Ex libris

marca de propiedade dun libro

Ex libris é unha locución latina que significa literalmente "de entre os libros",[1] é dicir, libro procedente de entre os libros dunha biblioteca pública ou privada. Un ex libris é unha marca de propiedade que normalmente consiste nunha estampa, etiqueta ou selo que adoita colocarse no reverso da cuberta ou tapa dun libro, e que contén o nome do dono do exemplar ou da biblioteca propietaria. O nome do posuidor vai precedido usualmente da expresión latina ex libris (ou tamén frecuentemente ex bibliotheca, ou e-libris, por exemplo Ex libris Edward N. Crane), aínda que existen variantes (p. ex. "Son de..." ou similares).

Ex libris pertencente a Enrique Soria Medina.

Características editar

Ademais da lenda que acredita a pertenza do libro a unha biblioteca persoal ou institucional, polo xeral o ex libris exhibe tamén algunha imaxe. Os exemplos máis antigos empregan escudos heráldicos; posteriormente predominan imaxes de contido alegórico ou simbólico (moitas veces acompañadas dalgún lema). A tipoloxía das imaxes foise diversificando moito: abundan por exemplo as relacionadas coa profesión, actividade, gremio ou afección do dono, tamén se atopan moitos de contido erótico (que habitualmente sinala a pertenza do exemplar a unha colección especializada nesa temática), de tema "macabro" (con esqueletos ou caveiras alusivos ao paso do tempo e á morte), monogramas etc. Son frecuentes tamén os motivos relacionados co mundo do libro e as bibliotecas.

En canto á elaboración dos ex libris, as técnicas empregadas foron evolucionando e son moi variadas: antes da invención da imprenta os ex libris consistían só nunha anotación manuscrita; desde o século XV viñéronse usando as diversas técnicas de gravado ou estampación relacionadas coas artes do libro (xilografía, calcografía... e despois tamén litografía, serigrafía, fotogravado etc.); a estes procedementos tradicionais engádense hoxe o deseño e impresión por ordenador ou a reprodución fotográfica. Tamén se empregan selos de caucho ou en seco (producen unha estampación en relevo).

Unha variante é a coñecida como superlibros: nesta ocasión a marca escrita de propiedade e a imaxe (usualmente heráldica) figuran na encadernación do exemplar (estampados por gofrado sobre a encadernación en pel, bordados sobre unha encadernación en tea...).

 
Ex libris consistente nunha estampa pegada no reverso da cuberta dun libro. A imaxe probablemente aluda ao lugar de procedencia do dono do exemplar (Empúries).

Historia editar

Adoita citarse como primeiro antecedente unha placa de barro cocido esmaltada en cor azul con inscricións xeroglíficas, conservada no Museo Británico de Londres, que pertenceu ao faraón exipcio Amenhotep III (s. XV a. C.) e que sería utilizada como marchamo de propiedade nos estoxos dos rolos de papiro da súa biblioteca.

En canto a España, o primeiro ex libris do que se ten noticia é o do rei Fruela I (756-768) no reino de Asturias. Durante a Idade Media hai exemplos de marcas de propiedade en códices, que consistían en anotacións manuscritas. É a partir da introdución da imprenta e o uso das técnicas de gravado cando se pode falar xa de ex libris no sentido que se lle dá actualmente ao termo. Como se sinalou, predominan nunha primeira etapa (do século XV ao XVIII) os de tipo heráldico; a partir do século XVIII comezan a prevalecer as alegorías, símbolos ou emblemas.

A finais do século XIX e inicios do XX, os ex libris coñecen un gran florecemento propiciado polo Modernismo. É así mesmo nesta época finisecular, a do auxe da bibliofilia, cando crece o interese por esta afección (exlibrismo), aparecen os primeiros coleccionistas, empezan a xurdir asociacións e comezan a celebrarse congresos e concursos. Xorden tamén nesta etapa os primeiros estudos sobre o tema e as primeiras publicacións especializadas. En España, o primeiro tratadista sobre ex libris foi o Doutor Thebussem (pseudónimo do erudito Mariano Pardo de Figueroa).

Para unha interesante e completa aproximación ao ex libris desde os séculos XV-XVI ata a actualidade, pode consultarse a base de datos de Exlibris da Real Biblioteca de Madrid, en constante actualización, e que contén ao redor de 1200 descricións cun esixente nivel de detalle.

Base de datos de ex libris da Real Biblioteca de Madrid editar

A Real Biblioteca conserva unha colección de ex libris importante e representativa. Está formada por tres tipos de ex libris: os propios da Real Biblioteca; os persoais pertencentes a reis, raíñas ou membros da Casa Real; e os ex libris do bibliófilos cuxas coleccións de libros foron adquiridas ou doadas para a Real Biblioteca.

Esta base de datos contribúe ao estudo e difusión das coleccións librarías que forman parte da Real Biblioteca, identificando, describindo e clasificando as diferentes marcas de posesión: o ex libris, superlibros e outras marcas persoais.

O proxecto, xunto coa base de datos de Encadernacións, mostra o interese da Real Biblioteca polo estudo do exemplar, entendido como conxunto de marcas de identidade que singularizan ao libro e que permiten trazar os distintos aspectos da súa historia particular: coleccionismo, lectura, comercio etc.

A selección desenvolveuse a partir da bibliografía histórica e actual sobre os ex libris. O conde das Navas no seu Catálogo de Impresos (1900) recolleu e reproduciu algúns dos máis frecuentes da Real Biblioteca. Matilde López Serrano en "Ex libris na Biblioteca de Palacio" (1947 e 1976) ampliou ese breve catálogo. Antonio L. Bouza na súa obra Ex libris, tratado general. Su historia general en la corona española (1990)[2] dedicou unha especial atención á análise e descrición dos ex libris propios dos monarcas e membros da Casa Real. A este corpus inicial engadíronse súper libros heráldicos, representativos da sucesión de reinados desde Filipe II a Afonso XIII. Nunha segunda etapa, que se desenvolverá proximamente, incorporaranse os ex libris menos frecuentes e ocasionais.

Trátase dun proxecto aberto á colaboración doutros centros que posúan fondos históricos similares e estean interesados en sumarse e colaborar na realización desta iniciativa. O deseño da base de datos, o formulario de procura, as páxinas de resultados, e calquera outro aspecto técnico, tamén son susceptible de modificacións. Por outra banda, facilitarase o acceso e un pequeno manual a todas as bibliotecas que queiran utilizar esta base de datos para catalogar os seus ex libris.

Así, á marxe dos libros da Real Biblioteca, introducíronse dezaseis ex libris procedentes dos fondos da Biblioteca Xeral Universitaria de Salamanca, descritos por Óscar Lilao (USAL. BGUS), e un total de 43 identificativos das bibliotecas particulares doutros tantos membros da Asociación de Bibliófilos de Barcelona. Esta última contribución é obra do estudoso Germán Masid.

Notas editar

  1. Sánchez Doncel, Gregorio (2003). Diccionario de latinismos y frases latinas. Madrid: Editorial Noesis. p. 142. ISBN 84-87462-32-4. 
  2. EL EX LIBRIS. TRATADO GENERAL. SU HISTORIA EN LA CORONA ESPAÑOLA. Madrid, Patrimonio Nacional, 1990, 148 pág.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar