Fosfoglicerato mutase

A fosfoglicerato mutase (PGM) é un encima que cataliza o oitavo paso da glicólise, no cal se produce a transferencia interna dun grupo fosfato desde o C-3 ao C-2 dunha molécula de fosfoglicerato, convertendo o 3-fosfoglicerato (3PG) en 2-fosfoglicerato (2PG) por medio da formación dun intermediato 2,3-bisfosfoglicerato.

Fosfoglicerato mutase
Identificadores
SímboloPGAM
PfamPF00300
InterProIPR013078
PROSITEPDOC00158
SCOPe3pgm / SUPFAM
Fosfoglicerato mutase 1 (cerebro)
Identificadores
Símbolo PGAM1
Símbolos alt. PGAMA
Entrez 5223
HUGO 8888
OMIM

172250

RefSeq NM_002629
UniProt P18669
Outros datos
Número EC 5.4.2.1
Locus Cr. 10 q25.3
Fosfoglicerato mutase 2 (músculo)
Identificadores
Símbolo PGAM2
Entrez 5224
HUGO 8889
OMIM

261670

RefSeq NM_000290
UniProt P15259
Outros datos
Número EC 5.4.2.1
Locus Cr. 7 p13-p12

Non se debe confundir este encima co encima bisfosfoglicerato mutase, de nome parecido, o cal cataliza unha reacción diferente: a conversión de 1,3-bisfofoglicerato en 2,3-bisfosfoglicerato.

Mecanismo editar

A fosfoglicerato mutase é un encima isomerase, que transfire grupos fosfato (PO32-) desde o carbono 3 do 3-fosfoglicerato ao carbono 2 formando 2-fosfoglicerato. A reacción implica a dous grupos fosforilo distintos e o fosfato final no carbono 2 non é o mesmo fosfato que se retirou do carbono 3, xa que o encima posúe un grupo fosfato propio no sitio activo.

No estado inicial do encima, o sitio activo contén un complexo fosfohistidina formado por fosforilación dun resto específico de histidina. Cando o 3-fosfoglicerato entra no sitio activo, o complexo fosfohistidina sitúase axeitadamente para facilitar a transferencia de fosfato desde o encima ao substrato C-2 orixinando un intermediato 2,3-bisfosfoglicerato.

A desfosforilación da histidina do encima dá lugar a un cambio alostérico local na configuración do encima, que agora deixa enfrontados o grupo fosfato do C-3 do substrato coa histidina do sitio activo do encima e facilita a transferencia do fosfato á histidina, polo que o encima volve ao seu estado inicial fosforilado e libera o produto, o 2-fosfoglicerato.

Resumo da reacción editar

3PG + P-Encima → 2,3BPG + Encima → 2PG + P-Encima

3-fosfoglicerato      intermediato          2-fosfoglicerato

ΔG°′=+1.1kcal/mol

Isoencimas editar

A fosfoglicerato mutase atópase fundamentalemnte como un dímero formado por dúas subunidades idénticas ou moi semellantes de aproximadamente 32kDa. O encima atópase desde en organismos simples como os lévedos ata mamíferos como o Homo sapiens e a súa estrutura está moi conservada en todos eles. (A PGM de levedo está ≈74% conservada en comparación coa forma presente en mamíferos).

Nos mamíferos, as subunidades do encima son dúas, chamadas m e b, que parecen derivar ou ben da forma muscular (tipo m) ou da atopada noutros tecidos (tipo b do cerebro, brain en inglés, órgano onde foi illado orixinalmente o isoencima b, pero que tamén está noutros tecidos). Como é un dímero, o encima pode orixinar tres isoencimas segundo as subunidades que o formen, que poden ser mm, bb ou mb. O tipo mm encóntrase case exclusivamente no músculo liso. O isoencima mb encóntrase no músculo esquelético e cardíaco, e o tipo bb encóntrase no resto dos tecidos. Aínda que os tres isoencimas poden atoparse en calquera tecido en maiores ou menores cantidades, as distribucións indicadas están baseadas na prevalencia de cada isoencima en cada un.

Regulación editar

A reacción catalizada pola fosfoglicerato mutase ten unha enerxía libre de Gibbs lixeiramente positiva, e a reacción pode proceder nas dúuas direccións reversiblemente. Como é unha reacción reversible non é unha reacción importante na regulación da glicólise.

Deficiencia editar

Nos humanos o xene PGAM2 que codifica a forma muscular deste encima está localizado no brazo curto do cromosoma 7 (o tipo b está codificado no cromosoma 10). A disfunción na actividade da fosfoglicerato mutase é un trastorno xenético autosómico recesivo raro, cuxos síntomas van desde leves a moderados, non é mortal e pode contrarrestarse con cambios no estilo de vida. Preséntase como unha miopatía metabólica e é un dos moitos tipos de síndromes que antes se denominaban distrtofias musculares.

O comezo da doenza nótase xeralmente na infancia ou ao inicio da idade adulta aínda que moitos dos que son afectados de forma leve poden non decatarse que a teñen. Xeralmente os pacientes son asintomáticos, excepto cando realizan esforzos musculares breves e intensos, que poden producir mialxias, cambras, necrose muscular e mioglobinuria.[1] Unha característica patolóxica infrecuente da deficiencia de PGAM é a asociación coa formación de agregados tubulares. A debilidade permanente é rara. A doenza non é progresiva e ten un excelente prognóstico.

Proteínas humanas que conteñen este dominio editar

BPGM; PFKFB1; PFKFB2; PFKFB3; PFKFB4; PGAM1; PGAM2; PGAM4; PGAM5; STS1; UBASH3A;

Notas editar

  1. Salameh J, Goyal N, Choudry R, Camelo-Piragua S, Chong PS (2012). "Phosphoglycerate mutase deficiency with tubular aggregates in a patient from panama". Muscle Nerve. PMID 23169535. doi:10.1002/mus.23527. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar