Datación por termoluminiscencia
A datación por termoluminiscencia é un método de datación absoluta baseado na emisión de luz de certos minerais cando son quentados[2], ben por acción humana (fornos) ben por factores naturais (luz solar, incendios, erupcións volcánicas). Emprégase en arqueoloxía para datar materiais como a cerámica, sílex queimado ou fogares[3]. Tamén pode utilizarse na datación de sedimentos eólicos, fluviais, mariños, costeiros, rochas volcánicas e carbonato cálcico precipitado en covas[4].
As vantaxes desta técnica radican en que non necesita calibración, pode datar mostras de entre 1 000 e 500 000 anos [5] (moito máis alá que o C14) e, en condicións favorables, permite determinar datas cun erro menor do 10% respecto da idade real[4].
Termoluminiscencia
editarA luminiscencia é a propiedade física que posúen certos minerais de acumular cargas eléctricas na súa estrutura cristalina e de liberalas en forma de enerxía lumínica ao sometelas a un estímulo exterior. No caso da termoluminiscencia (TL), o estímulo externo é a calor. Outros tipos de luminiscencia son a luminiscencia estimulada opticamente (OSL) e a luminiscencia estimulada por infravermello (IRSL)[6].
Principio físico
editarNos minerais, os átomos están colocados nunha estrutura ríxida e ordenada, chamada retícula cristalina. Non obstante, poden existir distorsións provocadas por átomos de distinto tamaño ou carga ao que correspondería na súa posición na retícula. Cando se produce un bombardeo por partículas de alta enerxía (provenientes do propio obxecto, do contorno circundante ou de raios cósmicos)[7], algúns electróns saen da súa posición orixinal e, aínda que a maioría adoita volver a ela, algúns quedan retidos nalgunha das distorsións da retícula, creando zonas de maior carga negativa (onde están) e outras con ela positiva (onde deberían estar). Para volver ao estado de equilibrio inicial débese quentar o sólido a unha temperatura superior a 500 °C[8] [nota 1]; neste momento emítese unha pequena escintilación luminosa. Medindo a intensidade da luz emitida segundo se vai incrementando a temperatura, pódese estimar a cantidade de electróns que estaban atrapados e, polo tanto, como este número é proporcional á radiación recibida, tamén o tempo transcorrido dende que se formou a estrutura cristalina ou se quentou a máis de 500 °C por primeira vez[10] [nota 2].
Toma de mostra
editarPara realizar unha datación precisa cómpre coñecer a cantidade de radiación recibida pola mostra. No caso da cerámica, normalmente analízanse os cristais de cuarzo do desengraxante ou a arxila, que recibiron radiación tanto da mesma cerámica como do solo onde foi enterrada[nota 3]. Se o fragmento ten un espesor maior de 5 mm, só os raios gamma do solo lle afectaron, pois os outros son absorbidos antes de chegaren ao cristal. O fragmento debe pesar máis de 10 g e ser maior de 6 mm de espesor se se trata de cerámica, e dun volume maior de 3,5x1 cm no caso do sílex. Deberá ser extraído a máis de 30 cm da superficie e protexido inmediatamente dentro dunha bolsa de plástico opaco. Non debe recibir ningún tipo de radiación nin perder humidade até a súa chegada ao laboratorio[7].
Para medir a chamada dose ambiental, en condicións ideais, entérrase no xacemento unha pequena cápsula que conteña un material sensible á radiación e déixase alí varios meses ou un ano. Se a escavación é de urxencia e non é posible deixar o contador tanto tempo, pode facerse unha determinación máis rápida pero menos exacta usando outro dosímetro (un contador de radiacións) e enviando ao laboratorio mostras do solo que circunde a mostra (a menos de 30 cm) en bolsas de plástico[7].
Notas
editar- ↑ Outras fontes indican que unha temperatura superior aos 300ºC é suficiente [9].
- ↑ No caso da cerámica, o reloxo da TL teríase posto a cero cando foi cocida.
- ↑ A cerámica e o solo conteñen pequenas cantidades de elementos radioactivos, sobre todo de uranio, torio e potasio radioactivo[11], que se desintegran a un ritmo constante e coñecido, emitindo radiacións alfa, beta e gamma.
- Referencias
- ↑ "MAN - Vaso de Ciempozuelos" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de decembro de 2015. Consultado o 31 de marzo de 2019.
- ↑ «Thermoluminescence». Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 25 de marzo de 2019.
- ↑ (Arribas, Calderón e Blasco, 1989)
- ↑ 4,0 4,1 (Fernández, 2010, p.169)
- ↑ USGS. «Thermoluminescence» Arquivado 07 de abril de 2019 en Wayback Machine. (en inglés). Consultado o 25 de marzo de 2019.
- ↑ Cenieh.«Datación por termoluminiscencia». Consultado o 27 de marzo de 2019.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 (Fernández, 2010, p.170)
- ↑ (Renfrew, 1998, p.135)
- ↑ (Lasky, 2002, p.96)
- ↑ (Arribas, Calderón e Blasco, 1989).
- ↑ (Renfrew, 1998, p.135)
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Arribas, J. G.; Calderón, T. y Blasco, C. (1989). «Datación absoluta por termoluminiscencia: un ejemplo de aplicación arqueológica». Trabajos de Prehistoria (CSIC) 46: 231-246. ISSN 0082-5638.
- Fernández Martínez, V. (2010). Teoría y método de la arqueología. Madrid: Síntesis, p.169-170.
- Lasky, L. (2002). La noción del tiempo (1ª edición). Plaza y Valdés. p. 107. ISBN 9789707220805.
- Renfrew, C. (1998). Arqueología. Madrid: Akal, p.135.