Na mitoloxía grega, Etra foi a filla de Piteo, rei de Trecén (Grecia). Mantivo unha breve relación con Exeo, rei de Atenas, e tivo un fillo, Teseo. O caso é que na mesma noite en que se deitara con el foi á illa de Esferia para realizar un sacrificio [1], e alí foi violada por Poseidón, de xeito que non hai seguridade de que Teseo fose fillo de Exeo ou de Poseidón [2].

Etra mostra ó seu fillo Teseo as armas agochadas polo seu pai (Laurent de La Hyre, 1635-1636, Museo de Belas Artes, Budapest)

A tradición conta que Exeo fora a Delfos a consultar a pitia qué tiña que facer para conseguir ter un fillo, pero non soubo interpretar o oráculo: "Non desates o pé que sobresae do odre de viño ata chegar ó máis alto da cidade de Atenas". Ó regreso parou en Trecén e Piteo si que o entendeu [3], polo que o emborrachou e amañou as cousas para que se deitara coa súa filla, Etra [4], sen que Exeo notase a manobra.

Exeo regresou a Atenas pero antes encargou a Etra que, se tiña un fillo seu, o educara sen revelarlle o nome do pai, á vez que lle deixaba unha espada e unhas sandalias agochadas baixo unha gran pedra, para que, cando o meniño chegase a unha idade suficiente como para poder levantar a pedra, atopase neses obxectos a forma de saber quen era o seu pai. Etra criou soa a Teseo na cidade de Trecén e, cando o rapaz cumpriu os dezaseis anos, desveloulle o segredo da súa paternidade e levoulle ata esa pedra. Teseo recuperou a espada e as sandalias e marchou a Atenas para coñecer ó pai.

"Neptuno e Exeo deitáronse a mesma noite con Etra, filla de Piteo, no templo de Minerva. Neptuno concedeu a paternidade a Exeo. Cando este se dispoñía a regresar desde Trecén a Atenas, puxo a súa espada debaixo dunha rocha e ordenou a Etra envialo ó seu lado en canto puidese levantar a rocha e empuñar a espada do seu pai. Así, tería unha proba para recoñecer ó seu fillo"
Hixino 37.1-3 [5]

Teseo e o seu compañeiro Pirítoo raptaron a Helena de Troia cando esta aínda era meniña, con 12 anos de idade [6], aproveitando que estaba soa ofrecendo un sacrificio. Botárona a sortes e correspondeulle a Teseo (ou ben Teseo escolleuna para si) pero os atenienses non a aceptaron na cidade, polo que tivo que levala onda a súa nai, Etra, e confiala ó seu coidado ata que alcanzase a maioría de idade. Pero os irmáns de Helena, os Dióscuros Cástor e Pólux, foron liberala, destruíron a cidade onde a tiñan cativa e, de por parte, capturaron como prisioneira a Etra e a Fisadia (ou Tisiadia), irmá de Pirítoo, e entregáronnas a Helena como escravas. Cando Helena marchou con Paris a Troia -voluntariamente ou non- ía acompañada por Etra. Mesmo algunha fonte di que foi a propia Etra a que aconsellou a Helena abandonar a Menelao e fuxir con Paris [7].

En Troia, Etra recibiu o encargo de criar a Múnito, fillo de Laódice (unha das fillas de Príamo, rei de Troia) e Acamante (un dos fillos de Teseo, é dicir, neto da propia Etra, que loitaba cos gregos contra Troia). Trala conquista e destrución de Troia polos gregos, Etra aproveitou o caos en que estaba a cidade e fuxiu co meniño cara ás naves gregas, e alí atopouse cos seus bisnetos, Acamante e Demofonte, que a recoñeceron e liberaron [8][9]. Demofonte pediu a Agamenón que a liberara da súa condición de escrava e Agamenón pediullo á súa vez a Helena (Etra era escrava de Helena), ó que ela accedeu de grado[10].

A lenda remata coa morte de Etra, que se suicidou ó coñecer a morte de Teseo [11].

Notas editar

  1. Inducida por Atenea, que inspirou nela o desexo de ir alá esa noite.
  2. Plutarco afirmaba que foi Piteo quen difundiu esta versión coa intención de que Teseo fose considerado fillo dun deus.
  3. Juan Antonio López Férez, tradutor das Tragedias de Eurípides, interprétao así: "O odre é unha alusión ó ventre. O pé é un eufemismo para refirirse ó membro viril. Este oráculo, recollido por Plutarco, 'Teseo' 3, ten un claro sentido erótico, a saber, manda a Exeo que non se deite con ningunha muller ata chegar a Atenas" (Eurípides, nota 40, px. 183).
  4. Nese momento pretendida por Belerofonte.
  5. Hixino, poeta romano, utiliza os nomes de Neptuno e Minerva para designar ós deuses gregos Poseidón e Atenea.
  6. Apolodoro, Epítome I.23.
  7. Grimal, s.v. Etra.
  8. Pero coa condición esixida por Agamenón de renunciar a calquera outro botín de guerra.
  9. Grimal, s.v. Múnito, s.v. Acamante; Graves, px. 757-758.
  10. Pausanias X, 25.8.
  11. Hixino 243.2.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar