Estadio Nacional Vasil Levski
O Estadio Nacional Vasil Levski (en búlgaro: Национален стадион „Васил Левски“) é un estadio situado en Sofía, capital de Bulgaria. Recibe o seu nome do revolucionario búlgaro e heroe nacional Vasil Levski, e é o segundo estadio máis grande do país. Conta con capacidade para 43 230 espectadores e atópase no centro da cidade, dentro do parque máis antigo e famoso da cidade, o Borisova gradina. Nel xoga como local a selección de fútbol de Bulrgaria e dispútanse nel as finais da Copa de Bulgaria de fútbol, así como competicións de atletismo. Tamén ten sido usado para partidos da Liga de Campións do Levski Sofía, e adoitan disputarse nel os derbis entre os grandes clubs de Sofía, en lugar dos seus propios estadios.
Estadio Nacional Vasil Levski | |
---|---|
Datos | |
Coordenadas | 42°41′15″N 23°20′08″L / 42.687583, 23.335444 |
Localización | Sofía, Bulgaria |
Construción | |
Inauguración | 5 de xullo de 1953 |
Arquitecto | Kano Dundakov |
Estadio | |
Superficie | Herba |
Dimensións | 105 x 68 m. |
Capacidade | 43 230 |
Propietario | Ministerio de Educación Física e Deporte de Bulgaria |
Operadora | Ministerio de Educación Física e Deporte de Bulgaria |
Localía | PFC Levski Sofia (1934–1950) Selección de fútbol de Bulgaria (1950–)) CSKA 1948 Sofia (2016–2021) |
Eventos | |
| |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarAntes da creación do actual estadio nacional, outros dous estadios estaban situados no terreo no que este se atopa. Un deles era o estadio do Levski Sofia, chamado Campo Levski (en búlgaro: Igrishte Levski) rematado en 1934, e o outro, o Estadio Yunak, construído en 1928. Este último contaba con capacidade para uns 15 000 espectadores e adoitaba albergar os partidos da selección de fútbol de Bulgaria. O Levski foi compensado pola súa perda cun terreo nos suburbios de Sofía onde se lles permitiu construír un novo estadio, o actual Georgi Asparuhov.
O estadio Vasil Levski completouse en 1953, cunha capacidade anunciada de 42 000 espectadores.[1] Orixinalmente só se construíu o nivel inferior de bancadas (aproximadamente a metade da altura das actuais) e, debido á irregularidade do terreo, o extremo oeste do campo e as bancadas estaban por debaixo do nivel do chan.[2] O anel superior foi construído aproximadamente unha década despois, e as actuais torres de iluminación instaláronse a finais dos anos 60.
O estadio Vasil Levski foi usado para competicións de atletismo inmediatamente despois da súa inauguración oficial o 5 de xullo de 1953. O primeiro partido de fútbol que albergou foi un amigable entre o Dinamo Sofía e o FC Wien e, un mes despois, tamén comezou a utilizarse para os partidos de liga. O primeiro encontro internacional foi un partido de clasificación para a Copa do Mundo o 6 de setembro de 1953 contra Checoslovaquia.[3] Foi ampliado en 1966 e renovado en 2002.
Conta tamén con salas de judo, ximnasia artística, baloncesto, boxeo, aeróbic, esgrima e tenis de mesa, así como unha sala de adestramento físico xeral, dúas salas de conferencias e tres restaurantes. Foi sede do Campionato Europeo de baloncesto de 1957, cuxa final entre a Unión Soviética e Bulgaria foi presenciada por 48 000 espectadores.[4] Tamén albergou a Universíada de 1977.
Foi o lugar proposto para as cerimonias de apertura e clausura na candidatura de Sofía para os Xogos Olímpicos de inverno de 2014, que finalmente gañou Sochi.
Concertos
editarO estadio ten acollido numerosos espectáculos musicais de varias estrelas rexionais e mundiais.
O maior concerto celebrado en Bulgaria e, polo tanto, no estadio Vasil Levski, foi o que ofreceu a estrela iugoslava do folk Lepa Brena o 24 de xullo de 1990 ante 100 000 persoas.[5] Este récord permanece intacto ata a data. A cantante chegou ao estadio aterrando desde o helicóptero directamente ao escenario cunha corda.
A banda estadounidense de thrash metal Metallica realizou un dos maiores concertos de Bulgaria neste estadio en 2008, congregando a 50 000 persoas.[6] A cantante Madonna actuou ante 54 000 persoas no estadio en agosto de 2009, como parte da xira Sticky & Sweet Tour.[7] O 14 de maio de 2010, a banda de rock australiana AC/DC tocou no estadio nacional, diante de case 60.000 fans como parte do Black Ice World Tour.[8]
Os chamados "Catro Grandes do Thrash Metal" (Metallica, Megadeth, Slayer e Anthrax) actuaron xuntos durante o Festival Sonisphere de 2010. A actuación foi retransmitida en máis de 450 salas de cine dos Estados Unidos, Europa, Canadá e América do Sur o 22 de xuño de 2010. O vídeo en directo foi publicado máis tarde en DVD e Blu-ray en outubro de 2010, co título The Big 4 Live from Sofia, Bulgaria.[9]
Actuaron tamén no estadio ante grandes multitudes outras bandas e artistas como Rammstein, Guns N' Roses, Bon Jovi ou Slavi Trifonov.
Notas
editar- ↑ Naroden Sport, número 964. 3 de xullo de 1953 (en búlgaro).
- ↑ "V. Levski and Druzhba stadiums (1960s)". lostbulgaria.com (en búlgaro). Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2013. Consultado o 23 de febreiro de 2022.
- ↑ Naroden Sport, Números 967 e 983, 13 de xullo e 7 de setembro de 1953 (en búlgaro).
- ↑ "EuroBasket History - The 50’s". Federación Internacional de Baloncesto (en inglés). Consultado o 23 de febreiro de 2022.
- ↑ "Serbia's Pop Folk Legend Lepa Brena to Thrill Bulgarian Fans in April" (en búlgaro). 27 de marzo de 2008. Consultado o 23 de febreiro de 2022.
- ↑ "50,000 Await Metallica Concert in Sofia" (en inglés). 25 de xullo de 2008. Consultado o 23 de febreiro de 2022.
- ↑ "Madonna ‘Takes A Bow’ As Final Show Of Record-Smashing ‘Sticky & Sweet’ Tour Ends In Israel" (en inglés). 2 de setembro de 2009. Consultado o 23 de febreiro de 2022.
- ↑ "Fri. 14 May 2010 : Sofia, Bulgaria (Vasil Levsky National Stadium)". ac-dc.net (en inglés). Consultado o 23 de febreiro de 2022.
- ↑ "The Big 4: Live From Sofia, Bulgaria". Discogs (en inglés). Consultado o 23 de febreiro de 2022.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Estadio Nacional Vasil Levski |
Ligazóns externas
editar- Datos do estadio en bulgariasportbase.com (en inglés). Arquivado o 13 de setembro de 2008 dende o orixinal.