Península de Kenai

A península de Kenai (en inglés, Kenai Peninsula) é unha gran península que sobresae da costa sur de Alasca, nos Estados Unidos, e penetra no golfo de Alasca. O nome de Kenai deriva probablemente de Kenayskaya, o nome en ruso da enseada de Cook (Cook Inlet), que bordea a península polo oeste.

A península de Kenai, en Alasca.
Costa da península de Kenai.
O río Kenai.
Lago glaciar do Oso (Bear Glacier Lake) e o océano Pacífico.

Administrativamente, a maior parte da península pertence ao Borough de Península de Kenai e unha pequena parte, pola zona do istmo, á Área Censal de Valdez-Cordova.

O explorador e navegante ruso Gerasim Izmailov foi o primeiro en explorar e cartografar a península en 1789.[1]

Xeografía editar

A península esténdese aproximadamente 240 km cara ao suroeste partindo das montañas Chugach, ao sur da cidade de Anchorage. Está separada da masa continental, polo oeste, pola enseada de Cook e, polo leste, polo estreito de Príncipe William (Prince William Sound).

As montañas de Kenai (2 130 m), cubertas de glaciares, son unha cordilleira que se atopan no sueste da península, a carón da costa do golfo de Alasca. Gran parte da cadea montañosa encóntrase dentro do Parque Nacional dos Fiordes de Kenai (Kenai Fjords National Park). A costa noroeste, que limita a enseada de Cook, é máis plana e pantanosa, e está salpicada de numerosos e pequemos lagos, como o lago Bear (Bear Lake). Hai tamén grandes lagos no interior da península, como son o lago Skilak (Skilak Lake) e o lago Tustumena (Tustumena Lake). Os principais ríos que sucan a península son o río Kenai, famoso pola súa poboación de salmóns, o río Ruso (Russian Lake), o río Kasilof (Kasilof River) e o río Anchor (Anchor River). A baía de Kachemak (Kachemak Bay) encóntrase no extremo suroeste da península, e gran parte dela está protexida e incluída no Parque Estatal da Baía de Kachemak (Kachemak Bay State Park).

Na península de Kenai tamén se encontran os campos de xeo Sargent (Sargent Icefield) e Harding (Harding Icefield), que xeran numerosos glaciares, na súa maioría na costa oriental .

Localidades editar

Na península áchanse algunhas das maiores localidades do sur de Alasca, como Seward, (localizada máis ou menos na metade da costa do golfo de Alasca, que contaba con 2.830 hab. no 2000); Soldotna (a capital do Borough da Península de Kenai, con 3.759 hab. no 2000) e Kenai (a maior cidade da península, con 7.686 hab. no 2007), localizadas ambas na costa da enseada de Cook; e Homer (na costa norte da baía de Kachemak, con 5.364 hab. no 2005). Cruzando as augas da baía de Kachemak desde Homer, pódese acceder ao extremo occidental da península, o máis empinado e remoto, onde se atopan as pequenas poboacións de Seldovia (286 hab. no 2000), Namwalek e Port Graham (177 hab. no 2000).

Transporte editar

Homer é unha localidade famosa por ser o final do sistema de estradas pavimentadas de Norteamérica e é un punto de destino popular dos automobilistas que conduciron até Alasca desde os Estados Unidos Continentais. Seward tamén é o punto final sur do ferrocarril de Alasca (Alaska Railroad).

Clima editar

A península ten un suave clima costeiro, con abundantes choivas. É unha das poucas zonas de Alasca que permiten a agricultura.

Recursos naturais e economía editar

A península posúe gas natural, petróleo, depósitos de carbón, e abundantes piscifactorías de uso comercial e persoal. O turismo é unha industria importante, xunto coa caza e a pesca.

Notas editar

  1. Entrada de Gerasim Izmailov no Dicionario biográfico do Afastado Oriente e a Rusia Americana, dispoñible en ruso na páxina da «Northern Pacific Fund»: [1]