Eurogrupo
O Eurogrupo é un órgano informal no que os ministros dos 19 Estados membros da eurozona examinan cuestións vinculadas ás responsabilidades comúns dos seus respectivos países en relación co euro.[1]
Pertencente ao ámbito da Unión Europea (UE), o Eurogrupo congrega polo menos unha vez ao mes aos ministros de Economía e Finanzas dos Estados membros da Unión cuxa moeda é o euro (Francia, Bélxica, Países Baixos, Luxemburgo, Alemaña, Italia, Irlanda, Grecia, Portugal, España, Austria, Finlandia, Eslovenia, Chipre, Malta, Eslovaquia, Estonia, Letonia e Lituania), ao presidente do Banco Central Europeo, ao comisario europeo de Asuntos Económicos e Monetarios e ao seu propio presidente, elixido por maioría dos Estados membros para un período de dous anos e medio.
Dentro do suposto déficit democrático da Unión Europea, a natureza xurídica do Eurogrupo é discutida por ser un órgano integrado no Consello e estar por tanto institucionalizado, pero mantendo porén o seu carácter informal. Este carácter dual vén así mesmo recollido, con idéntica ambigüidade, no Protocolo número 14 dos Tratados da Unión Europea, que o regula desde a entrada en vigor do Tratado de Lisboa, como un signo máis da súa progresiva institucionalización. Todo isto leva a algúns comunitaristas a consideralo unha formación moi peculiar do Consello.
Debates
editarO Eurogrupo debate periodicamente:[1]
- a situación da economía e as perspectivas da eurozona
- as políticas orzamentarias dos Estados membros eurozona
- a situación macroeconómica da eurozona
- as reformas estruturais con potencial para aumentar o crecemento
- as cuestións relacionadas co mantemento da estabilidade financeira en eurozona
- os preparativos das reunions internacionais
- a ampliación da eurozona
Ademais, o Eurogrupo pode celebrar debates preliminares sobre decisións do Consello que se aplicarían soamente aos Estados membros da eurozona. Cando o Consello adopta ditas decisions, unicamente votan no Consello os ministros dos Estados membros da eurozona.
O Eurogrupo tamén debate as condicións da axuda financeira aos países da zona do euro que se enfrontan a graves dificultades financeiras.
Historia
editarO Eurogrupo, anteriormente coñecido como Euro-X e Euro-XI en relación co número de Estados que adoptaron o euro, estableceuse a petción de Francia como un foro de coordinación e consulta de políticas sobre asuntos da eurozona.[2] O Consello Europeo de decembro de 1997 aprobou a súa creación e a primeira reunión celebrouse o 4 de xuño de 1998 no castelo de Senningen (Luxemburgo).[3]
Inicialmente, o presidente do Eurogrupo reflectiu o da presidencia rotativa do Consello da Unión Europea, excepto cando a presidencia do Consello estaba en mans dun país que non pertencía á eurozona, en cuxo caso a presidencia estaba en mans do próximo país da eurozona que ocuparía a presidencia do Consello. En 2004, os ministros decidiron elixir un presidente e, en 2008, o grupo celebrou un cume de Xefes de Estado e de Goberno, en lugar de ministros de finanzas, por primeira vez.[4] Isto coñeceuse como "o cume do euro", e celebráronse reunións de forma irregular durante a crise do euro.
Desde o comezo da unión monetaria o seu papel creceu no que respecta á gobernanza económica do euro. O feito de que o grupo se reúna xusto antes do consello de Ecofin significa que pode aprobar previamente todas as decisións do Ecofin sobre os asuntos da eurozona.[5] En 2009, o Tratado de Lisboa formalizou o grupo e o seu presidente.
O 4 de decembro de 2017 o ministro de Finanzas portugués Mário Centeno foi elixido presidente do Eurogrupo en substitución do neerlandés Jeroen Dijsselbloem ao finalizar o mandato deste, que estivo á fronte deste órgano desde o 21 de xaneiro de 2013. Centeno impúxose na votación ao eslovaco Peter Kazimír, a letoa Dana Reizniece e o luxemburgués Pierre Gramegna.[6]
O seu sucesor, e actual presidente, foi o político irlandés Paschal Donohoe, que obtivo once do total dos dezanove votos, fronte aos oito da Ministra de Economía española Nadia Calviño, nunhas votacións que se celebraron despois de que Gramegna renunciara á súa candidatura tras empatar con Donohoe na primeira volta. Calviño contou co apoio dalgunhas das maiores economías da zona euro: España, Alemaña, Italia e Francia, mais Donohoe conseguiu sumar áos seus apoios os do retirado candidato luxemburgués, ademais dun voto extra que fora para Calviño na primeira volta. Ocupou o seu cargo o 13 de xullo de 2020.[7]
Cometidos
editarAs funcións de Eurogrupo son as de examinar en común as cuestións que afectan especificamente á eurozona, discutilas e adoptar no seu caso as conclusións oportunas,[8] para levalas a efecto. É o foro onde preferentemente se coordinan e supervisan as políticas e estratexias económicas comúns que adoptan os Estados da eurozona. Seu papel como coordinador e órgano de gobernanza económica europea adquiriu relevancia ultimamente, en especial a raíz da grave crise da débeda soberana de Grecia.
Cando o Eurogrupo se reúne a nivel de Xefes de Estado e de Goberno é presidido polo Presidente do Consello Europeo. O Eurogrupo está asistido pola Secretaría Xeral do Consello da Unión Europea.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "¿Cómo funciona el Eurogrupo?". Consejo de la Unión Europea. Eurogrupo. 3 de decembro de 2020. Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2021. Consultado o 28 de outubro de 2021.
- ↑ "An economic government for the Eurozone?" (PDF). The Federal Trust. Archived from the original on 17 de xullo de 2011. Consultado o 28 de outubro de 2021.
- ↑ "L’Eurogroupe fête ses 20 ans: déjeuner d’anniversaire au château de Senningen". 21 de xuño de 2018. Consultado o 28 de outubro de 2021.
- ↑ Germany rejects idea of eurozone 'economic government': report, EU Business (21 de outubro de 2008).
- ↑ Schwarzer, Daniela (24 de novembro de 2006): Institutionalisation through the back door Arquivado 06 de febreiro de 2013 en Wayback Machine., Eurozone Watch
- ↑ "El portugués Mario Centeno, nuevo presidente del Eurogrupo". 20 minutos. 4 de decembro de 2017. Consultado o 28 de outubro de 2021.
- ↑ Enrique Serbeto (10 de xullo de 2020). Diario ABC, ed. "El irlandés Donohoe derrota a Calviño en la elección del presidente del Eurogrupo". Consultado o 28 de outubro de 2021.
- ↑ Protocolo nº14 sobre el Eurogrupo (Tratados de la Unión)