Francisco Sanz Riobó

empresario e político galego

Francisco Sanz Riobó, nado na Coruña o 8 de decembro de 1836 e finado en Sanlúcar de Barrameda en xuño de 1890, foi un empresario e político galego, deputado en varias ocasións durante a monarquía de Amadeo I e a Restauración borbónica.

Infotaula de personaFrancisco Sanz Riobó
Biografía
Nacemento8 de decembro de 1836 Editar o valor em Wikidata
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Morte24 de xuño de 1890 Editar o valor em Wikidata (53 anos)
Sanlúcar de Barrameda, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónempresario , político Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Francisco Sanz Riobó naceu no seo dunha familia humilde. Malia ás súas capacidades académicas, non puido máis que rematar o ensino básico pois a falta de recursos da familia non fixo posible o acceso a estudos superiores. As crónicas da época destacan que tivo un rápido éxito nos negocios: con 20 anos dirixía un dos principais bancos de Galicia.[1]

Politicamente militou no liberalismo progresista de Espartero, e participou nunha revolta na Coruña, canda outros esparteristas, contra o goberno de Leopoldo O'Donnell. Contra o ano 1858, deixou a banca e a cidade da Coruña para establecerse como contratista público en Lugo cun capital de 50 000 reais. Alí, xa dentro da Unión Liberal, foi opositor aos moderados. Foi un dos intermediarios da correspondencia entre os exiliados e implicados na conspiración que deu na Revolución "Gloriosa" de 1868 como Juan Zavala e Augusto Ulloa.[2] Formou parte da Xunta Revolucionaria de Lugo logo do levantamento que depuxo a Isabel II e foi desginado deputado provincial por Vilalba.[3] Defensor da monarquía de Amadeu I, foi electo deputado por Viveiro nas xerais de España de abril de 1872 gañando sona nas súas retesías parlamentarias cos republicanos. Na Restauración borbónica, integrouse no partido Liberal-Fusionista de Sagasta, sendo elixido novamente deputado entre 1881 e 1883 e entre 1886 e 1890, sempre en representación de Viveiro. A prensa galega da Restauración cita decote a súa considerable fortuna e popularidade política.[4][5] Faleceu en Sanlúcar de Barrameda o 24 de xuño de 1890.[6][7]

Foi distinguido coa encomenda da Orde de Carlos III e, por deferencia de Amadeu I, coa Gran Cruz da Orde de Isabel a Católica, tamén foi membro a Asociación de Escritores e Artistas Españois.[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Notas biográficas: Francisco Sanz Riobó". Escenas Contemporáneas (26): 231–234. 15-10-1883. 
  2. Barreiro Fernández, Xosé Ramón; López Morán, Beatriz; Mínguez Goyanes, Xosé Luís. "Parlamentarios de Galicia". Real Academia Galega. p. 657. Consultado o 2023-09-21. 
  3. "Sección Oficial". Boletín Oficial de la Provincia de Lugo. 20-10-1868. Consultado o 21-9-2023. 
  4. "Noticias regionales: Galicia - Vivero". La Ilustración Gallega y Asturiana (21). 27-7-1881. 
  5. "Correo de Galicia". El Correo Gallego. 11-4-1886. Consultado o 22-9-2023. 
  6. "Necrológicas". El Eco de Galicia. 25-6-1890. Consultado o 21-9-2023. 
  7. "Del interior". La Monarquía. 25-6-1890. Consultado o 22-9-2023.