Frey

(Redirección desde «Freyr»)

Frey é o deus nórdico da fertilidade, da familia dos Vanes (Vanir, na lingua orixinal).

Frey, tamén chamado ”Freyr”, recibe, entre outros apelativos, o de “Deus do Mundo” e, trala fusión dos Aesir e os Vanir, ”Señor dos Aesir”. Posto que a súa bendición concede abundancia e crecemento en resposta ó traballo e ó esforzo, podémolo atopar baixo o nome de "Dador de riquezas" ou "Deus do Éxito".

Historia

editar

Frey é o deus do amor e maila fertilidade, invocándose para garantir a fertilidade do matrimonio. É ó tempo deus da paz e un valente guerreiro. Como deus da paz, é o dador da chuvia benfeitora, do bo tempo, e patrón das colleitas abundantes. Tamén é o soberano dos elfos da luz de Alfheim. Freyr é o máis belo e o máis importante dos membros masculinos dos Vanir.

Xenealoxía

editar

Fillo do deus do vento e dos mares Njord e da xiganta Skadi, é irmán de Freya e está casado coa fermosa xigante Gerd. O seu matrimonio foi posible grazas á axuda do seu escudeiro Skimir, quen lle pediu a cambio do servizo a súa espada.

Atributos

editar

O carro de Frey foi feito polos ananos Brok e Eitri, e del tiran dous xabaríns máxicos, Gullinbursti e Slidrugtanni. Moitas veces, podemos ver o deus sucar velozmente os ceos e os mares, montado no seu xabarín dourado Gullinbursti. Freyr tamén posúe un barco máxico fabricado por ananos, Skidbladnir (coitelas de madeira), que sempre tiña o vento ó seu favor cando se izaba a vela, navegando veloz e directamente ó seu destino por terra, mar ou aire, e que podía pregarse, quedando reducido a un tamaño tal, que cabía no peto do seu dono. Outra das súas posesións era unha espada máxica que se desenvaiñaba e loitaba soa, espallando ó seu redor unha auténtica carnizaría seguindo os desexos do seu dono. Como Frey regalou esta espada ó seu escudeiro Skimir, presentarase desarmado á gran batalla do Ragnarök, polo que será o primeiro dos deuses en morrer, a mans do xigante do lume Surt’.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar