Garda Suíza Pontificia
A Garda Suíza Pontificia (de nome oficial Corpo della Guardia Svizzera Pontificia (Cohors Helvetica)) é unha pequena forza militar responsable da seguridade do Palacio Apostólico, as entradas á Cidade do Vaticano e a seguridade do Papa. O alemán é a súa lingua oficial. Foi fundada por Xulio II en 1505, para dispoñer dun corpo militar que protexese ao Papa.
Finalidade e organización
editarCumpre un servizo de orde, vixilancia e seguridade do Papa, realizando asemade unha misión de protocolo nas visitas oficiais de gobernantes e embaixadores.
Está composta por 110 soldados: un capitán comandante, un capelán, un tenente, dous subtenentes, 23 mandos intermedios, 70 alabardeiros, dous tamborileiros e unha banda de música. Aprenden tanto o uso de armas modernas (o fusil suízo SIG 550) como o da espada e alabarda. Os gardas son homes entre dezanove e trinta anos de idade, que, ademais de ser solteiros, realizasen o servizo militar en Suíza. Dentro dos seus ideais destacan: solidez na fe católica, fidelidade inquebrantable, amor pola Igrexa e polo Papa, coraxe, humildade, sentido do próximo e humanidade.
Primeiras accións
editarNas súas primeiras accións destaca a defensa do papa Clemente VII durante o "Saqueo de Roma" por parte do exército de Carlos V de Alemaña, debido ó apoio do papa a Francisco I de Francia, que estaba en conflito con Carlos V. A acción militar sucedeu no castelo Sant'Angelo e 147 gardas perderon a vida.
O papa Pío V (1566-1572) enviounos a loitar contra os turcos na batalla de Lepanto. Con Pío VI a garda foi disolta xa que este foi enviado ó exilio por Napoleón. A garda volveuse formar en 1801 e, en 1848, xogou un papel decisivo na defensa do Palacio Pontificio fronte ós revolucionarios nacionalistas italianos.