Calandriña das marismas

Calandriña das marismas

En Fuerteventura, Illas Canarias
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Alaudidae
Xénero: Alaudala
Especie: Alaudala rufescens
Sinonimia
  • Alauda rufescens
  • Calandrella pispoletta
  • Calandrella rufescens

A calandriña das marismas[2] ou calandriña apincharada[3] (Alaudala rufescens, antes Calandrella rufescens) é unha pequena ave paseriforme que vive no sur de Eurasia e norte de África (incluídas as Canarias) ; en Galicia é unha ave accidental,[3] a pesar que algunha das subespecies vive no sur e leste da Península Ibérica. É unha ave común cunha ampla área de distribución e a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) considera que o seu status de conservación é "pouco preocupante".[1]

Ovos de Alaudala rufescens minor no MHNT

Taxonomía e sistemática editar

Esta especie foi orixinalmente descrita como pertencente ao xénero Alauda. O nome xenérico que ten agora, Alaudala, é un diminutivo de Alauda, e o seu nome específico rufescens significa en latín 'avermellado', de rufus, 'vermello'.[4] Tamén estivo clasificada co nome Calandrella rufescens. Antes ou mesmo actualmente, algunhas autoridades consideraron que a Alaudala athensis, Alaudala cheleensis e Alaudala somalica eran subespecies da calandriña das marismas.

Subespecies editar

Recoñécense nove subespecies:[5]

  • A. r. rufescens - (Vieillot, 1819): viven en Tenerife (illas Canarias).
  • A. r. polatzeki - (Hartert, 1904): viven nas illas Canarias orientais.
  • A. r. apetzii - (Brehm, AE, 1857): encóntrase no leste e sur da Península Ibérica.
  • A. r. minor - (Cabanis, 1851): habita desde Marrocos ao noroeste de Exipto e sur de Turquía ata a península do Sinaí e leste de Iraq.
  • A. r. nicolli - (Hartert, 1909): vive no delta do Nilo (norte de Exipto).
  • A. r. pseudobaetica - (Stegmann, 1932): no leste de Turquía, Transcaucasia e norte de Irán.
  • A. r. heinei - (Homeyer, 1873): encóntrase desde Ucraína ao leste de Casaquistán.
  • A. r. aharonii - (Hartert, 1910): no centro de Turquía.
  • A. r. persica - Sharpe, 1890: encóntrase desde o leste e sur de Iraq ata o sur e suroeste de Afganistán.

Descrición editar

A calandriña das marismas é similar en tamaño e aparencia á Calandrella brachydactyla (calandriña común) pero xeralmente é de cor máis apagada cun peito máis manchado. Crece ata os 13 ou 14 cm de lonxitude e os sexos son similares. Igual que na calandriña común, a súa cor varía ao longo da súa ampla área de distribución e non é unha boa característica distintiva. É marrón cincenta con manchas escuras pola parte superior e branca pola inferior. Ten un supercilio claro e un curto e robusto bico.[6]

Debe terse coidado para non condundir esta especie coas do xénero Calandrella. Esta especie carece das manchas escuras no pescozo que ten a Calandrella brachydactyla (calandriña común), e ten un fino manchado polo peito. O bico e cabeza teñen tamén forma diferente nas dúas especies, sendo os desta especie máis curtos, o bico menos cónico e a cabeza menor e máis arredondada. A súa canción é máis rica e variada e imitadora que a da súa parente.[6]

Distribución e hábitat editar

A calandriña das marismas reprodúcese en España, norte de África, e tamén desde Turquía cara ao leste polas zonas semidesérticas de Asia central ata Mongolia e a China. Moitas poboacións, incluíndo as que se reproducen en España e norte de África, son sedentariase non migradoras, pero algunhas en Asia migran desde o norte da súa área cara ao sur en inverno. Esta especie é unha ave errante moi rara no norte e oeste de Europa, incluída Galicia.[1]

Comportamento e ecoloxía editar

É unha ave de campos abertos secos, que incluso prefire solos máis áridos e con menos vexetación que a calandriña común. Fai o niño no chan e pon dous ou tres ovos. Aliméntase de sementes e insectos, isto último especialmente na estación reprodutora.[7]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Calandrella rufescens". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 37, 341. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  5. "IOC World Bird List 6.4". IOC World Bird List Datasets. doi:10.14344/ioc.ml.6.4. 
  6. 6,0 6,1 Mark Beaman; Steve Madge (1998). The Handbook of Bird Identification: For Europe and the Western Palearctic. Christopher Helm. p. 547. ISBN 978-0-7136-3960-5. 
  7. "Lesser Short-toed Lark (Calandrella rufescens)". Handbook of the Birds of the World Alive. Lynx Edicions. Consultado o 17 November 2016. 

Véxase tamén editar

ligazóns externas editar