Encoro de Salime
O encoro de Salime é un encoro español situado na Terra Eo-Navia do Principado de Asturias, sobre o leito do río Navia. Inaugurouse en 1955 e ten unha capacidade de 265,60 hm³[1]. Constitúe o terceiro encoro construído no río Navia, despois dos de Arbón e Doiras. Estruturalmente é un encoro de gravidade con 128 metros de altura, localízase na confluencia dos concellos de Pesoz, Allande e Grandas de Salime. A estrada AS-14 discorre sobre a presa. Aproveitase, fundalmentalmente, para hidroeléctrica.
Tipo | encoro | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Asturias, España e Provincia de Lugo, España | |||
| ||||
Afluentes | ||||
Efluente do lago | río Navia | |||
Represado por | Central hidroeléctrica de Grandas de Salime | |||
Historia | ||||
Data de creación ou fundación | 1954 | |||
A superficie ocupada polas augas é de 685 ha dos concellos de Allande, Grandas de Salime e Ibias en Asturias e máis de Negueira de Muñiz en Galicia.
Historia
editarO proxecto
editarA idea de construír unha central hidroeléctrica na zona comezou a xestarse a mediados de 1940 na localización que previamente valorara Narciso Hernández Vaquero[2]. Non obstante, non foi ata os anos inmediatamente posteriores ao final da segunda guerra mundial cando o proxecto, obra do enxeñeiro de camiños Enrique Becerril y Antón-Miralles coa colaboración do arquitecto Joaquín Vaquero Palacios, comezou a tomar forma.
Para sufragar os custos das obras, en 1945 as sociedades anónimas Hidroeléctrica del Cantábrico e Electra de Viesgo constituíron, a partes iguais, a empresa Saltos del Navia en Comunidad, que contaba co apoio do Banco Urquijo, e foi a súa oficina de estudos a que elaborou os proxectos e máis os informes técnicos[3].
Obras previas
editarEn 1946 comezaron as primeiras obras e para deixar seco o leito onde se ía levantar o encoro, precisouse desviar o curso do río Navia e escavar un túnel de 30 725 m³ revestido con 11 789 m³ de formigón[2]. Ademais, o cemento para a fabricación do formigón producíase in situ, para o que se construíron varios silos e moxegas, e houbo de se buscar dunha canteira próxima capaz de fornecer o enorme volume de pedra necesario[2].
O fornecemento de clínker, xeso e outros materiais que viñan por vía marítima, realizouse a través dun teleférico de 36 km de lonxitude que chegaba ata o porto de Navia. No seu momento, foi o maior dos teleféricos construídos en España e chegou a contar con oito estacións[2]. Tamén se construíron torneiras, almacéns, estradas, planos inclinados e catro poboados para acubillar aos máis de 3500 obreiros que chegaron doutras rexións de España, principalmente de Andalucía[4].
O encoro
editarA cerna da obra, o encoro e a central, construíronse entre 1948 e 1953[3]. Utilizáronse 630 000 m³ de formigón para levantar un encoro de gravidade con noiros do 5 % augas arriba e do 72 % augas abaixo, cun raio de 400 metros no seu coroamento, e cunha altura sobre os cimentos de 132 metros; o que o converteron no seu día no meirande encoro de España e o segundo de Europa[2]. Constituíu un dos primeiros expoñentes do xigantismo que presidiu moitos proxectos similares na España de mediados do século XX [3].
A súa masa é de 80 000 toneladas. Na parte superior ten unha lonxitude de 250 metro e no seu centro están os catro aliviadoiros, con comportas de 12 metros de longo por 7 de alto; cunha capacidade de drenaxe de 2000 m³ por segundo.
Está situado 22 km augas arriba do encoro de Doiras, e houbo que superar enormes dificultades para o construír. España estaba sumida na escaseza da posguerra e sufría o embargo das potencias vencedoras na segunda guerra mundial, pola súa banda afectada pola súa propia posguerra. O proxecto, así e todo, rematouse en 1955 a pesar da falta de medios. Malia a ONU decretar un embargo contra o réxime franquista, a empresa británica English Electric forneceu as turbinas e os xeradores, imprescindibles para a produción de enerxía eléctrica [4].
Posta en funcionamento
editarUnha vez construída a presa, pero aínda sen terminar o seu coroamento, o 23 de setembro de 1953 taponouse o túnel de desvío de augas e comezou o encoro do río Navia. Dous meses despois, o 23 de novembro, as augas alcanzaron o nivel do aliviadoiro provisional acondicionado nos bloques centrais. O 19 de decembro acoplouse á rede eléctrica nacional e principiou o primeiro grupo xerador a producir enerxía que se puxo en funcionamento, o actual nº 4. Outros dous fixérono en xuño e decembro de 1954, e o cuarto e último o 31 de marzo de 1955. A inauguración oficial do conxunto foi o 24 de agosto de 1955.
Impacto na zona
editarO encoro mudou para sempre a fisionomía da ribeira do Navia, augas arriba do encoro. Foi necesario alagar 1995 leiras, con máis de 3000 parcelas, 25360 árbores madereirias, 13 800 froiteiras e 14 051 cepeiras de vide; o que supón 685 hectáreas que, ademais, inclúen ladeiras sen cultivo, predios urbanos, ruínas, patios, currais, oito pontes, cinco igrexas, varias capelas e catro cemiterios.[2]
Numerosas estradas e camiños quedaron cortados ao alagar as augas do encoro parte dos seus trazados, como a antiga C-630, entre Verducedo e Grandas de Salime a través de San Martín del Valledor, Vilarpedre e o val do río del Ouro, o que motivou a construción da actual estrada AS-14, a través da parte superior do encoro, e que a empresa propietaria da central quedou obrigada a manter un servizo gratuíto de barcas que cruzaban o encoro entre os puntos nas que as augas cubrían a antiga estrada.
Algo similar ocorreu entre as localidades luguesas de San Pedro de Ernes e Entralgo; ou entre Barcela e Negueira, onde tamén se estableceron pasos con barcas.
Central hidroeléctrica de Salime
editarA central hidroeléctrica de Salime conta con catro grupos xeradores de 32 MW cada un, que entregan enerxía a unha tensión de 11 000 volts, e que se puxeron en funcionamento comercial entre 1953 e 1956, o que se traduce nunha potencia total de 128 MW e unha enerxía producida nun ano medio de 350 GWh .
As turbinas son tipo Francis verticais, alimentadas por tubos de 2,5 metros de diámetro, capaces de evacuar un caudal de 152 m³/s. Evacúa a enerxía eléctrica xerada a través dunha rede de 132 kV [1].
Pertence á empresa Saltos del Navia CB, propiedade ao 50 % de HC Energía e Endesa Generación [5].
Arte
editarO arquitecto Joaquín Vaqueiro Palacios e o seu fillo, Joaquín Vaqueiro Turcios dotaron ás instalacións de diversos elementos ornamentais e decorativos.[2]
O primeiro encargouse da fachada principal da galería pola que se accede ao interior da planta, adornándoa con diversos relevos de formigón formando un mural que representa o proceso de produción de enerxía eléctrica [2].
Pola súa banda, Vaquero Turcios deseñou un miradoiro colgante na marxe dereita do río, coñecido como A boca da balea, dende o que se pode admirar todo o conxunto. Seus son tamén os murais que adornan a sala de turbinas. O de maior tamaño (60 metros de longo por 5 de alto) representa todo o proceso construtivo da central, dende os primeiros estudos ata a distribución da enerxía eléctrica, pasando pola primeira reunión do consello de administración ou o éxodo da poboación dos lugares asolagados polas augas. [2].
Ademais, Vaquero Turcios pensara en debuxar os rostros de Picasso, Einstein, Planck e Freud. Porén, a censura da época impediuno. Con motivo da restauración dos murais realizada en 2001, Vaquero Turcios rescatou a idea, e decidiu realizala; e dende entón as súas facianas presiden a sala de turbinas [2].
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "Ficha de presa: Salime. Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino".
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 Marqués, M. S. (15 de maio de 2011). "Salime, un salto de arte y energía". La Nueva España.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Sendín García, Miguel Ángel (1984). "La industria eléctrica en Asturias". Eria (6): 3–36. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2009.
- ↑ 4,0 4,1 Rieles sobre el tiempo, La Nueva España, 30 de outubro de 2008.
- ↑ "Salto de Salime". Saltos del Navia.