacques-Étienne (nado en Annonay o 6 de xaneiro de 1745 e finado en Serrières o 2 de agosto de 1799), foron dous irmáns inventores franceses, que construíron o primeiro globo tripulado do mundo, que elevou a Étienne ao ceo en 5 de xuño de 1783.[1][2]

Infotaula de personaIrmáns Montgolfier

Editar o valor em Wikidata
Membros
Grupodúo de irmáns
equipo Editar o valor em Wikidata
Jacques-Étienne Montgolfier (pt) Traducir (Davézieux, 6 de xaneiro de 1745 - París, 1 de agosto de 1799). Inventor
Joseph-Michel Montgolfier (pt) Traducir (Davézieux, 26 de agosto de 1740 - Balaruc-les-Bains, 26 de xuño de 1810). Industrial Editar o valor em Wikidata
Actividade
Membro de

Debido a ese feito, en decembro de 1783, o pai deles, Pierre, foi elevado á nobreza con brasón propio e o sobrenome de Montgolfier pasou a ser hereditario, por decreto do rei Lois XVI.

Traxectoria editar

Os irmáns eran fillos dun fabricante de papel (a fábrica Canson, que continúa a ser unha das compañías máis tradicionais e modernas do mundo) de Annonay, ao sur de Lión, Francia. Segundo consta, cando os irmáns xogaban cun saco de papel aberto invertido sobre o lume, repararon que o saco frotaba. En 1777 iniciaron a construción de modelos, que foron evolucionando ata o ano 1782, cando Joseph fixo un experimento definitivo; mentres residía na cidade de Aviñón e contemplaba unha fogueira, imaxinou un asalto á fortaleza de Xibraltar (inexpugnábel por terra e polo mar), con tropas erguidas pola mesma forza que elevaban as brasas da fogueira.[3][4] Todos aqueles experimentos e observacións reforzaron a idea de que poderían finalmente realizar o gran soño da humanidade, o de voar. Pasaron entón a facer diversos experimentos con varios materiais ata construíren un globo práctico.

Como resultado desas pescudas iniciais, Joseph iniciou a construción dunha cámara en formato de caixa cunha estrutura de madeira fina recoberta de tafetán que medía 1×1×1,3 m. Amasou e queimou algúns papeis baixo o modelo, que inmediatamente alzou o voo e chegou ao teito. Despois diso, Joseph e Jacques iniciaron o proxecto de construción dun modelo máis grande (27 veces maior en termos de volume). No primeiro voo dese modelo maior, realizado o 14 de decembro de 1782, a forza de sustentación foi tan grande que perderon o control do dispositivo, que voou preto de dous quilómetros e foi destruído despois de pousarse.[5]

Decididos a facer unha demostración pública para reivindicar a autoría do invento, os irmáns Montgolfier construíron un globo en forma de esfera feito de arpilleira con tres capas de papel no interior, con capacidade de 790 m³ de aire que pesaba 225 kg, constituído por catro partes (o cumio e tres laterais máis) aseguradas por 1800 botóns e unha rede de pesca reforzada. O día 5 de xuño de 1783, fixeron a súa demostración pública do globo en Annonay na presenza dun grupo de dignitarios do États particuliers. O seu voo estendeuse por 2 km, durou preto de 10 minutos e acadou unha altitude estimada de 1600 a 2000 m. As noticias dese éxito chegaron rapidamente a París. Étienne foi á capital para facer máis demostracións e solidificar a reivindicación da "invención do voo".[6]

En colaboración co fabricante de papel de parede, Jean-Baptiste Réveillon, Étienne construíu un globo aínda maior, con 1060 m³ de capacidade de aire, feito de tafetán vernizado con alume (que ten propiedades antichamas). O globo era azul, decorado con flores douradas, signos do zodíaco e soles. A proba seguinte tivo lugar en 11 de setembro de 1783 en terras próximas á casa de Réveillon. A semana seguinte, o 19 de setembro de 1783, fronte ao Palacio de Versalles perante un público en que estaban o rei Lois XVI e a raíña María Antonieta, o Aérostat Réveillon voou cos primeiros seres vivos a bordo: unha ovella, un pato e un galo (a pesar de que o rei propuxese enviar dous criminais).[7] Este voo durou preto de oito minutos, estendeuse por 3 km chegando a case 460 m de altitude e pousándose en terra con seguranza.

Despois da demostración con éxito en Versailles, e novamente coa axuda de Réveillon, Étienne iniciou a construción doutro globo, desta vez con 1700 m³ de capacidade de aire, co obxectivo de transportar seres humanos. Este novo globo tiña preto de 23 m de altura e 15 m de diámetro, e estaba ricamente decorado con temas e cores fornecidos por Réveillon, que incluían o rostro de Lois XVI entrelazado co monograma real. Polo que se sabe, Étienne Montgolfier foi o primeiro ser humano que levantou o voo do solo, facendo como mínimo un voo asegurado por cordas no patio do taller de Réveillon en Faubourg Saint-Antoine, suburbio de París, probabelmente o 15 de outubro de 1783. Máis tarde aquel mesmo día, Pilâtre de Rozier converteuse no segundo ser humano que voou nun globo atinxindo preto de 24 m de altitude, que era a lonxitude da corda.[1][2]

En 21 de novembro de 1783, ocorreu o primeiro voo libre con seres humanos nun globo, executado por Pilâtre xuntamente co oficial do exército, marqués d'Arlandes.[8] O voo partiu das terras do castelo de la Muette, preto Bois de Boulogne, ao oeste de París. Voaron por 9 km a preto de 910 m por riba da cidade; despois de 25 minutos, o aparello pousouse entre os muíños de Butte-aux-Cailles, despois de que o voo fose abreviado por un principio de incendio no tecido que recubría o globo.

Eses primeiros voos foron moi celebrados, e fixéronse varios gravados, esculturas e outros tipos de artesanía nos que se retrataban os globos.

No inicio de 1784, un globo, entón bautizado como Flesselles, en homenaxe á Jacques de Flesselles fixo unha aterraxe forzada coa súa tripulación. En xuño de 1784, o globo bautizado de La Gustave levou como pasaxeira a aeronauta cantante, Élisabeth Thible.

Legado editar

En 1799, Etienne de Montgolfier faleceu de camiño entre Lión e Annonay.[9] O seu xenro, Barthélémy Barou de la Lombardière de Canson (1774–1859), sucedeuno como xefe da empresa polo seu matrimonio con Alexandrine de Montgolfier. A compañía converteuse en "Montgolfier et Canson" en 1801, e en "Canson-Montgolfier" en 1807. A compañía aínda existe en Annonay co nome Canson. Produce papel para belas artes e escolar e papel fotográfico que vende en 150 países.[10]

En 1983, os irmáns Montgolfier foron incluídos no International Air & Space Hall of Fame do San Diego Air & Space Museum.[11]

Galería editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Davis Crouch, Tom (2009). Lighter Than Air. pp. 28, 178. 
  2. 2,0 2,1 Gillispie, Charles (1983). The Montgolfier Brothers, and the Invention of Aviation. pp. 45, 46, 178, 179, 183–185. 
  3. C.C. Gillispie, The Montgolfier brothers and the invention of aviation 1783-1784, p. 15.
  4. C.C. Gillispie, p. 16.
  5. C.C. Gillispie, p. 21.
  6. S. Schama (1989) Citizens. A Chronicle of the French Revolution, p. 125.
  7. C.C. Gillispie, pp. 92–3.
  8. "U.S. Centennial of Flight Commission: Early Balloon Flight in Europe". Arquivado dende o orixinal o 02 de xuño de 2008. Consultado o 2008-06-04. 
  9. "Joseph-Michel and Jacques-Étienne Montgolfier". Encyclopædia Britannica. Consultado o 28-09-2017. 
  10. Our Values Canson, n.d., 2 de xullo de 2017
  11. Sprekelmeyer, Linda, editor. These We Honor: The International Aerospace Hall of Fame. Donning Co. Publishers, 2006. ISBN 978-1-57864-397-4.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Pierre-Louis Clément, Les Montgolfières : Leur invention, leur évolution du XVIIIe á nos jours, 1982, París.
  • Marie-Hélène Reynaud, Les Frères Montgolfier et leurs étonnantes machines, 1983, ed. Plein Vent, Vals-les-Bains.
  • Charles Coulston Gillispie, Les Frères Montgolfier et l'invention de l'aéronautique, traducido por Marc Rolland e Bernadette Hou, Arles, Actes Sud, 1989, 328 p., ill. ISBN 2-86869-442-X
  • Joseph Girard, Évocation du Vieil Avignon, Les Éditions de Minuit, París, 2000, ISBN 270731353X

Ligazóns externas editar