Feira do capón de Vilalba

A feira do capón de Vilalba é unha festa gastronómica que se celebra anualmente en Vilalba durante un día da fin de semana previa á Noiteboa, normalmente o 21 de decembro.[1][2] As referencias históricas remontan a existencia da feira do capón ata case 200 anos de antigüidade, xa que nos libros do concello aparecen anotacións do ano 1835. Tradicionalmente, celebrábase na Praza da Igrexa ou de Santa María, mais na actualidade, a feira trasladouse a un recinto cuberto na Praza da Constitución.

Feira do capón de Vilalba de 2016.
Feira do capón de Vilalba de 2016.

O poeta Manuel María describe así o capón e a feira:

"É fermoso no día do Nadal, evocar as vellas feiras vilalbesas dos capóns, e atoparse na íntima praza de Santa María cos pares de capóns moi colocados e curiosos nas súas cestas, o que contrasta a brancura da palla e dos manteis de liño caseiros co dourado capón."

Organización editar

A organización da Feira comeza a principios de ano, coa inscrición dos criadores e o número de exemplares que aportará cada un. En 2004, houbo 90 criadores con máis de 2 000 pitos censados, mais en 2021 o número de criadores baixou a 38 e os capóns a 1 250.[3] Segundo a lexislación europea, só se pode vender o capón baixo a etiqueta de "polo castrado cirurxicamente antes de acadar a súa madurez sexual e sacrificado a unha idade mínima de 150 días; unha vez castrados, os capóns deberán pasar por un período mínimo de engorde de 77 días". (Regulamento CEE nº 1538/91).

Cara ao mes de maio ou xuño comezan as castracións. Os pitos deben ser todos da mesma raza: Label de variedade semipesada. Entre xullo e agosto faise a comprobación das castracións, principalmente dos capados na casa. Neste tempo procédese tamén ó anelado das aves capadas. Este sistema de identificación consiste na colocación dun anel numerado co selo da Asociación de criadores. En setembro continúan as visitas ás granxas, para realizar os controis de rutina e de peso. Nas semanas previas á feira, faise un derradeiro control no que se comproba o estado hixiénico e sanitario dos animais, e se actualiza o censo anotando as posíbeis baixas.

O día do sacrificio (véspera da Feira), realízase un control veterinario dos locais de matanza. Tamén se vai facendo unha primeira inspección dos animais e o último control de peso. Pésanse en canal (desplumados e sen órganos internos) e para entrar na feira deben ter un peso mínimo de 3,5 kg. Contan con Indicación Xeográfica Protexida dende 2017.[3]

Comercialización editar

Para a súa comercialización, o capón preséntase dun xeito especial. No interior do animal, ponse un pau pequeno de abeleira para manter o lombo o máis recto posíbel. A continuación, dóbranse as ás, dirixindo a súa punta cara a arriba, de xeito que queden pousadas sobre o lombo. Por último, colócase a graxa ou ensunlla tamén sobre as costas como mostra da calidade do engorde dos capóns. O último paso na presentación, é a colocación das aves en cestas de vimbio ou madeira, cun recheo de palla e cubertas cun pano branco. Sobre estes panos colócanse os exemplares.

A Feira non só cumpre a función de comercialización dos capóns, senón que nela tamén se fan degustacións do produto e concédense premios ó mellor criador, á mellor cesta e ó mellor par.

Notas editar

  1. "Presentarán este domingo en Vilalba a próxima Feira do Capón, que será o día 21". TerraChá.xa. 22 de novembro de 2022. Consultado o 1 de abril de 2024. 
  2. Palacios, Xosé María (15 de decembro de 2021). "Vilalba recupera la Feira do Capón, que vuelve al 21 de diciembre". La Voz de Galicia. Consultado o 1 de abril de 2024. 
  3. 3,0 3,1 "A Feira do Capón de Vilalba incluirá un showcooking e unha degustación". El Progreso. 14 de decembro de 2021. Consultado o 1 de abril de 2024. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar