Consello Europeo

institución europea

O Consello Europeo é unha das sete altas Institucións da Unión Europea, integrada polos vinte e sete Xefes de Estado ou de Goberno dos Estados da Unión, máis o seu Presidente e o Presidente da Comisión Europea. A súa composición e a lóxica do seu funcionamento convérteno nun órgano de natureza predominantemente intergubernamental. As súas funcións son de orientación política, fixando as grandes directrices e obxectivos da Unión nos ámbitos máis relevantes; a potestade lexislativa estalle expresamente vedada polos Tratados. As súas reunións, de carácter ordinariamente trimestral, adoitan chamarse como "cumes europeas" ou "reunións na cume" debido á importancia dos seus asistentes, pero dende a entrada en vigor do Tratado de Lisboa, o 1 de decembro do 2009, o Consello Europeo é unha institución constitucional comunitaria de pleno Dereito e como tal debe actuar, ao servizo do acordo e integración dos intereses nacionais cos europeos. Non debe confundirse co Consello da Unión Europea, institución da Unión, colexisladora xunto ao Parlamento Europeo e integrada polos ministros dos EE.mm. máis un Comisario, nin tampouco co Consello de Europa, organización internacional de ámbito europeo allea á Unión Europea. As súas oficinas encóntranse no edificio "Justus Lipsus" de Bruxelas, sede do Consello da Unión Europea, aínda que se está a construír unha sede institucional propia e autónoma no "Residence Palace" de Bruxelas.

Historia

editar

O Consello Europeo creouse por decisión dos Xefes de Estado ou de Goberno dos estados membros das entón Comunidades Europeas reunidos nunha conferencia celebrada en París os días 9 e 10 de decembro de 1974. A iniciativa partiu do presidente francés Valéry Giscard d'Estaign e do chanceler alemán Helmut Schmidt que propuxeron aos outros Xefes de Goberno institucionalizar as cumes que ata entón se realizaran de forma irregular a petición dalgún dos estados membros e así acordaron reunirse polo menos dúas veces por ano, e adicionalmente, todas as que foran necesarias. O primeiro Consello Europeo celebrouse en Dublín, en marzo de 1975, baixo Presidencia irlandesa da Unión. A primeira vez que o órgano se mencionou nun tratado foi coa Acta Única Europea asinada en febreiro de 1986. Foi institucionalizado, con matices, polo Tratado de Maastricht de 1991 que lle adicou un artigo no Tratado da Unión Europea.

Competencias

editar

Oficialmente encárgase de dar á Unión os impulsos necesarios para o seu desenvolvemento e define as orientacións políticas xerais. Ten un carácter eminentemente político. No seu seo tamén se discuten todos os temas importantes que concirnen á UE e ás súas políticas e decídense ou propóñense os nomeamentos importantes. Así, é o Consello Europeo quen propón ao Parlamento europeo, a través do seu Presidente, un candidato á presidencia da Comisión Europea, e é ao Consello Europeo a quen corresponde, co acordo do Presidente da Comisión Europea, ao Alto Representante da Unión para Asuntos Exteriores. Ao final de cada reunión oficial do Consello Europeo publícanse as Conclusións da Presidencia onde aparece todo o acordado na reunión. Sobre a base do devandito informe, o Presidente do Consello Europeo comparece para dar conta da presidencia ante o Parlamento Europeo.

Composición

editar

Son membros natos do Consello Europeo os Xefes de Estado e/ou de Goberno dos Estados da Unión, así como o Presidente da Comisión Europea, que posúe voz, pero non voto. Participa nas súas reunións o Alto Representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade. Os Xefes de Estado ou de Goberno poderán, por convite do Presidente cando a situación o esixa, verse asistidos nas reunións polos seus ministros de Asuntos Exteriores, e o Presidente da Comisión Europea polo seu Vicepresidente para Asuntos Exteriores, o Alto Representante. Excepcionalmente, cando se deliberou sobre materias relacionadas coa Unión Económica e Monetaria, tamén foron invitados os ministros de Economía e Facenda, tal e como está previsto na Declaración 4ª do Tratado da Unión Europea. As súas reunións de traballo sepáranse en dúas sesións. Á primeira sesión o Presidente do Consello Europeo invita o Presidente do Parlamento Europeo a comparecer e, no seu caso, a outras personalidades senlleiras.

Presidencia

editar

Dende a entrada en vigor do Tratado de Lisboa o 1 de decembro de 2009, o Consello Europeo está dirixido e coordinado por un Presidente estable, concluíndose deste modo as antigas presidencias semestrais, que en diante limítanse só ao Consello da Unión Europea e serven tan só de apoio político e loxístico ás actividades e responsabilidades do Presidente no Consello Europeo. A súa designación corresponde ao pleno, e o seu mandato establécese por un período de dous anos e medio, renovables unha soa vez. As súas funcións son presidir as reunións, impulsar a súa actividade favorecendo os acordos e o consenso no seu seo, coordinar e soster a dirección dos seus traballos, e representar á Unión Europea no ámbito das relacións internacionais no nivel que lle é propio, isto é: nas cumes, conferencias e reunións nas que participen xefes de Estado e de Goberno estranxeiros. Tamén lle corresponde no ámbito interno, como é natural, a máxima representación da Institución que preside.

O Presidente do Consello Europeo áchase asistido en todo momento por tres órganos que, pertencendo ao Consello da Unión Europea, estenden non obstante as súas funcións de asistencia ao Consello Europeo, por imperativo legal: a Secretaría Xeral do Consello, que actúa como infraestrutura administrativa; a Presidencia rotatoria, que debe apoiar e facilitar as súas tarefas ao servizo do Presidente do Consello Europeo; e o Consello de Asuntos Xerais, formación do Consello da UE cuxa función é, entre outras de índole lexislativa e de coordinación deste, a de garantir co seu apoio a continuidade e preparación dos traballos e reunións do Consello Europeo. O actual Presidente do Consello Europeo é o ex-Primeiro Ministro federal de Bélxica Herman Van Rompuy, pertencente á corrente democristiá do Partido Popular Europeo.

En principio as reunións celebrábanse só ao final de cada presidencia e no territorio do Estado que a ostentara, pero fóronse engadindo reunións extraordinarias a mediados da presidencia que se celebraban en Bruxelas. Por último en 2003 e dadas as dimensións que colleron estás reunións, decidiuse que as reunións oficiais se celebrasen sempre en Bruxelas, no edificio Justus Lipsius.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar