Francisco Paradela Rodríguez

gaiteiro galego

Francisco Paradela Rodríguez, nado en Elviña (A Coruña) o 3 de setembro de 1909[1] e finado na Coruña o 31 de outubro de 2009[2], foi un gaiteiro galego, tamén coñecido como Farruco ou Paco Paradela, considerado un dos intérpretes máis importantes do instrumento en Galicia durante o século XX. Chegou ser, xunto con Emilio Corral, un dos máis veteranos de todos os tempos en Galicia. É o autor de temas hoxe considerados clásicos no repertorio da gaita galega, como a "Jota de Montrove", "A Carballesa", a "Foliada de Elviña" e outros.

Francisco Paradela Rodríguez
Nacemento3 de setembro de 1909
Lugar de nacementoA Coruña
Falecemento31 de outubro de 2009
Lugar de falecementoA Coruña
NacionalidadeEspaña
Ocupacióngaiteiro
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

A súa primeira gaita foi construída por un artesán que vivía enfronte da fábrica de gas na Coruña. A súa segunda gaita, foi feita en Pontevedra polo coñecido Faustino Santalices. Tamén coñeceu persoalmente a Perfecto Feijoo e ao mítico gaiteiru Llibardon de Asturies.[3] En 1926, cando Emilio Corral ingresou na agrupación Cántigas da Terra, Paradela xa formaba parte dela como gaiteiro, e ámbolos dous coincidiron alí e tocaron xuntos durante anos.[4] Paradela formou parte deste coro por máis de cinco lustros.[3] En 1934, integrou tamén o grupo Os Tempranos de Eirís.[1] Realizou varias gravacións deixando constancia do seu virtuosismo como solista, unha das máis valoradas é a que fixo en 1950 xunto con Fernando Álvarez por encargo do etnomusicólogo Alan Lomax, gravación sucesivamente reeditada. O mesmo que Corral, en 1960 recibiu a medalla Marcial del Adalid do concello da Coruña en recoñecemento á súa carreira musical.[3]

Paradela nunca chegou casar, solteiro faleceu na coruñesa residencia para anciáns Padre Rubinos, onde vivía dende o ano 2002. Para entón, xa moi ancián, estaba xa case xordo e inmóbil pero recibiu o recoñecemento de gran número de gaiteiros das xeracións posteriores, como a popular Susana Seivane.[1]

Personalidade e estilo editar

Farruco Paradela tivo as máis positivas valoracións por parte de moitos dos músicos e especialistas que o chegaron a coñecer. Avelino Cachafeiro dixo persoalmente del que era o gaiteiro máis impresionante que tiña coñecido.[3] Xosé Casal non podía tamén agacha-la súa admiración por el: «Facía uns vibratos cos seus dedos gordos como chourizos que parecía un violín».[3] «Saboreaba as notas, era moi sentimental. É solteiro, pero pode dicirse que estaba casado coa gaita», lembra o tamén gaiteiro Pepe Temprano.[1]

Notas editar