Coordenadas: 60°20′16″N 151°52′30″O / 60.33778, -151.87500

A enseada de Cook (en inglés Cook Inlet) é un entrante de mar do océano Pacífico que se atopa na zona sur de Alasca, limitada polo continente e a península de Kenai.[1] A enseada foi descrita no ano 1778 polo explorador James Cook.

Mapa da enseada de Cook cos seus dous brazos de mar, Knik e Turnagain

Xeografía editar

 
Turnagain Arm desde Girdwood.

A enseada ten unha largura duns 240 km e o seu ancho oscila entre 15 e 130 km. Accédese desde o golfo de Alasca, ben directamente desde o sur, a través da Entrada Kennedy (Kennedy Entrance) ou ben navegando desde o oeste, seguindo o longo estreito de Shelikof bordeando o arquipélago Kodiak polo norte.

O extremo interior é de moi difícil navegación debido á grande amplitude das mareas que pode chegar a superar os 9 m, unha das máis elevadas do mundo[2]—e ás frecuentes tormentas e condicións meteorolóxicas adversas. Ademais, desde o período que vai desde o mes de novembro até maio, a zona norte está bloqueada polo xeo.

A baía posúe varias illas no seu interior, destacando a illa Agustina, que conta cun volcán activo, ademais das illas Barren e a illa de Kalgin.

A enseada de Cook no seu extremo interior divídese en dous importantes brazos chamados Knik Arm e Turnagain Arm que practicamente rodean á cidade de Anchorage.

A conca que drena a través da enseada comprende uns 100.000 km² do sur de Alasca, ao leste da cordilleira Aleutiana e o sur da cordilleira de Alasca, sendo drenada polos ríos Knik (40 km), Little Susitna (180 km), Susitna (504 km) e o Matanuska (120 km). A conca inclúe os achegas da zona próxima ao monte McKinley. Dentro desta conca encóntranse varios parques nacionais e o volcán activo monte Redoubt, ademais doutros tres que estiveron activos en épocas recentes.[3] A enseada de Cook permite o acceso mariño ao porto de Anchorage localizado no seu extremo norte, e ao pequeno porto de Homer, que se acha máis ao sur.

Historia editar

A enseada foi explorada e habitada por indíxenas dena'ina. No século XVIII, os cazadores de peles de Rusia (promyshlenniki) foron dos primeiros visitantes europeos. A Compañía Lebedev Lastochkin liderada por Stepan Zaikov estabeleceu un posto na desembocadura do río Kenai, Fort Nikolaev, en 1786. Estes cazadores de peles utilizaban indíxenas de Siberia e de Alasca, en particular aleutas das illas Aleutianas e nativos koniag da illa Kodiak, para cazar lontras de mar e outras especies de mamíferos mariños, para comerciar coa China a través de Rusia, vía o daquela exclusivo porto comercial de Kiakhta.

Outros europeos que pasaron polas enseada foron os membros da expedición de James Cook de 1778, que navegou por mentres estaba buscando o Paso do Noroeste. Cook recibiu mapas de Alasca, as Aleutianas e Kamchatka, durante unha visita co comerciante de peles ruso Gerasim Izmailov en Unalaska, e combinado eses mapas cos da súa expedición creou a primeira proxección de Mercator do Pacífico Norte. A enseada foi nomeada despois en honor de Cook en 1794 por George Vancouver, que traballara ás ordes de Cook en 1778.

O brazo Turnagain (Turnagain Arm) foi chamado así en recoñecemento a William Bligh do HMS Bounty. Bligh servira como mestre de velas de Cook na súa terceira e última viaxe co obxectivo de descubrir o Paso do Noroeste. Ao chegar ao fondo da enseada de Cook, Bligh era da opinión de que tanto o brazo Knik como o Turnagain eran desembocaduras de ríos e non a apertura do Paso do Noroeste. Baixo as ordes de Cook, Bligh organizou unha partida polo brazo Knik, da que rapidamente volveu para informar que o brazo Knik era provocado por un río. Logo, unha segunda partida foi enviada polo brazo Turnagain e tamén volveu para informar de que só existía un río augas arriba. Como resultado desta frustración, ao segundo corpo de auga déuselle de «Turn Again» («Volta outra vez»). Nos primeiros mapas rotulouse o brazo Turnagain como o "Turnagain River".

Poucas persoas estranxeiras visitaran a parte interior da enseada de Cook até a construción do ferrocarril de Alasca, darredor de 1915, que discorre pola costa oriental dos brazos Turnagain e Knik.

Poboación editar

A maior parte da poboación de Alasca encóntrase nas localidades das marxes da enseada de Cook, concentrada na rexión de Anchorage e nas comunidades da península de Kenai. A maior parte da costa occidental do estuario non está ligada ao sistema viario, e abriga a cidade de Tyonek e varios campos de extracción de petróleo.

Recursos editar

A bacía da Cook Inlet ten grandes reservas de petróleo e gas natural, con moitas plataformas no mar.[4] No 2005 existían 16 plataformas na Cook Inlet. Hai diversos oleodutos e gasodutos darredor e sobre o golfo. A produción de petróleo comezou na década de 1960, e tivo un pico de 90 millóns de barrís en 1970. Actualmente a produción caeu nun nivel marxinal de cerca de 6 millóns de barrís por ano[5].

Notas editar

  1. "Cook Inlet, Alaska" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de xuño de 2007. Consultado o 30-V-10. 
  2. "Frequently Asked Questions - Tide Predictions and Data" (en inglés). NOAA. Consultado o 30-V-10. 
  3. "Cook Inlet-South Central Alaska map and volcano list" (en inglés). Alaska Volcano Observaory. Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2007. Consultado o 30-V-10. 
  4. "Cook Inlet Oil and Gas" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05 de febreiro de 2007. Consultado o 30-V-40. 
  5. Alaska Oil&Gas annual report, Alaska Departement of Natural ressources - Division of oil and gas, Maio de 2006

Véxase tamén editar