Eugenio Granell
Eugenio Fernández Granell, nado na Coruña o 28 de novembro de 1912 e finado o 24 de outubro de 2001, foi un pintor e escritor galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 28 de novembro de 1912 A Coruña, España |
Morte | 24 de outubro de 2001 (88 anos) Madrid, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Campo de traballo | Surrealismo, literatura española, música, music criticism (en) , Prosa, novela e ensaio |
Ocupación | pintor , músico , crítico musical , escritor , debuxante , profesor universitario |
Período de actividade | (Con vida en: 1900 ) |
Empregador | Universidade da Cidade de Nova York |
Membro de | |
Lingua | Lingua castelá |
Familia | |
Cónxuxe | Amparo Segarra |
Irmáns | Mario Granell |
Premios
| |
Traxectoria
editarViviu a maior parte da súa infancia en Santiago de Compostela. En 1928 trasladouse a Madrid para cursar estudos de violín na Escuela Superior de Música. Alí coñeceu o compositor e director Enrique Casal Chapí. Comezou a asistir a faladoiros políticos e literarios nos cafés madrileños. Os seus amigos Benjamín Péret e Wilfredo Lam achegárono á órbita do Partido Obrero de Unificación Marxista (POUM), no que comezou a militar en 1935.
Ao iniciarse a sublevación do 18 de xullo de 1936 uniuse ás milicias para defender a capital e combinou esta actividade coa dirección de El Combatiente Rojo, o periódico do POUM. Finalizada a guerra foi dobremente perseguido: dunha banda polo vitorioso exército fascista e por outra polos seus propios camaradas comunistas, ao ser considerado o POUM inimigo do comunismo.
Exilio
editarEn 1939 trasladouse a Francia e pasou por diversos campos de concentración ata que, logo de varios intentos, conseguiu fuxir e chegar a París para buscar unha saída á súa situación, partindo a Suramérica. No tren que o conducía ao porto de Le Havre coñeceu a Amparo Segarra, catalá que fuxía da represión franquista, que se converteu na súa compañeira.[1]
Embarcaron cara a Chile pero, ante a imposibilidade deste país para acoller máis refuxiados, desvíanse á República Dominicana, onde se instalou xunto a Amparo na capital, Ciudad Trujillo. Alí entrou a formar parte da Orquestra Sinfónica como primeiro violín. En 1941 coñeceu a André Breton ao entrevistalo para o diario La Nación. Deste encontro xurdiu unha amizade que durou ata a morte deste en 1966. En 1944 publicou o libro de relatos El hombre verde[2]
En 1946 co endurecemento da ditadura de Trujillo, negouse a asinar unha carta de adhesión ao réxime, polo que el e a súa muller deben abandonar o país, e trasládanse a Guatemala. Alí ingresa como profesor na Escuela de Artes Plásticas, mantendo unha intensa actividade cultural. Colaborou na Radio Nacional de Guatemala, publicou artigos nas revistas Plástica e Revista de Guatemala e participou na creación da Asociación Guatemalteca de Escritores y Artistas Revolucionarios (AGEAR).
Ao inicio da revolución guatemalteca, en 1950, tivo que fuxir do país por temor á persecución stalinista. Esta vez a familia Granell-Segarra marchou a Porto Rico, onde o artista ocupou a cátedra de Historia da Arte na Facultade de Humanidades. Nestes anos publicou Isla cofre mítico[3] e participou en diversas exposicións colectivas na universidade portorriqueña. Aquí naceu a súa profunda amizade con Juan Ramón Jiménez[2]
En 1958 coñeceu a Marcel Duchamp, que loou a súa arte -poética e pictórica-, o que levou a Granell a reforzar a súa actividade como pintor surrealista. Ese ano trasladouse a Nova York de forma definitiva, e ingresou como catedrático de Literatura Española no Brooklyn College. Xunto á súa tese de doutoramento Sociological Perspectives of Guernica -coñecida en castelán como El Guernica de Picasso; el fin de una era española- publicou Federica no era tonta y otros cuentos e La leyenda de Lorca y otros escritos.
Regreso a España
editarTrasladouse a España definitivamente en 1985. Recibiu numerosos premios como a Medalla de Oro de las Bellas Artes e a Medalla de Ouro de Galicia (2001).
Fundación Eugenio Granell
editarA Fundación Eugenio Granell estableceuse en Santiago de Compostela en 1995, cidade da que foi nomeado fillo adoptivo en 1997. A súa se principal está no Pazo de Bendaña.
Características da súa obra pictórica
editarSegundo viaxou e se rodeou de diferentes autores contemporáneos, as influencias variaron as características xerais da súa obra pictórica, que se desglosan nos seguintes subapartados:
Santo Domingo 1940-1947
editar- El hilo del azar (s/f)
- Descanso en las nubes (1942)
- Figuras jugando (1945)
- Armida (1943)
- Amistad (1946)
As obras desta primeira etapa caracterízanse pola heteroxeneidade de iconografía e estilo, consecuencia de diversas influencias como as de Picasso, Wilfredo Lam ou Miró. Hai obras moi diversas; os seus trazos máis representativos son a facilidade de debuxo, unha maior tendencia cara cores máis planos que noutras etapas posteriores, organicidade de formas e unha valoración do oco xunto con certo dinamismo, influenciados pola obra de Picasso dos anos 20. Nesta etapa tamén hai unha presenza de figuras antropomorfas, como por exemplo en Armida (1943).
Guatemala 1947-1950
editar- Cabeza de indio (1945)
- Curandero indio (1946)
- Los blasones mágicos del vuelo tropical (1947) [4]
A influencia de Picasso volve estar moi presente nesta segunda etapa, na que leva a cabo unha serie de retratos de cabezas de amerindios, como por exemplo Cabeza de indio ou Curandero indio; que presentan trazos étnicos e mostran unha estética derivada do cubismo con elementos que refiren ás vangardas históricas europeas. Así encontramos unha alusión a máscaras de civilizacións primitivas, con gran cromatismo, síntese de formas, trazos lineais grosos que definen o contorno e as liñas básicas da composición resólvense cun gusto xeométrico-construtivo (triángulos, rombos, trapecios...). Ademais caracterízanse pola ausencia de fondo, configurándose cunha cor plana ou con pequenos indicios de gradación tonal.
Porto Rico 1950-1956
editar- Noche de paz noche de amor (1956)
- Génesis probable del blasón (1956)
- La vitrina del entomólogo (1952-1954)
Trátase da etapa de plena madurez do pintor, nela as metamorfoses ampliarán o seu espectro e definición formal. A súa obra é máis pictórica que nunca, enfatizando a gradación tonal, a definición lineal, a descrición morfolóxica das súas criaturas, o relevo e o cromatismo. Deriva cara a construcións orgánicas, ás veces non exentas de erotismo e nas que será complicado recoñecer se neses conxuntos metamorfoseados se atopan personaxes fantásticas, máquinas descoñecidas ou paisaxes oníricas e siderais. Hai polo tanto unha indefinición cognoscitiva que contrasta co gran detalle formal co que se resolven tecnicamente as imaxes.
Estados Unidos 1956-1985
editar- Figuras llamando a una puerta incendiada (1976)
- El volcán de agua (1954)
- La estrella de Perseo (1957)
- El palacio flotante en algas y corales (1963)
- La dama del aire (1976)
Nesta etapa comeza a variar a técnica de execución dos seus cadros e debuxos paulatinamente. Nos cadros comezará a aplicar a pintura con pequenas pinceladas xustapostas, a xeito de escamas, cun resultado final semellante a un mosaico, cuns contornos moi definidos que, como teselas, delimitan as formas e as cores. Preferencia pola abstracción, na pintura desaparece a figuración en 1957, cando a familia aséntase definitivamente en Nova York. Estas características danse nalgúns cadros como El volcán de agua, La estrella de Perseo, El palacio flotante en algas y corales. Trátase de antecedentes que darán pé aos Paisajes Mágicos. Comezan as alusións semánticas ao paisaxe, como en El volcán de agua.
No ano 1972 prodúcese unha volta á figuración, desaparecendo a técnica das pinceladas a xeito de escama, mudándoo por un estilo moi caligráfico de trazos barroquizantes. A cor adquirirá grandes dimensións chegando a ser en ocasións o aspecto máis rechamante dos cadros. As pinturas adquiren, máis que nunca, unha dimensión que se achega ao mundo da ilustración infantil, tomando presenza algúns xogos ou personaxes próximos á estética da banda deseñada. Está presente a influencia do pop-art.
España 1985-2001
editar- Escaramuza tribal en el centro mismo de Madrid (1993)
- El pajarero busca a su ruiseñor (1993)
- El artista escultor atempera con flores la rebelión de sus monumentos (1989)
- El príncipe constante (1990)
Nesta etapa faise patente unha simplificación cromática e a redución dos elementos compositivos. É común que o fondo prescinda de escenografía, configurándose en liñas de horizonte simples ou quebradas, que delimitarán masas de cores planas de distinta intensidade. Estes recursos potencian a monumentalidade das figuras e incrementa a descrición das roupas e a morfoloxía das mesmas, provocando un forte contraste. Poténciase a falla de perspectiva e polo tanto, o achandamento do conxunto. Ademais hai un incremento do uso da cor negra, tanto como liña de contorno xeradora de formas como unha cor autónoma máis. Outro grupo de obras caracterízase por composicións máis barrocas, próximas á indefinición naturalista, con fortes contrastes cromáticos e ausencia de gradación tonal.
O cinema de Eugenio Granell
editarA principios da década de 1960 Eugenio Granell filmou unha serie de películas experimentais en 8mm e escribiu uns guións cinematográficos de espíritu surrealista. As súas películas divídense en dous campos: por unha banda realizou unhas películas filmadas, que van desde a narración surrealista ao cinema puro; e por outra uns filmes abstractos, non fotografados, nos que o artista manipula directamente a tira de película e a súa emulsión. Película hecha en casa con pelota y muñeca (1962) é unha narración surrealista que tenta pór en imaxes os seus guións. Trompos (1961) e Middlebury (1962) son exemplos de cinema puro, non narrativo. Na primeira, unhas buxainas, que Marcel Duchamp lle dera a Granell, móvense na pantalla, nuns planos cenitais, xogando co espazo entre o campo e o fora de campo. Middlebury consta de dúas bobinas nas que se filmou dúas veces un encontro campestre, polo que todas as imaxes están superpostas. Casa (1963) é unha breve peza na que se retrata os espazo interior da vivenda do artista.
As películas abstractas son Invierno (1960), Lluvia (1961) e Dibujo (1961). A primeira e a última están pintadas directamente sobre o celuloide; Lluvia, pola contra, crea as súas imaxes rascando a emulsión fotográfica velada.[5]
A literatura de Eugenio Granell
editarEugenio Granell publicou tres novelas en México. La novela del Indio Tupinamba (1959) é unha "sátira política" e alegoría da Guerra Civil española; El clavo (1967) é unha "distopía" e Lo que sucedió... (1968), gañadora do premio Don Quijote de 1967, é unha "crónica social".[6] La novela del Indio Tupinamba foi traducida ao inglés como The Novel of the Tupinamba Indian por David Coulter (City Lights Publishers, 2018).
Filmografía
editar- Invierno (1960)
- Lluvia (1961)
- Dibujo (1961)
- Trompos (1961)
- Middlebury (1962)
- Película hecha en casa con pelota y muñeca (1962)
- Casa (1963)
Guións cinematográficos
editarNovelas
editar- La novela del Indio Tupinamba (1959)
- El clavo (1967)
- Lo que sucedió... (1968)
Notas
editar- ↑ VV.AA., Eugenio Fernández Granell, Ministerio de Asuntos Exteriores, Dirección General de Relaciones Culturales y Científicas, Madrid, 2003.
- ↑ 2,0 2,1 VVAA Eugenio F. Granell. Una visió surrealista, Sala Dalmau de Barcelona. VVAA Catálogo de Eugenio Granell en Sala Dalmau. Noviembre 2010 – enero 2011
- ↑ En 2004 foi incluída na Biblioteca Gallega de Autores en Castellano de La Voz de Galicia
- ↑ Vázquez Varela, Yzquierdo Perrín, García Iglesias e Castro Fernández (1996). 100 obras mestras da Arte Galega. Vigo: Nigra Arte. pp. 196–197. ISBN 84-87709-50-8.
- ↑ Pagán, Alberte (2003). "O cinema segundo Eugenio Granell". Imaxes do soño en liberdade. O cinema de Eugenio Granell. pp. 111-185.
- ↑ Pagán, Alberte (2003). Imaxes do soño en liberdade. O cinema de Eugenio Granell. CGAI, Fundación Granell. p. 51.
- ↑ Ruiz, Javier (ed.) (1990). Eugenio Granell. Exposición antológica. 1940-1990. Consejería de Cultura de Madrid. p. 363.
- ↑ Pagán, Alberte (2013). "Arqueoloxías cinematográficas", en Granell e o cine. Unha película de vinte minutos, Xunta de Galicia.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Pagán, Alberte (2003). Imaxes do soño en liberdade. O cinema de Eugenio Granell. CGAI, Fundación Granell. ISBN 978-84-453-3478-2
- Dicionario biográfico de Galicia. Ir Indo Edicións. 2010-2011.
- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- González Forte, Violeta (2020). Eugenio Granell. Regreso de un surrealista exiliado. Alvarellos. ISBN 978-84-16460-89-2.
Ligazóns externas
editar- "Fundación Eugenio Granell" (en varias linguas). Consultado o 8 de xullo de 2018.
- Eugenio Granell na Colección Afundación.
- "Eugenio Granell en Sala Dalmau". "Selección de obras".