Escudo de Fidxi
O escudo de armas de Fidxi foi concedido mediante unha Patente de Cartas Reais o 4 de xullo de 1908 e confirmado o 30 de setembro de 1970. Foi parte da bandeira colonial e tamén forma parte da bandeira actual de Fidxi.
Os elementos que aparecen no escudo son:
- Un campo de prata cuarteado por unha cruz de goles cos seus brazos iguais, que é a cruz de San Xurxo, cunha franxa tamén de goles situada no xefe e cargada cun león pasante de ouro, un dos tres que figuran no escudo de Inglaterra e que sostén, neste escudo, un froito de cacao.
- A cruz de San Xurxo sobre pano branco que se adoptou no escudo de Fidxi, compón a bandeira de Inglaterra.
- No primeiro cuartel do escudo, tres canas de azucre; no segundo, un coco coas súas cores naturais; no terceiro, unha pomba cunha rama de oliveira que é o símbolo da paz e, no cuarto, unha piña de bananas.
- Sostén o escudo (tenantes en terminoloxía heráldica) dous guerreiros fidxianos vestidos con saias de cascas, un deles portando unha lanza e o outro unha maza de ananás.
- Timbra o escudo un burelete de prata e goles así como unha canoa con mastro e vela.
- Na parte inferior do escudo de armas aparece representada unha fita co lema nacional "Rerevaka na kalou ka doka na Tui" (Teme a Deus e honra o Rei).