Fiandola

grupo de música galega de base tradiciona

Fiandola é un grupo de música galega de base tradicional. O traballo deste grupo nace da transformación e interiorización da música de raíz de Galicia que se plasma nun modo particular de interpretar esta música e de compoñer novas melodías. Fiandola presenta un repertorio orientado ao baile e ao directo e que se nutre do traballo de campo desenvolvido polos membros do grupo, polos cancioneiros e arquivos dispoñibles e polo traballos de composición e arranxos que eles mesmos elaboran ou por melodías doutros compositores galegos.

Fiandola
OrixeGaliza, Flag of Galicia.svg
Período1995 - actualidade
MembrosAlberto Barreiro
Fran López
Santi Budiño
Anaïs Barbier
Manolo Cobas
Lucía Eiros
Marcos Pérez
Páxina webhttp://fiandola.gal/

TraxectoriaEditar

Fiandola deu os seus primeiros pasos musicais na cidade de Compostela ao abeiro da Universidade de Santiago de Compostela no curso escolar 1995-1996. Os seus membros fundadores son Alberto Barreiro "Warren", Fran López, Edelmiro Fernández, Carolina Nogueira, Manolo Maseda, Cristina Nogueira, Lola Fernández, e Champelo, todos eles de Moaña, Betanzos, Santa Uxía de Ribeira, Burela e Viveiro. Estréanse cun concerto nunha sardiñada popular no santiagués barrio do Meixonfrío. Nese ano 1996 presentáronse ao certame de música folk da Consellería de Familia Muller e Xuventude, da Xunta de Galicia, do que resultaron gañadores xunto cos grupos Silvardeira e Belladona. Resultado deste premio foi a gravación dun disco conxunto no que Fiandola gravou dous temas: Muiñeira do Cura e Jota de Norte - Relouca Petote. O nome que recibiu este traballo discográfico conxunto foi Xuventude'96.

No ano 2004 participaron no traballo discográfico conxunto Chill Out Celta co tema Celanova, un tema de composición de Alberto Barreiro "Warren".

Despois destas dúas experiencias en discos compartidos Fiandola lanzou no ano 2005 ao mercado o seu primeiro traballo discográfico. Este traballo, gravado baixo o nome Bricania, recolle dez temas: Velaí-vai, Maruxiña, Celanova (de Alberto Barreiro "Warren"), Mueveté, Lobios, Tenderé, Mariíña (de Manolo Cobas), Marcial, Rumbas e Santa Comba. Todos estes temas son tradicionais a excepción de Celanova, composta por Warren, e Mariíña, de Manolo Cobas. Neste momento Fiandola mudou a súa formación e está composta por Alberto Barreiro "Warren", Fran López, Lucía Vázquez, Cristina Sánchez, Manolo Cobas, Santiago Budiño e Arantxa Alfaia. Nesta gravación colaboran Xacobe Lamas, Roberto Ezquerro, Iván Costa Blanco e as pandeireteiras do grupo coruñés Donaire.

Despois dun longo percorrido no que actuaron nos mellores festivais de música tradicional e folk de Galicia e da Península Ibérica, o grupo afronta un novo traballo discográfico que ve a luz no ano 2011. Este novo traballo discográfico gravouse baixo o título de Mimá.[1] Unha ducia de temas compoñen este novo traballo: Brasil, Muiñeira do Cura, Ghoxada, Rosas Negras, O Turito, Parabí Papipó, Monfortinos, Danza de Xastre, Marentes, Carelle, Carmiña e A amora. Nove temas son de corte tradicional, ben de recollidas, ben de cancioneiros e arquivos, e tres son de composición: Ghoxada, de Fran López, Parabí Papipó, de Serxio Cobos, e A amora, de Alberto Barreiro "Warren". A letra do tema Rosas Negras é de Rosalía de Castro (Castellanos de Castilla, Cantares Gallegos,1863) que foi levada á melodía deste tango recollido na Illa de Ons. Esta gravación contou coa colaboración de Xacobe Lamas, Lucía Vázquez, Antonio Suárez, Francisco López, Alberto G. Noguerol, Andrés Pandelo, Diego Rodríguez e Miguel A. García. Neste traballo están presentes Alberto Barreiro "Warren", Fran López, Santi Budiño, Cristina Sánchez, Manolo Cobas e Sandro Sotelo.

Segue a este traballo "Volta e media", publicado no ano 2014, ao que se incorporan Pilar Gonçalves no lugar de Cristina Sánchez, á voz; e Antón Suárez, ao clarinete; e Marcos Pérez "Kinhos" que substituirá a Sandro Sotelo á percusión. Este novo traballo discográfico conta con 10 temas: Rumbañeira, Pontella, Outra de Carelle, Doade, De Doncos a Silvela, Rumbaile, Valse de Juanito, Pazos de Borbén, Cuidaoeh! (composición de Fran López) e Mazurcadobre. Durante un período do proceso de preparación deste traballo e desta campaña formou parte do grupo como vocalista solista Alba Gutiérrez, natural de Cabezón de la Sal (Cantabria).

No ano 2019 ve a luz o cuarto traballo discográfico en solitario, "Cordame", un traballo ao que se incorpora a voz de Anaïs Barbier como solista, e nova voz do grupo, que será acompañada en certos temas polas pandeireteiras de Lembranzas da ría (Cangas do Morrazo): Aída Carballo, Ana Novas, Ana Vidal, Claudia Álvarez, Estela Martínez, María García e Marta Camaño. Este disco, igual que os dous anteriores foi gravado no estudio de grabación Edisco, baixo a man do técnico de son Fernando Campos. O traballo conta con 11 temas: Sil, Ván, Posodobre, Vilariños, Caramoniña, Danzas, Xotarelle, Rosariño, Ermida, From Sagrada to Abellá, Esta noite non durmo. O tema Caramoniña está composto por Serxio Cobos.

Durante estes anos participan entre outros en numerosos festivais e concertos: Sala Malatesta (Compostela), Festa do Pan e Ovo (Tenorio), Festival do Castro Alobre (Vilagarcía), Aniversario de Cántigas e Frores (Lugo), Festival de Vilariño (Cangas do Morrazo), Rabafolk (Rábade, Lugo), Sala Rebullón (Mos, Pontevedra), Sala Capitol (Compostela), A Arca da Noe (Vilar de Santos, Ourense), SalaSon (Cangas do Morrazo), Festival Intercéltico do Morrazo (Moaña, Pontevedra)...

A formación musical de Fiandola no ano 2020 está formada por: Alberto Barreiro "Warren" ao acordeón e voz, Fran López, á frauta traveseira, voz e saxo, Santi Budiño, á gaita e voz, Anaïs Barbier, á voz, Manolo Cobas, á percusión e voz, Marcos Pérez "kinhos Saburido" á percusión e Lucía Eiros ao clarinete e gaita.

O 1 de marzo de 2013 élle concedido o premio ao "mellor grupo ou solista de Moaña" dentro dos Premios da Música que organiza o Var con Uve, Abelendo (Moaña).[2]

NotasEditar