Death on Two Legs

Death on Two Legs é a primeira canción do álbum A Night at the Opera, realizado pola banda de rock británica Queen en 1975.

Freddie Mercury escribiu esta canción como unha carta de despedida ao exmanager de Queen Norman Sheffield, con quen, segundo a banda, non estaban de acordo na distribución dos beneficios entre 1972 e 1974. Segundo Taylor e May, Freddie estaba realmente desgustado polo xeito en que se repartían as ganancias da banda, xa que logo de tres álbums, o terceiro deles, "Sheer Heart Attack", con relativo éxito internacional, mesmo no Xapón, a banda non vira aínda traducido en beneficio económico todo o seu esforzo musical. Ao parecer, as contas non cadraban.

Segundo as palabras de Mercury: " 'Death on Two Legs' era a letra máis malintencionada que escribira xamais. Contiña tanto rancor que Brian se sentía mal ao cantala. Ninguén creu nunca canto odio e veleno había no xeito de cantar esta canción, agás pola mesma letra. Simplemente escoiten a letra atentamente. É unha cancionciña desagradable que saca a relucir a miña vea maligna. Normalmente non me gusta explicar en que estaba a pensar cando escribín esta canción. Trata sobre un vello desagradable que coñecín. A letra saíu con moita facilidade..."[1]

Unha das queixas de Mercury, era o feito de que el consideraba que necesitaba un bo piano de cola acorde co seu nivel artístico e coa imaxe que Queen necesitaba proxectar. En particular, Freddie quería un grand-piano branco, o que aparece posteriormente no vídeo de Bohemian Rhapsody, o que Sheffield se negou a comprar, pois consideraba que era un capricho máis do excéntrico Freddie, o que demostra a pouca confianza que tiña o exmanager no grupo.

Xa houbera unha protesta subliminar no terceiro álbum, Sheer Heart Attack, co tema Flick of The Wrist, con frases como "Let me squeeze you till you've dried" ou "All this estafe honey... baby you've been had", nas cales xa Freddie deixa entrever que sentía explotado.

No disco A Night At The Opera Freddie dá un paso máis e engade ao título da canción o famoso Dedicado a...? para evitar demandas. Non obstante, Sheffield intenta infructuosamente demandalos pola mención do seu nome nos directos, o que leva a banda a introducir o tema en vivo dicindo: "This next song is from A Night at the Opera, this is about a motherfucker of a gentleman we call him Death on two legs". A escatoloxía foi suprimida cun asubío no disco en directo Live Killers.

No que respecta á estrutura musical, a canción comeza cunha complexa introdución in crescendo de arpexios que alcanza niveis pandemoníacos para finalmente develar un riff que recrea unha atmosfera sinistra, que foi composto por Mercury ao piano e logo trasladado á guitarra por May, e que constitúe o eixe musical sobre o que se desenvolve toda a melodía. Death On Two Legs sempre foi unha peza favorita, tanto de Queen como dos fans en vivo, polo que adoitaban tocala completa ata 1977. Desde 1978 comezaron a tocar só a metade da canción e como introdución dun popurrí composto ademais por Killer Queen e I'm in Love with My Car, entre outras.

Ficha técnica editar

Referencias editar

  1. Freddie Mercury: Su vida contada por él mismo - Greg Brooks