Dilución homeopática

En homeopatía a dilución homeopática (coñecida polos seus practicantes como "dinamización" ou "potenciación") é o proceso polo cal unha substancia é diluída en alcohol ou auga destilada e despois sacudida vigorosamente nun proceso denominado "sucusión". Tradicionalmente as preparacións utilizadas están extremadamente diluídas. Os sólidos insolubles, como o cuarzo ou a cuncha de ostra, son diluídos triturándoos xunto con lactosa (trituración). O fundador da homeopatía, Samuel Hahnemann (1755–1843), afirmaba que o proceso de sucusión activaba o que el chamaba "enerxía vital" da substancia diluída,[1] e que as sucesivas dilucións incrementaban (en lugar de diminuír) a "potencia" da preparación, aínda que outras ramas da homeopatía (como a de Schuessler) non estaban de acordo con isto.

Este concepto considérase pseudocientífico pola comunidade científica, porque, nas dilucions elevadas que normalmente se usan en homeopatía, virtualmente non é probable que queden moléculas do material orixinal.[2]

Introdución editar

O fundador da homeopatía, Samuel Hahnemann observou que as doses nin diluídas de medicamentos causaban ás veces reaccións perigosas, polo que especificaba que as preparacións se desen ás doses máis baixas posibles.[3] Para contrarrestar a esperable redución de potencia en dilucións altas estaba convencido que era necesario darlle á preparación unhas vigorosas sacudidas e golpes sobre unha superficie elástica (proceso denominado sucusión).[3] Dise que Hahnemann chegou a esta conclusión despois de ver que as preparacións que estiveran suxeitas á axitación do tránsito, ao seren transportadas en bolsas ou en carruaxes, eran máis "potentes".[4]:16 Hahnemann tiña para isto un obxecto feito por un construtor de selas, un taboleiro de golpeo especial de madeira cuberto de coiro por un lado e chea de pelos de cabalo.[5]:31 O proceso de dilución e sucusión denomínase en homeopatía "dinamización" ou "potenciación".[6][7] Na fabricación industrial de remedios homeopáticos isto pode facerse cunha máquina. Hai opinións diverxentes sobre o número de golpes e a súa forza que hai que dar e algúns practicantes da homeopatía discuten a necesidade de realizar a sucusión. Non existen ensaios de laboratorio sobre a sucusión e a importancia e técnicas desta non poden determinarse con ningunha certeza consultando a literatura científica.[4]:67–69

Escalas de potencia editar

 
Este frasco contén Arnica montana D6, é dicir a dilución nominal é de unha parte por millón (106).

En homeopatía utilízanse regularmente varias escalas logarítmicas de dilución. Hahnemann creou a escala "centesimal" ou "escala C", diluíndo unha substancia nun factor de 100 en cada etapa. Hai tamén unha escala de dilución decimal (notada como "X" ou "D") na cal a preparación se dilúe nun factor de 10 en cada etapa.[8] A escala centesimal foi a preferida por Hahnemann durante a maior parte da súa vida, aínda que nos seus últimos dez anos Hahnemann desenvolveu tamén a escala quintamilesimal (Q), que dilúe a droga ata 1 parte en 50.000[9] A maior dilución que razoablemente ten probabilidades de conter polo menos unha molécula da substancia orixinal é de arredor de 12C.[10]

As disolucións homeopáticas realízanse por medio de dilucións sucesivas. Nunha dilución 2C a substancia está diluída en 1 parte en 100, e despois parte desa solución diluída é diluída de novo noutro factor de 100. Isto orixina que na solución haxa só unha parte da substancia orixinal en cada 10.000 partes da solución. Unha dilución 6C repite este proceso seis veces, acabando co material orixinal diluído por un factor de 100−6=10−12. As dilucións maiores seguen tamén este mesmo proceso. En homeopatía, unha solución que está máis diluída dise que ten maior potencia, e as substancias máis diluídas son consideradas polos homeópatas como de acción máis forte e profunda.[11] O produto final está a miúdo tan diluído que é indistinguible do disolvente (normalmente etanol ou auga pura para os líquidos, e lactosa para os sólidos insolubles).[12][13][14]

Hahnemann avogaba por dilucións 30C para a maioría dos tratamentos (isto é unha dilución nun factor de 1060).[15] Hahnemann utilizaba habitualmente dilucións de ata 300C, pero opinaba que "debería haber un límite para a materia".[16]:322 Canto máis diluídas e, por tanto, menos substancia teñen (ás veces ningunha), as dilucións considéranse polos homeópatas máis "potentes", fortes e de acción máis profunda.[17] No tempo de Hahnemann era razoable asumir que as preparacións podían ser diluídas indefinidamente, xa que o concepto de átomo ou molécula como a menor unidade posible de substancia química só estaba empezando a recoñecerse. Agora sabemos que a maior dilución na que é razoable pensar que probablemente contén unha molécula da substancia orixinal é de 12C, se empezamos por 1 mol de substancia orixinal (ver constante de Avogadro).

Algúns homeópatas desenvolveron unha escala decimal (D ou X), diluíndo a substancia ata dez veces o seu volume orixinal en cada etapa. A escala de dilución D ou X é, por tanto, a metade que a escala C; por exemplo, "12X" ten o mesmo nivel de dilución que "6C". Hahnemann nunca utilizou esta escala, mais era moi utilizada no século XIX e aínda o é en Europa hoxe. Esta escala de potencia parece que foi introducida na década de 1830 polo homeópata americano Constantine Hering.[18] Nos últimos dez anos da súa vida Hahnemann diesenvolveu a escala quintamilesimal (Q) ou LM diluíndo a substancia en 1 parte en cada 50.000 partes de disolvente.[19] O valor numérico dunha dilución a escala Q sería aproximadamente 2,35 veces menos que o valor dunha disolución equivalente na escala C. Por exemplo, unha preparación descrita como "20Q" ten aproximadamente a mesma concentración que a descrita como "47C".[20]

Potencias de 1000C e maiores son xeralmente etiquetadas co número romano M e co indicador centesimal 'C' as equivalencias serían: 1M = 1000C; 10M = 10,000C; CM = 100,000C. Normalmente non se usa LM (que indicaría 50.000C) debido á posible confusión coa escala LM de potencia.

A seguinte táboa é unha sinopse na que se comparan as escalas de dilución X e C e iguálanse para unha dilución equivalente. Porén, a comprensión homeopática destes principios non se explica por dilución senón por "potenciación", por tanto, non se pode asumir que as diferentes potencias poden ser igualadas baseándose na equivalencia dos factores de dilución.

Escala X (ou D) Escala C Proporción Nota
1X 1:10 descrita como de baixa potencia
2X 1C 1:100 considerada polos homeópatas de maior potencia que 1X
6X 3C 10−6
8X 4C 10−8
12X 6C 10−12
24X 12C 10−24 Ten un 60% de probabilidade de conter unha molécula do material orixinal se se utilizou inicialmente un mol da substancia orixinal.
26X 13C 10−26 Se se utilizou auga pura como disolvente, non permanece ningunha molécula da solución orixinal na auga.
60X 30C 10−60 Dilución preferida por Hahnemann para a maioría dos propósitos: como media, isto requiriría darlle dous mil millóns de doses por segundo a seis mil millóns de persoas durante 4 mil millóns de anos para que algún dos pacientes recibise unha soa molécula do material orixinal.
400X 200C 10−400 Dilución que ten a popular preparación homeopática contra a gripe Oscillococcinum
Nota: a "escala X" tamén se chama "escala D" (decimal). 1X = 1D, 2X = 2D, etc.

Dilucións editar

A dilución en serie dunha solución ten como resultado, despois de cada paso de dilución, que queden cada vez menos moléculas da substancia orixinal por litro de disolución. Finalmente, unha solución quedará diluída máis alá da posibilidade de poder atopar polo menos unha soa molécula da substancia orixinal nun litro do produto da disolución final. Tamén se pode utilizar para facelas o "método korsakoviano". Neste método o recipiente no cal se elaboran as preparacións é baleirado, volto a encher con solvente, co volume de fluído adherido ás paredes do recipiente xulgado suficiente para o novo lote.[4]:270 O método korsakoviano denomínase ás veces como K nas etiquetas das preparacións homeopáticas.[21][22] Outro método é a fluxión, no cal se dilúe a substancia ao facer pasar continuamente auga por un vial.[23] Os sólidos insolubles como o granito, cinabrio, diamante e platino, son diluídos triturándoos xunto con lactosa ("trituración").[4]:23

O límite molar editar

Se comezamos cunha disolución de 1 mol/L dunha substancia, a dilución requirida para reducir o número de moléculas a menos dunha por litro é 1 parte en 1×1024 (24X ou 12C), xa que:

6,02×1023/1×1024 = 0,6 moléculas por litro

As dilucións homeopáticas que superan este límite (equivalente aproximadamente a unha concentración 12C) é improbable que conteñan nin sequera unha soa molécula da substancia orixinal e as disolucións aínda máis diluídas non conteñen xa ningunha cantidade detectable. A ISO 3696 (auga para o uso en laboratorio analítico) especifica unha pureza de 10 partes por mil millóns ou 10×10−9 ; esta auga non pode conservarse en recipientes de cristal ou plástico, xa que soltan impurezas na auga, e os recipientes de vidro deben ser lavados con ácido fluorhídrico antes do seu uso. Dez partes por mil millóns equivalen a unha dilución homeopática de 4C.

Analoxías editar

Os críticos e partidarios da homeopatía por igual frecuentemente intentan ilustrar o significado das dilucións usadas na homeopatía por medio de analoxías. As altas dilucións usadas caracteristicamente adoitan considerarse o aspecto máis controvertido e improbable da homeopatía.[24]

Un dos exemplos dados di que unha disolución 12C é equivlente a botar unhas "areíñas de sal nos océanos Atlántico Norte e Sur",[25][26] o cal é aproximadamente correcto.[27] Un terzo dunha pinga dunha substancia orixinal diluída en toda a auga que contén o planeta Terra produciría unha preparación cunha concentración de aproximadamente 13C.[28][29]

Un tratamento homeopático moi popular da gripe é unha preparación cunha disolución 200C de fígado de pato, comercializado co nome Oscillococcinum. Como só hai uns 1080 átomos en todo o universo observable, unha dilución dunha soa molécula dun produto en todo o universo observable sería de aproximadamente 40C. Oscillococcinum necesitaría 10320 veces máis átomos para simplemente ter unha soa molécula na substancia final.[30]

Outra ilustración das dilucións usadas nas preparacións homeopáticas comúns é comparar a disolución homeopática con disolver unha substancia nunha piscina.[31][32] Hai unhas 1032 moléculas de auga nunha piscina olímpica e se esa piscina se enche ata ariba cunha preparación homeopática 15C, para ter un 63% de posibilidades de tomar polo menos unha molécula da substancia orixinal, habería que beber o 1% do volume da piscina, o que aproximadamente serían 25 toneladas métricas de auga.[33][34]

Explicacións propostas editar

Os homeópatas sosteñen que a auga da disolución conserva algunha "propiedade esencial" do material orixinal, porque a preparación foi sacudida despois da súa dilución.[35] Hahnemann cría que a dinamización ou sacudida da disolución causaba que unha forza de curación de "tipo espiritual" se liberase do interior da substancia. Aínda que as preparacións homeopáticas están a miúdo extremadamente diluídas, os homeópatas sosteñen que conservan a forza de curación.[34] Os partidarios modernos da homeopatía propuxeron o concepto da "memoria da auga", segundo o cal a auga "lembra" as substancias que foron mesturadas nela e transmite o efecto desas substancias cando se toma. Este concepto é inconsistente cos coñecementos actuais sobre a materia e nunca se demostrou que a memoria da auga teña ningún efecto detectable biolóxico ou de calquera outro tipo. O que se di para apoiar a "memoria da auga" é que a ciencia non comprende completamente a auga. De feito, hai moitas cousas que non se saben sobre a estrutura e propiedades da auga líquida, tanto en estudos teóricos coma experimentais, e debido á súa importancia en bioquímica, a súa relativa simplicidade molecular e a natureza mecánica cuántica do enlace de hidróxeno converteuse nunha substancia moi estudada en química teórica.[36] En homeopatía, tampouco se explica convincentemente por que a auga retería memoria dos compostos disoltos nas preparacións homeopáticas e non dos miles doutros compostos cos que a auga estivo en contacto ao longo dos anos, xa que as moléculas de auga se reciclan continuamente na natureza. A memoria da auga real puido medirse experimentalmente e atopouse que é de arredor de só 50 femtosegundos, o cal é 0,00000000000005 segundos, polo que non pode reter memoria da súa estrutura de pontes de hidróxeno por máis dese pequenísimo lapso de tempo.[37]

O concepto de memoria da auga, xeralmente considerado pseudociencia pola comunidade científica, orixinouse a partir dun discutido estudo realizado por Jacques Benveniste, que segundo el demostraba que a auga quedaba impresa enerxeticamente, pero este experimento non puido ser reproducido por outros investigadores.[38][39][40] Outro estudo publicado en 2003 polo químico suízo Louis Rey, afirmaba que as solucións diluídas homeopaticamente de cloruro de sodio e cloruro de litio tiñan unha estrutura de enlace de hidróxeno moi diferente do da auga normal, medida por termoluminescencia.[41][42]

Outros intentos dos homeópatas de explicar o funcionamento das dilucións homeopáticas á parte da memoria da auga foron: un intercambio electromagnético de información entre moléculas, rotura da simetría temporal, termoluminescencia, entrelazamento descrito por unha nova teoría cuántica, formación de peróxido de hidróxeno, formación de clatratos, etc. Algúns dos mecanismos propostos requirirían tirar ao lixo a maioría da física do século XX.[43]

Debate sobre a dilución entre os homeópatas editar

Non todos os homeópatas avogan por dilucións extremadamente altas. Moitos dos primeiros homeópatas eran orixinalmente doutores e xeralmente usaban dilucións "3X" ou "6X", raramente ián máis alá de dilucións "12X"; estes niveis de dilución (ou de "trituración") eran aínda populares a finais do século XX entre os defensores dos 12 sales de tecidos bioquímicos de Wilhelm Heinrich Schüßler, por exemplo. A separación entre as baixas e as altas dilucións seguía liñas ideolóxicas. Os que estaban a favor das dilucións baixas poñían o foco na patoloxía e mantiñan un forte vínculo coa medicina convencional, mentres que os que estaban a favor das dilucións altas enfatizaban a forza vital, os miasmas e a interpretación espiritual da enfermidade da homeopatía máis clásica.[44][45][46] Seguen vendéndose algúns produtos que teñen tanto produtos con dilucións altas coma baixas, pero igual que os que non teñen esta mestura, non demostraron concluintemente ter ningún efecto cando se proban contra un placebo.[47][48]

Notas editar

  1. Kayne SB (2006). Homeopathic pharmacy: theory and practice (2 ed.). Elsevier Health Sciences. p. 53. ISBN 978-0-443-10160-1. 
  2. Grimes, D. R. (2012). "Proposed mechanisms for homeopathy are physically impossible". Focus on Alternative and Complementary Therapies 17 (3): 149–155. doi:10.1111/j.2042-7166.2012.01162.x. 
  3. 3,0 3,1 Kayne SB (2006). Homeopathic pharmacy: theory and practice (2 ed.). Elsevier Health Sciences. p. 53. ISBN 978-0-443-10160-1. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Shelton, JW (2004). Homeopathy: How it really works. Amherst, New York: Prometheus Books. ISBN 978-1-59102-109-4. 
  5. Goldacre, Ben (2008). Bad Science. Londres: Fourth Estate. ISBN 978-0-00-724019-7. 
  6. Hahnemann S (1921). The Organon of the Healing Art (6th ed.). aphorism 128. ISBN 978-0-87983-228-5. 
  7. Stephen Barrett, M.D. "Homeopathy: The Ultimate Fake". Consultado o 26 de maio de 2011. 
  8. "Homeopathic Medicine Potency or Dilution". Arquivado dende o orixinal o 21 de agosto de 2015. Consultado o 15 de xuño de 2015. 
  9. Adler, U. C.; Adler, M. S. (2006). "Hahnemann's experiments with 50 millesimal potencies: a further review of his casebooks". Homeopathy 95 (3): 171–181. ISSN 1475-4916. PMID 16815521. doi:10.1016/j.homp.2006.03.003. 
  10. Page 3. "Alternative Medicine: Homeopathy-A Review" (PDF). International Journal of Pharmacotherapy. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de setembro de 2015. Consultado o 10 de agosto de 2015. 
  11. Glossary of Homeopathic Terms. Creighton University Department of Pharmacology. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2012. Consultado o 17 de agosto de 2021. 
  12. Dynamization and Dilution. Complementary and Alternative Medicine (Creighton University Department of Pharmacology). Arquivado dende o orixinal o 2002-08-26. Consultado o 2009-03-24. 
  13. Smith T (1989). Homeopathic Medicine. Healing Arts Press. pp. 14–15. 
  14. Similia similibus curentur (Like cures like). Creighton University Department of Pharmacology. Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2007. Consultado o 17 de agosto de 2021. 
  15. Hahnemann S (1921). The Organon of the Healing Art (6ª ed.). aforismo 128. 
  16. Richard Haehl (1922). Samuel Hahnemann: His Life and Work : Based on Recently Discovered State Papers, Documents, Letters, Etc. B. Jain Publishers. p. 101. ISBN 978-81-7021-693-3. Consultado o 24 de xaneiro de 2013. 
  17. "Glossary of Homeopathic Terms". Creighton University Department of Pharmacology. Arquivado dende o orixinal o October 16, 2012. Consultado o 15 de febreiro de 2009. 
  18. Robert ED (1853). Lectures on the theory & practice of homeopathy (PDF). Londres: B. Jain. pp. 526–7. ISBN 978-81-7021-311-6. 
  19. Little D. Hahnemann's advanced methods. Simillimum.com. Consultado o 2007-08-04. 
  20. Se unha dilución se designa como q na escala Q e como c na escala, entón c/q=log10(50.000)/2=2,349485.
  21. "Homeopathy: Diluted out of existence?". scilogs.com/in_scientio_veritas. January 22, 2011. Consultado o 15 de xuño de 2015. 
  22. "Homeopathic Medicine Potency or Dilution". ritecare.com. Arquivado dende o orixinal o 21 de agosto de 2015. Consultado o 15 de xuño de 2015. 
  23. Winston, Julian (1989-04-01). "A brief history of potentizing machines". British Homoeopathic Journal (en inglés) 78 (2): 59–68. ISSN 0007-0785. doi:10.1016/S0007-0785(89)80050-X. 
  24. Fisher, P (2007). "The Memory of Water: a scientific heresy?". Homeopathy 96 (3): 141–2. PMID 17678808. doi:10.1016/j.homp.2007.05.008. 
  25. Bambridge AD (1989). Homeopathy investigated. Kent, England: Diasozo Trust. ISBN 978-0-948171-20-8. 
  26. Andrews P (1990). "Homeopathy and Hinduism". The Watchman Expositor. Watchman Fellowship. 
  27. Unha disolución 12C de cloruro de sodio (o sal común ou de mesa chamado en homeopatía natrum muriaticum) é o equivalente a disolver 0,77 g de sal de mesa nun volume de auga do tamaño do océano Atlántico, xa que o volume do océano Atlántico e os seus mares adxacentes é de 3,55×108 km3 ou 3,55×1020 L : Emery KO, Uchupi E (1984). The geology of the Atlantic Ocean. Springer. ISBN 978-0-387-96032-6. 
  28. O volume de toda a auga da Terra é de aproximadamente 1,36×109 km3: Earth's water distribution. Water Science for Schools (United States Geological Survey). 28 de agosto de 2006. ISBN 978-0-07-825402-4. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 17 de agosto de 2021. 
  29. Gleick PH, Water resources, En Schneider SH, ed. (1996). Encyclopedia of climate and weather 2. Nova York: Oxford University Press. pp. 817–823. 
  30. Robert L. Park (2008). Superstition: Belief in the Age of Science. Princeton University Press. pp. 145–146. ISBN 978-0-691-13355-3. 
  31. Review, critique, and guidelines for the use of herbs and homeopathy, James Glisson, Rebecca Crawford and Shannon Street, Nurse Practitioner, April 1999. Arquivado 2009-06-21 en Wayback Machine.
  32. An Open Letter to ABC News 20/20 with Barbara Walters and John Stossel (Archive link, arquivado o 3 de novembro de 2006)
  33. Section 5.3[Ligazón morta], Beginning Algebra, 10/E, Margaret L. Lial, John Hornsby, Terry McGinnis, Addison-Wesley, Copyright: 2008, Published: 01/02/2007, ISBN 0-321-43726-8
  34. 34,0 34,1 "Dynamization and Dilution". Arquivado dende o orixinal o 18 de xullo de 2007. Consultado o 2007-07-24. 
  35. Resch, G; Gutmann, V (1987). Scientific Foundations of Homoeopathy. Barthel & Barthel Publishing. 
  36. Ceriotti, M.; et al. (2013). "Nuclear quantum effects and hydrogen bond fluctuations in water". PNAS 110 (39): 15591–15596. Bibcode:2013PNAS..11015591C. PMC 3785726. PMID 24014589. doi:10.1073/pnas.1308560110. 
  37. Cowan, M. L.; et al. (2005). "Ultrafast memory loss and energy redistribution in the hydrogen bond network of liquid H2O". Nature 434 (7030): 199–202. Bibcode:2005Natur.434..199C. PMID 15758995. doi:10.1038/nature03383. 
  38. Makar, A. B; McMartin, K. E; Palese, M; Tephly, T. R (1988). "When to believe the unbelievable". Nature 333 (787): 117–26. Bibcode:1988Natur.333Q.787.. doi:10.1038/333787a0. 
  39. Maddox, J.; Randi, J.; Stewart, W. (1988). ""High-dilution" experiments a delusion". Nature 334 (6180): 287–291. Bibcode:1988Natur.334..287M. PMID 2455869. doi:10.1038/334287a0. 
  40. Sullivan W (1988-07-27). "Water That Has a Memory? Skeptics Win Second Round". The New York Times. Consultado o 2007-10-03. 
  41. Rey, Louis (2003). "Thermoluminescence of ultra-high dilutions of lithium chloride and sodium chloride". Physica A: Statistical Mechanics and its Applications 323: 67–74. Bibcode:2003PhyA..323...67R. doi:10.1016/S0378-4371(03)00047-5. 
  42. Milgrom, Lionel (11 June 2003). "Icy claim that water has memory". New Scientist. Consultado o 11 October 2014. 
  43. Martin Chaplin, ed. (2007). "The Memory of Water Homeopathy 96:141-230". ::Copias dos artigos deste número especial están libremente dispoñibles nunha páxina web privada, xunto coa súa discusión. Homeopathy Journal Club albergado en Bad Science, un blog de Ben Goldacre
  44. Wheeler CE (1941). Dr. Hughes: Recollections of some masters of homeopathy. Health through homeopathy. 
  45. Bodman F (1970). The Richard Hughes memorial lecture. BHJ. pp. 179–193. 
  46. "Seven Unique Homeopathic Vitiligo Treatments You Can Use". Arquivado dende o orixinal o 05 de outubro de 2015. Consultado o 2015-10-04. 
  47. "ConsumerReportsHealth.org (HeadOn: Headache drug lacks clinical data)". Consumers Union. Arquivado dende o orixinal o 2007-08-19. Consultado o 2009-03-25. 
  48. "James Randi's Swift (Analysis of Head On)". Arquivado dende o orixinal o 2006-08-22. Consultado o 2006-07-27.