Emar foi unha cidade nas ribeiras do Éufrates, ao sur de Karkemish, no lugar onde o Éufrates fai un xiro, a uns 100 km ao leste de Alepo.

Importante centro comercial fundado no terceiro milenio, Emar é mencionada nas taboíñas atopadas en Ebla como centro comercial xa sobre o -2500 (cando estaba baixo influencia de Ebla) e nas de Mari sobre o -1800 ac (cando estaba baixo influencia de Iamkhad).

Sobre o -1300 foi trasladado da súa localización inicial a un lugar non demasiado distante ao oeste (uns 500 metros), un chisco máis elevada, debido a unha mudanza de curso do río, traslado obra do rei hitita Suppiluliumas I ou do seu fillo Mursilis II e foi a capital do chamado país de Ashtata, vasalo do reino de Karkemish. A monarquía de Emar foi establecida sobre o século –XIII, pero o poder efectivo permaneceu en mans do consello de anciáns e os clans. O sistema feudal coñecido como ilku era similar ao de Ugarit.

As taboíñas mencionan os anos de desastres, guerras e a venda de propiedades ou de rapaces como escravos para facer fronte á fame durante os anos de desastres.

A orixe da monarquía é pouco coñecida, dado que a cidade non tiña antecedentes monárquicos. Probabelmente estea relacionado co establecemento dunha fortaleza defensiva contra o incremento do poder de Asiria. Un dos textos explica un golpe de estado durante o reino dun dos seis reis que tivo a cidade, no que participaron activamente os hupsu, un grupo social marxinado. Sobre o -1200 menciónanse ataques de grupos hurritas e dun grupo descoñecido chamado os tarwu, talvez un grupo dos pobos do mar; tamén os arameos tiñan incidencia na zona neste tempo. Non hai dúbida que os asirios non tiveron que ver no final da cidade que se produciu sobre o -1187, debido ao lume, como testemuñan as escavacións.

En época bizantina repoboouse e chamouse Barbalissos, e baixo os árabes foi chamada Balis.

O moderno lugar de Tell Meskéné foi escavado por Jean-Claude Margueron entre 1972 e 1976 e sacáronse á luz templos (entre eles o chamado templo de Devin onde se atopou unha biblioteca con textos sagrados rituais e literarios) e casas e 900 taboíñas cuneiformes, moitas escritas en acadio, un centenar en hurrita e un par en hitita. Actualmente coñécense preto de 1200. Os estudos serían publicados por Daniel Arnaud nos anos oitenta do século XX. En 1996 recomezaron as escavacións, baixo a dirección do alemán Uwe Finkbeiner.