Fundición Malingre

empresa metalúrxica galega

Fundición Malingre foi unha empresa radicada en Ourense que estivo operativa desde a década de 1860 até 1979. De grande importancia no desenvolvemento urbanístico da cidade, destaca por ser a primeira fundición estabelecida na mesma.

Fundición Malingre
Tipofundición
Data de fundación1865
Data de disolución1979
SedeOurense
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

Manuel Malingre Parmantier, fundador da empresa, naceu en Souvret, no municipio de Courcelles, na provincia de Hainaut (Bélxica) o 21 de outubro de 1834. Foi fillo de Casimiro Malingre e Carolina Enriqueta Parmantier, pais de polo menos outros tres fillos: Narciso, Rosa e Enriqueta.[1][2] Chegou a España, ao parecer, en 1852, mais non se conservan de datos sobre os seus primeiros anos de vida. Unicamente se coñece que para 1858 xa se atopaba con certeza en España, pois o 14 de agosto dese ano tivo lugar o nacemento e bautismo do seu primoxénito, froito do seu matrimonio coa asturiana Inés Ludeña Álvarez-Laviada, na parroquia de San Pedro en Xixón.[2]

Malingre trasladouse a Ourense en 1864 e estabeleceu unha fundición na localidade de Reza, a cal pechou en 1866 ou 1867. Ese ano empezou a dirixir unha fundición de ferro en cubilotes, así como unha industria dedicada á elaboración de tubos na rúa ourensá de Santo Domingo.[2] É probábel que a relación entre Manuel e o negocio da fundición se debese ao seu traballo nunha fábrica de canóns en Trubia, aínda que os seus antepasados xa se dedicaban a este negocio.[3]

En 1872 inaugurou unha empresa de fundición no parque de San Lázaro[1] (antigo campo da feira da cidade), a cal dirixiu até a súa retirada do negocio en 1896. Ese ano os seus descendentes Manuel e Antonio Malingre Ludeña estabeleceron unha fundición de ferro, La Concepción, na rúa Ervedelo. Consistía nunha planta baixa onde se situaban a fundición, os talleres e as oficinas, destacando particularmente a cheminea.[2] Cun persoal composto por 100 persoas en 1911,[4] tras a morte de Manuel Malingre en 1916 os irmáns dividiron a fundición en dúas marcas comerciais: La Concepción, dirixida por Antonio, e Manuel Malingre Fundiciones, a cargo de Manuel.[1] Arturo e Manuel Malingre Lamas-Carvajal, fillos deste último, sucedérono no negocio tras o seu deceso en 1930.[2] En 1938 Arturo adquiriulle ao seu tío Antonio (un dos propiciadores da creación da Cámara de Comercio)[3] unha parte da empresa e ambos irmáns dirixiron o negocio como unha única industria. Durante a Guerra Civil a fundición foi militarizada e empregouse para a fabricación exclusiva de proxectís, o que provocou que algúns tornos chegasen a romper.[3] Tras abandonar Arturo a empresa en 1949, Manuel quedou a cargo da mesma até o seu pasamento en 1979, ano en que a fundición pechou as súas portas.[1]

Importancia editar

 
Palco da música do parque da Alameda.

Malingre foi a primeira fundición estabelecida en Ourense. Era a única que proporcionaba ferro ornamental á cidade a finais do século XIX. Debido ao considerábel crecemento que estaba a vivir a cidade, e dado o novo e imprescindíbel que supuña o ferro fundido na construción, a empresa contribuíu en gran medida ao desenvolvemento urbanístico da cidade.[2] A riqueza económica experimentada por varios dos habitantes da capital traduciuse en numerosos encargos á fundición, co fin de levantar edificios do estilo dos doutras cidades españolas e estranxeiras. A empresa plasmou o gusto daquel entón polos balcóns, galerías, miradoiros, escaleiras e columnas de ferro fundido con todo tipo de elementos ornamentais.[2] Así mesmo, a fundición experimentou, do mesmo xeito que outras empresas do sector, un elevado grao de expansión grazas á construción de vías férreas e material ferroviario.[2] En 1881 executou a terminación do tramo entre Vigo e Ourense.[5]

 
Estatua da Virxe María nun panteón no cemiterio de San Francisco de Ourense

A fundición Malingre destacou ademais por ser a primeira industria en Ourense dedicada á elaboración de cociñas de ferro,[2] coñecidas como «cociñas económicas» ou «cociñas bilbaínas» por teren a súa orixe en Biscaia. Alí, ademais, un dos irmáns de Manuel, Narciso, traballaba na industria metalúrxica.[6] A empresa abarcou igualmente un amplo abano de produtos, como maquinaria para muíños, adegas e serradoiros, o que supuxo unha considerábel contribución á mecanización do campo.[2] Tamén se construíron turbinas, farois e estatuas dispersas pola cidade.[2] Destacan, entre outros, o palco situado no parque da Alameda e unha das campás da Igrexa de San Francisco, daquela situado xunto ao convento homónimo, aos pés de Montealegre.[3]

Unha das zonas de Ourense onde se achan concentradas varias obras procedentes da fundición é o cemiterio de San Francisco, anexo ao convento. De todas as obras escultóricas presentes no camposanto, polo menos tres delas foron facturadas pola industria: dous anxos (un situado na entrada do camposanto e outro sobre a cúspide dun mausoleo) e unha estatua orante a tamaño natural da Virxe María.[7] Así mesmo, a empresa elaborou a maioría das reixas dos panteóns do cemiterio, onde tamén se atopa a tumba de Manuel Malingre Parmantier. Nela figuran un Cristo crucificado, unha placa e un enreixado da fundición.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "La fundición Malingre marcó la historia de la ciudad durante 113 años, a través de varias generaciones". Faro de Vigo. 14 de abril de 2014. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 Malingre Rodríguez, Ana María (2020). "La fundición Malingre de Ourense durante el siglo XIX y su influencia europea". Minius: historia, arte e xeografía (en castelán) (25): 105–142. ISSN 1131-5989. doi:10.35869/mns.v0i25.3313. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Vázquez, Marta (1 de marzo de 2016). "«Mi tatarabuelo fue un innovador»". La Región (en castelán). 
  4. Gay, Gonzalo (27 de febreiro de 2016). "Ana María Malingre: “Las huellas de la Fundición Malingre se ven por todo Ourense". La Región (en castelán). 
  5. Anllo Lago, Andrea (13 de novembro de 2015). "Elementos arquitectónicos en hierro elaborados en las fundiciones de la provincia de Pontevedra: Galerías, Balcones y Rejería". Repositorio Universidade Coruña (en castelán). 
  6. "242 Fundiciones Malingre". Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial. 27 de febreiro de 2013. 
  7. Casado Nieto, María Rosa (1991). "Escultura funeraria del cementerio de San Francisco de Ourense" (PDF). Porta da aira: revista de historia del arte orensano (en castelán) (4): 165–187. ISSN 0214-4964. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar