Ducado de Nápoles
O Ducado de Nápoles nun principio foi unha provincia bizantina dirixida por un gobernador militar (dux). Como noutros territorios bizantinos de Italia, a nobreza local dá convertido o ducado nun estado autónomo e a volver hereditario o cargo de duque. O estado, que durou outros cinco séculos na alta Idade Media, tamén se coñece co nome de Ducado napolitano.
Territorio
editarNo século VII o ducado comprendía, ademais de Nápoles, a estreita área das zonas costeiras (como as veciñas Amalfi e Gaeta) que os longobardos non deran feito a conquistar. Estendíase tamén na área da actual provincia de Nápoles comprendendo, ademais da cidade, o vesubiano, a península sorrentina, a área flegrea, Afragola, o nolano, o aversano e as illas de Ischia e Procida. Ao principio do século IX o Ducado comprendía tamén Salerno[1]. No 866 a illa de Capri foi doada a Amalfi como consecuencia dun tratado. a poboación da capital, Nápoles, oscilaba daquela entre os trinta mil e os trinta e cinco mil habitantes. o pazo ducal estaba situado no antigo barrio de Nilo, entre o actual outeiro de Monterone e Spaccanapoli. O complexo estaba caracterizado por patios, pórticos e xardíns.
Orixes e historia
editarO patriciado napolitano da época ducal estaba representado polas chamadas "familias magnaticias", inscritas nos asentos da cidade medieval: entre elas merecen mención a liñaxe dos Capece, dos Ferrario, dos Melluso, dos Pappansogna, dos Boccia, dos di Gennaro, dos Russo e dos Morfisa, que tiveron particular importancia na vida civil da cidade a partir do século X.
A data de nacemento do Ducado de Nápoles é incerta. Se é certo en efecto que en Nápoles había un dux (duque) ata a guerra gótica (o primeiro foi Conón, nomeado por Belisario), é ben certo tamén que ao principio non tiña poderes civís senón só militares (a máxima autoridade civil era o Iudex Campaniae). A formación do Ducado foi un proceso gradual, que levou a unha cada vez maior importancia do dux, que no 638 se converteu finalmente na máxima autoridade civil e militar.
Do 638 en adiante, os poderes civís e militares centralizáronse nun duque (dux), nomeado polo emperador e sometido ao exarca de Rávena e despois do fin do exarcado ao stratega de Sicilia.
No 661, diminuído o perigo longobardo, Constante II, nomeou duque a Basilio, un funcionario local: foi o primeiro paso cara a formación dun estado independente de Bizancio. No 763, o duque Estevo II de Nápoles cuñou moedas locais, coa efixie do patrón e o propio monograma. Segundo algúns historiadores comeza neste momento a autonomía do Ducado, que, porén, continuou a formar parte, polo menos nominalmente, do Imperio bizantino. No 818, á morte do duque Antimo, Nápoles volveu por un breve período so o control directo dos bizantinos, que enviaron os funcionarios propios Teoctisto e o protospatario Teodoro a gobernar a cidade. No 821, con Estevo III, o cargo ducal volveu á clase dirixente local. En Palermo no 831 estableceuse a dinastía árabe, pero xa en Nápoles se entrevé unha política filo-musulmá en vista dunha proxección máis mediterránea que continental do Ducado[2].
Un ulterior paso significativo cara a completa autonomía foi dado en 840 cando o duque Serxio I de Nápoles declarou hereditario o cargo ducal.
O Ducado de Nápoles viuse envolto, desde o seu nacemento e por toda a súa existencia, nunha continua e case ininterrompida secuencia de guerras, principalmente defensivas, contra a presión dos seus poderosos e numerosos veciños. Entre estes, principalmente, os principados longobardos de Benevento, de Salerno e de Capua, os corsarios sarracenos, os emperadores bizantinos, os pontífices e, finalmente, os normandos, que o conquistaron definitivamente no 1137, poñendo fin á súa historia.
No 836 os napolitanos deberon aliarse cos sarracenos para facer fronte ao enésimo asedio dos príncipes de Benevento (o quinto en vinte anos); no 846 e no 849 de novo derrotaron a frota sarracena en dúas batallas navais en Ostia e Gaeta, coa axuda dos bizantinos e dos amalfitanos. No século X ademais, deberon defenderse tamén das miras do emperador Odón II de Saxonia
No 1027 o duque Serxio IV de Nápoles doou o condado de Aversa á banda de mercenarios normandos de Rainulfo Drengot, que os flanquearan na enésima guerra contra o principado de Capua, creando así o primeiro asentamento normando na Italia meridional. Desde a base de Aversa, ao cabo dun século, os normandos estarán en posición de someter toda a parte meridional de, dando vida ao reino de Sicilia. o Ducado de Nápoles foi precisamente un dos últimos territorios a caer en mans normandas, coa capitulación do duque Serxio VII de Nápoles no 1137.
Listaxe dos duques de Nápoles
editarA seguir vai un elenco cronolóxico dos duques de Nápoles, que rexeron o Ducado de Nápoles desde 598 (institución do ducado) ao 1137 (conquista normanda de Nápoles):
Duques sen título hereditario
editar- Maurenzio (598 ou 599).
- Godiscalco (599-600).
- ... (600-603).
- Gonduíno (603-60?).
- ... (60?-610).
- Xoán de Compsa (antes do 610-616).
- ... (616-661).
- Basilio do 661 ao 666 (nomeado polo emperador bizantino Constante II).
- Teofilacto I do 666 ao 670.
- Cosme do 670 ao 672.
- André I do 672 ao 677.
- Cesario I do 677 ao 684.
- Estevo I do 684 ao 687.
- Bonelo do 687 ao 696.
- Teodosio do 696 ao 706.
- Cesario II do 706 ao 711.
- Xoán I do 711 ao 719.
- Teodoro I do 719 ao 729.
- Xurxo do 729 ao 739.
- Gregorio I do 740 ao 755.
- Estevo II do 755 ao 800 (estableceu en 763 a independencia formal do imperio bizantino, asociou ao poder o seu fillo Cesario, e despois o outro fillo Gregorio II do 788 ao 794).
- Teofilacto II do 794/800 ao 801.
- Antimo do 801 ao 818.
- Teoctisto de Nápoles do 818 c. Ao 821 (este período foi cuberto por un representante do imperio Bizantino, para poñer termo a unha guerra de sucesión).
- Teodoro II no 821.
- Estevo III do 821 ao 832.
- Bono do 832 ao 834.
- León no 834.
- André II do 834 ao 840.
- Contardo no 840.
Duques con título hereditario
editarEstes duques foron máis independentes cós seus predecesores e non foron escollidos polo emperador, senón que foron os descendentes de Serxio I, que foi elixido polos cidadáns.
Dinastía Sergii
editar- Serxio I do 840 ao 864 (conde de Cumas).
- Gregorio III do 864 ao 870.
- Serxio II do 870 ao 877.
- Atanasio do 878 ao 898.
- Gregorio IV do 898 ao 915.
- Xoán II do 915 ao 919.
- Marino I do 919 ao 928.
- Xoán III do 928 ao 968.
- Marino II do 968 ao 977.
- Serxio III do 977 ao 998.
- Xoán IV do 998 ao 1002.
- Serxio IV do 1002 ao 1027 (ano no que doou o condado de Aversa a Rainulfo Drengot, primeiro cabaleiro normando na Italia meridional) - do 1027 ao 1030 o ducado foi dirixido por Pandolfo IV de Capua - (2ª rexencia) do 1030 ao 1036.
- Xoán V do 1036 ao 1042.
- Serxio V do 1042 ao 1082.
- Serxio VI do 1082 ao 1097 ou 1107.
- Xoán VI do 1097 ou 1107 ao 1120/1123.
- Serxio VII do 1120/1123 ao 1137 (conquista normanda de Nápoles).
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Francesca Luzzati Laganà, Il ducato di Napoli, pp. 327–338 in Storia d'Italia diretta da G. Galasso, vol. III: Il mezzogiorno dai Bizantini a Federico II, UTET, 1983.
Outros artigos
editarNotas
editar- ↑ "Sapere.it". Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2013.
- ↑ C. Villa, L’Italia mediterranea e gli incontri di civiltà, Laterza, Roma-Bari 2001, p. 61.