Demografía de Andorra

Andorra conta con 83.137 habitantes e unha densidade de poboación de 179 hab/km2, segundo o censo de 2007. Debido a unha política restritiva de concesión da nacionalidade, a poboación de nacionalidade andorrana só constitúe o 36,6% dos habitantes do país; o resto da poboación, aínda sendo maioritaria, non dispón de dereitos políticos.

Nacionalidades e evolución demográfica editar

Segundo o censo de 2007, o 36,6% da poboación do país (30.441 habitantes) é de nacionalidade andorrana, o 33,0% (27.476 hab.) é de nacionalidade española, o 16,3% (13.519 hab.) é de nacionalidade portuguesa, o 6,3% (5.200 hab.) é de nacionalidade francesa, e o 7,8% restante (6.501 hab.) é doutras nacionalidades.[1] A cuarta parte dos andorranos son de orixe galega.[2]

Os nacionais andorranos son minoría no seu país, xa que só forman o 36,6% da poboación. Isto é debido a varios factores. Por unha banda, Andorra, situada nunha zona illada, tivo sempre unha densidade de poboación baixa. Pola súa condición de paraíso fiscal, a partir dos anos 60 formouse unha potente industria comercial que, unido ao desenvolvemento de estacións de esquí, fixo que se necesitase un crecemento demográfico, que foi dado pola inmigración, principalmente procedente de España e, en menor medida e máis tarde, de Portugal. Debido á bonanza económica do país, esta corrente inmigratoria segue sendo importante. Doutra banda, Andorra foi durante o século XX moi restritiva á hora de outorgar a nacionalidade aos inmigrantes e aos seus descendentes, polo que a porcentaxe de nacionais foi moi baixo desde os anos 1960.

Segundo a extremadamente restritiva lei de adquisición da nacionalidade vixente entre 1939 e 1995, só podían dispor de nacionalidade andorrana aquelas persoas nadas en Andorra cuxo pai era de nacionalidade andorrana e residente no país. Esta norma, a parte de ser considerada discriminatoria para as mulleres (pois aos fillos de andorranas e estranxeiros negábaselles a nacionalidade, mentres que aos fillos de andorranos e estranxeiras permitíaselles adquirila), fixo que a partir dos anos 1950 o número de non nacionais superase aos de nacionalidade andorrana.

Durante os anos 1980 e principios dos anos 1990, a poboación de nacionalidade andorrana alcanzou as súas proporcións máis baixas, non superando o 20% da poboación. Unha norma dos anos 1970 creou unha categoría de habitantes apátridas, eufemísticamente clasificados como nats a Andorra (fillos dun proxenitor paterno non andorrano pero nados en Andorra), cuxo número cara a 1990 era próximo ao de nacionais andorranos. Así, en 1993, o 82,3% da poboación do país non dispuña da nacionalidade andorrana, polo que non dispuña de ningún dereito político e atopábanse discriminados administrativamente.

En 1995 entrou en vigor unha nova lei de adquisición da nacionalidade, tamén moi restritiva aínda que non até os extremos da norma de 1939. Con esta nova lei, poden adquirir a nacionalidade os nados en Andorra se un dos seus dous pais dispón da nacionalidade, naceu no país e ten no país a súa residencia permanente ou se un dos seus proxenitores pode xustificar a súa residencia principal e permanente no país no dezaoito anos anteriores ao nacemento (reducido a dez anos nunha modificación de lei realizada en 2004[3]). Poden, ademais, solicitala o resto de xente nada en Andorra e os estranxeiros que vivan no país durante máis de 25 anos (20 anos desde o 2004) e superen un "exame de integración", onde deben de demostrar os seus coñecementos en catalán e en cultura, historia, institucións e tradicións andorranas; ademais, deben de perder a súa nacionalidade anterior.[4] Por mor disto, a proporción de cidadáns con nacionalidade aumentou a finais dos anos 1990, especialmente entre 1998 e 1999. Durante o século XXI esta porcentaxe estabilizouse en torno ao 36%.

Aos habitantes de Andorra que non dispoñen da nacionalidade andorrana négaselles o dereito ao voto e o dereito a presentarse a eleccións. Tamén teñen restrinxida a súa participación en sindicatos, cuxos órganos executivos deben de estar dominados por andorranos, aínda sendo minoría no mundo laboral. Ademais, os cidadáns que non dispoñen da nacionalidade andorrana non poden ser presidentes nin posuíren máis do 33% do capital dunha compañía. Estas limitacións nos dereitos básicos seguen afectando a máis do 60% da poboación do país, o que foi criticado polo seu carácter discriminatorio e o seu anacronismo.[5]

Poboación por parroquias editar

O maior núcleo de poboación do Principado é a capital, Andorra la Vella, con 24.574 habitantes (2007), o que representa o 29,6% da poboación andorrana. As seguintes parroquias por poboación son Escaldes-Engordany (16.475 hab.) e Encamp (14.029 hab.).

Parroquia Poboación
(2007)
[1]
Superficie
(en km²)
Densidade
(2007)
(en hab/km²)
Canillo 5.422 121 45
Encamp 14.029 74 190
Ordino 3.685 89 41
La Massana 9.357 61 153
Andorra la Vella (capital) 24.574 12 2.048
Sant Julià de Lòria 9.595 60 160
Escaldes-Engordany 16.475 47 351
Andorra 83.137 464 179

Linguas editar

O idioma oficial é o catalán, lingua habitual do 43,8% da poboación. O castelán é a segunda lingua máis falada no principado, cun 32,8% da poboación que a teñen como lingua habitual. O portugués é a lingua habitual do 7,6% da poboación e o francés do 7,1%.

Con todo, o castelán é a lingua materna ou primeira lingua do 35,9% da poboación, mentres que o catalán o é para o 31,4%.[6] Debido á forte emigración de galegos cara Andorra a lingua galega ten presenza na radio[7] e hai demandas para a súa implantación nas escolas.[8]

  Lingua materna Lingua habitual
Catalán 31,4% 43,8%
Castelán 35,9% 32,8%
Por igual castelán e catalán 1,5% 2,7%
Portugués 14,7% 7,6%
Francés 7,8% 7,1%
Outros 8,7% 6,0%
Fonte:Goberno de Andorra. Enquisa de usos lingüísticos en Andorra - 2004Arquivado 07 de outubro de 2009 en Wayback Machine.

Educación editar

En Andorra conviven tres sistemas educativos: o francés, o español e o andorrano. Para o curso escolar 2004-2005, o sistema francés era seguido por 3.650 alumnos, o español por 3.499 e o andorrano por 3.328.[9]

En 1997 fundouse a universidade do país, a Universidade de Andorra. As únicas carreiras universitarias presentes son a de Informática e a de Enfermaría, aínda que existen convenios de colaboración con diversas universidades españolas e francesas, que garanten a correcta formación en todas as áreas do coñecemento.

Datos demográficos editar

  • Poboación:: 76.875 (2004)
Homes: 40.085
Mulleres: 36.790
  • Idade ternaria:
0-14 anos: 14,82% (homes 5.922; mulleres 5.476)
15-64 anos: 73,21% (homes 29.628; mulleres 26.661)
Máis de 65 anos: 11,95% (homes 4.535; mulleres 4.653) (2004)
  • Taxa de crecemento da poboación: -0,19% (2000)
  • Taxa de nacementos: 10,58 nacementos/1.000 habitantes (2004)
  • Taxa de defuncións: 3,65 defuncións/1.000 habitantes (2004)
  • Taxa de mortaldade infantil: 4,08 mortes/1.000 nacementos (2000)
  • Esperanza de vida: 83,46 anos
homes: 80,56 anos
mulleres: 86,56 anos (2000)
  • Taxa de fertilidade: 1,25 nacementos/muller (2000)
  • Habitantes por nacionalidades:
Andorranos 35,72%
Españois 37,36%
Portugueses 12,98%
Franceses 6,62%
Outros 7,29% (2004)

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar