Lapa olímpica

(Redirixido desde "Facho olímpico")

A lapa olímpica, tamén chamada de flama olímpica ou chama olímpica (en inglés: Olympic flame; en francés: Flamme olympique) é un símbolo dos Xogos Olímpicos.[3] Conmemora o roubo do lume dos deuses por parte de Prometeo e a súa posterior entrega á humanidade. As súas orixes remóntanse á antiga Grecia, onde se mantiña un lume a arder nas sedes de celebración dos Xogos Olímpicos. O lume foi reintroducido nos Xogos Olímpicos de Ámsterdam 1928 e desde entón foi parte fundamental dos Xogos Olímpicos Modernos.

A pira olímpica de Londres 2012, conformada por 204 «pétalos» —cuncas de cobre—, foi acesa por sete mozos atletas entre as 00:24 e as 00:38 BST do 28 de xullo de 2012.[1][2]

A Carta Olímpica define a lapa olímpica como «a lapa que se acende en Olimpia baixo a autoridade do Comité Olímpico internacional (COI)», e o facho olímpico como «un facho portábel aprobado polo COI e destinado á combustión da lapa olímpica».[4]

En Berlín 1936 introduciuse por primeira vez unha viaxe de remudas para levar a lapa desde Olimpia á sede dos Xogos. O percorrido do facho olímpico inicia nas ruínas do Templo de Hera, en Olimpia, onde a lapa é acesa cos raios do sol, e culmina co acendemento da pira olímpica durante a cerimonia de apertura na cidade sede. Ao contrario da lapa, o percorrido non ten un precedente antigo.[5]

Acendemento da pira olímpica en Seúl 1988.

NotasEditar