K'inich Ahkal Mo' Naab III

gobernante de Palenque

K'inich Ahkal Mo' Naab III ou K’inich Ahku'l Mo’ Naahb' III, nado o 13 de setembro de 678  e finado c. 740,[1] foi un ahau ou gobernante maia do ajawlal ou señorío de B'aakal, cuxa sede era Lakam Ha', no presente coñecida como a zona arqueolóxica de Palenque, no actual estado mexicano de Chiapas. É tamén coñecido como Chaacal III ou Akul Anab III. Gobernou do ano 721 ó ano 736 ou 740. O seu nome pode ser traducido como Gran Sol Lago da Tartaruga Guacamaia.

K'inich Ahkal Mo' Naab III
Gobernante de Palenque
Taboleiro do Templo XIX de Palenque que amosa a K'inich Ahkal Mo' Naab III franqueado por dous nobres axeonllados.

Reinado30 de decembro de 721 - c. 740
Nacemento13 de setembro de 678
Falecementoc. 740
PredecesorK'inich K'an Joy Chitam II
SucesorK'inich Janaab' Pakal II
Cónxuxe/sIx Men Nik
DescendenciaK'inich K'uk' Bahlam II
ProxenitoresTiwol Chan Mat
Ix Kinuw

Nacemento e entronización editar

Foi neto de Pakal “o Grande” e Tz'akbu Ajaw e fillo de Tiwol Chan Mat e de Ix Kinuw. De acordo á conta longa do calendario maia naceu o 9.12.6.5.8 3 lamat 6 sak, é dicir, o 13 de setembro de 678.[2] Foi entronizado o 9.14.10.4.2 9 ik 5 kayab, data equivalente ó 30 de decembro de 721.[3] No taboleiro dos escravos represéntase unha escena imaxinaria onde Ahkal Mo' Naab é entronizado polos seus pais.[4] Contraeu matrimonio con Ix Men Nik ou Ix Sajal Juj, con quen procreou a K'inich K'uk' B'alam II.[5]

Campañas militares editar

Cando o seu antecesor, K'inich K'an Joy Chitam II, foi feito prisioneiro polo gobernante de Toniná, K'inich B'aaknal Chaak, o señorío de B'aakal perdeu o control das localidades de Lah e K'in Ha pertencentes ó señorío de Yookib' (Pedras Negras).[6] Por este motivo Ahkal Mo' Naab III ordenou a Chak Suutz —yajawk' ahk' (señor do lume)— emprender unha campaña de reconquista. O 15 de setembro de 723 foi capturada a localidade de Lah, e o 31 de maio de 725 a localidade de K'in Ha'. Durante o enfrontamento foi capturado Nin Sak Kamay, quen era un sajal ou dignatario local subalterno a Yokanal Ahk, ahau do señorío de Yookib'. Desta maneira Palenque iniciou unha nova época de auxe político e militar.[7]

Obras arquitectónicas editar

A obra máis importante durante o seu goberno foi o Templo XIX dedicado ó Deus Primeiro (GI). Nas inscricións do templo nárrase a ascensión do deus creador do cosmos ó goberno dos ceos durante unha época mítica e o seu nacemento como deus central da tríada de Palenque, o deus do millo.[8] Vinculou estes acontecementos coa súa propia entronización para lexitimar coa aura do sacro a fundación do seu goberno.[9] Por outra banda, tamén foron remodelados os Templos XVIII, XVIII-A e XXI situados na zona sur do Grupo das Cruces.[10]

Descoñécese a data exacta da súa morte, o último acontecemento onde aparece rexistrado é no taboleiro sur do Templo XIX e corresponde á data 9.15.5.0.0, é dicir, no ano 736.[11] Existe a remota probabilidade de que o seu corpo se atope enterrado no Templo III. Foi sucedido polo seu irmán Upakal K'inich Janaab' Pakal.[12]

Notas editar

  1. Florescano, 2009; 235
  2. Skidmore, 2008; 80
  3. Sutart, 2010; 15
  4. Skidmore, 2008; 82
  5. Stuart, 2010; 157
  6. Bernal, 2011; 320
  7. Bernal, 2011; 321
  8. Florescano, 2009; 248
  9. Florescano, 2009; 250: citando a David Stuart
  10. Skidmore, 2008; 81
  11. Stuart, 2010; 155
  12. Stuart, 2010; 156

Véxase tamén editar

Bibliografía editar