Romeu e Xulieta

traxedia de William Shakespeare
(Redirección desde «Romeo e Xulieta»)

Romeu e Xulieta[2], ás veces Romeo e Xulieta[3] (en inglés: Romeo and Juliet) é unha traxedia en lingua inglesa de William Shakespeare, escrita en 1597 co título orixinal de The Most Excellent and Lamentable Tragedie of Romeo and Juliet.

Romeu e Xulieta
Representación da famosa escena do balcón de Romeu e Xulieta. Pintura de 1884, por Frank Dicksee.
Título orixinalThe Most Excellent and Lamentable Tragedie of Romeo and Juliet[1]
Autor/aWilliam Shakespeare
OrixeReino Unido Reino Unido
Linguainglés
Tema(s)Amor prohibido
Xénero(s)Traxedia
Data de pub.1597 (Q1)
1599 (Q2)
1609 (Q3)
1622 (Q4)
1637 (Q5)
2003 (1ª tradución o galego)
TraduciónMiguel Pérez Romero
editar datos en Wikidata ]
Romeo e Xulieta de Ford Madox Brown.

Foi traducida ao galego por Miguel Pérez Romero e foi publicado pola Editorial Galaxia en 2003.[3]

Tema e argumento editar

A obra trata sobre dous amantes que viven un amor imposible pola rivalidade das súas familias, os Montescos e os Capuletos. Só a morte dos amantes conseguirá conciliar as súas familias. Xunto con Hamlet foi unha das obras máis populares da época de Shakespeare, e segue a ser unha das máis representadas. A estrutura dramática empregada polo dramaturgo inglés é notable, especialmente na combinación de comedia e traxedia para aumentar a tensión narrativa, así como no desenvolvemento de enredos secundarios e a expansión que sofren os personaxes máis secundarios, outorgándolle un sentido de forte complexidade ó relato. Os dous protagonistas acadaron co tempo un valor simbólico, derivando no arquetipo do amor perfecto pero que a sociedade fai imposible. De Romeu e Xulieta fixéronse numerosas versións teatrais, cinematográficas, musicais e de banda deseñada. A obra traduciuse a gran número de linguas. A tradución galega apareceu no ano 2003.

Orixe editar

Romeu e Xulieta pertence á tradición de romances tráxicos que xa ven da antigüidade, o seu argumento baséase en dous contos italianos, o de Matteo Bandello e o de Masuccio Salernitano na versión que del fixo Luigi da Porto e que traduciu en 1562 Arthur Brooke titulando á súa obra The Tragical History of Romeus and Juliet e que William Painter reescribiu en prosa en 1582 co título Palace of Pleasure. Shakespeare baseouse nas dúas obras para escribir a súa entre 1591 e 1595, engadíndolle personaxes novos tales como Mercucio e Conde Paris.

Edicións editar

Foi escrita na primeira etapa como literato de Shakespeare. Como libro publicouse por primeira vez en 1597, o texto considérase de baixa calidade, segundo o crítico T. J. B. Spencer a edición non sería de Shakespeare senón que estaría baseada no recordo do texto por parte dos actores que a representaron. En 1599 publicouse a seguinte edición que tiña o título de The Most Excellent and Lamentable Tragedie of Romeo and Juliet, conta con 800 versos máis ca versión anterior e é un texto máis completo e fiable, reimprimiuse varias veces ó longo da primeira metade do século XVII. A edición que aparece no First Folio (1623), na que se basean os textos canónicos da maioría das obras de Shakespeare, é a reimpresión de 1609 con algúns engadidos. A primeira versión moderna é a de Nicholas Rowe e data de 1709.

Notas editar

  1. Denominación utilizada para o segundo e último quarto da edición orixinal, publicado en 1599.
  2. "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2023-09-18. 
  3. 3,0 3,1 Romeo e Xulieta. Traducido por Miguel Pérez Romero (1ª ed.). Vigo: Editorial Galaxia. 2003. ISBN 84-8288-624-X – vía Biblioteca da Tradución Galega. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar