Faro da Estaca de Bares
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2016.) |
O faro da Estaca de Bares é un faro localizado na Estaca de Bares, situado a 101 metros de altura na entrada da ría do Barqueiro. É o último faro da costa coruñesa setentrional de toda a Península Ibérica. Está emprazado nunha meseta chamada Ventureiro, sobre un montículo que se prolonga na chamada "punta da Estaca de Bares", da que recibe o nome a que é a fronteira imaxinada onde mesturan as súas augas o Atlántico e o Cantábrico.
Datos xerais | |
---|---|
Localización xeográfica | Cabo Estaca de Bares |
Localización municipal | Mañón, Provincia da Coruña |
Construción | 1850 |
Datos técnicos | |
Código internacional | D-1686 |
Descrición | Poligonal |
Altura sobre o nivel do mar | 101 metros |
Altura sobre o terreo | 10 metros |
Características | GpD (2) B 7,5s |
Período | 0.2+<1.5>+0.2+<5.6>=7.5 |
Alcance | 25 millas náuticas |
A torre ten unha altura de 33 metros; a luz do faro acada un alcance de 25 millas náuticas e está en funcionamento desde o 1 de setembro de 1850. Nun principio prestaban servizo tres torreiros. No ano 1939 instalouse un radiofaro.
Desde 1993 depende da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.
Historia
editarOs seus antecedentes históricos comezan no 1846 cando Pedro Juan de Zulueta, residente en Londres, e o ministro plenipotenciario de Inglaterra enviaron unha proposición á administración española solicitando o establecemento de dous novos faros, un en Fisterra e outro en cabo Ortegal. Consultada a opinión de mariñeiros e prácticos, encontrouse preferible para o segundo a localización prevista para un faro de primeira orde na Estaca de Bares, e ordenouse a confección de ámbolos dous proxectos. Realizados polo enxeñeiro Félix Huegón, comezaron os traballos no mes de decembro do 1849, cun continuo e forte temporal.
O seu custo foi de 131.830 reais. Nos meses de xuño e xullo seguinte, 1850 colocouse o aparello e, despois de terse acendido para facer as probas necesarias, comezou a alumear definitivamente o 1 de setembro do mesmo ano, con aparencia de luz branca xiratoria con eclipses de minuto en minuto.
Estaba servido por tres torreiros, primeiro ou maior, segundo e terceiro. Tiña unha lámpada mecánica Sauttler de tipo reloxería composta de catro partes: a maquinaria, o depósito do aceite, o corpo da bomba e os tubos de ascensión ao acendedor. Este era de cinco mechas e utilizou como combustible o aceite de oliva, a parafina e o petróleo. Funcionou ata o 20 de agosto do 1905. Agás a modificación do carro circular, realizada no 1861, segundo un proxecto de Lucio del Valle para minorar os desgastes das pistas de rodamento, apenas se tivo outras reformas.
O plan Xeral de Obras Públicas do 1939 aprobaría a súa electrificación e a instalación dun radiofaro e dunha sirena, o que supuxo tamén un cambio substancial na habitabilidade e no aspecto externo.
O 16 de setembro do 1948 entrou en servizo unha nova máquina de reloxería, co que aumentou a súa velocidade para dar aparencia de luz variada por lampos cada 10 segundos. O proxecto data do 18 de maio de 1949 e a súa execución deu como resultado o aspecto que ten hoxe.
Coa adopción do faro no 1993 pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, instalouse un equipo luminoso completamente novo. Tamén foi monitorizado o faro na súa totalidade para ser supervisado dende o centro de control sito no porto de Ferrol.
No ano 1998 eliminouse o radiofaro circular LB 100 e instalouse unha estaciόn de DGPS que se encontra funcionando na actualidade.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Faro da Estaca de Bares |
Bibliografía
editar- Pazos, Lino (2003). Faros de Galicia. Guías Galaxia. Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-636-3.