Saliut 1

primeira estación espacial
(Redirección desde «DOS-1»)

Saliut 1 (código GRAU 11F715), tamén coñecida como DOS-1 e previamente ao lanzamento como Zarya para logo acabar coa designación Saliut, foi a primeira estación espacial da Historia. Foi lanzada o 19 de abril de 1971 pola extinta Unión Soviética mediante un foguete Proton K desde o cosmódromo de Baikonur.[2][5][6]

Saliut 1 / 11F715 / Zarya
Esquema da Saliut 1 (esquerda) cunha nave Soiuz aproximándose.
TipoCientífico / tecnolóxico / tripulado
Contratistas principaisTsKBEM
Data de lanzamento19 de abril de 1971, 1:40 GMT[1][2][3][4]
Foguete portadorProton K[2][5]
Sitio de lanzamentoCosmódromo de Baikonur, rampla 81/24[2][6]
Duración da misión175 días[2]
Obxectivo da misiónComprobación dos sistemas e elementos da estación espacial, estudos xeográficos, xeolóxicos, atmosféricos e meteorolóxicos desde órbita, estudo do efecto no corpo humano de estancias prolongadas no espazo.[2][6]
Decaemento11 de outubro de 1971[1]
NSSDC ID1971-032A
Masa18.425 kg[5]
DimensiónsCilindro de 20 m de longo e 4 m de diámetro máximo.[5]

Características editar

Saliut 1 foi unha estación espacial de tipo DOS (acrónimo en ruso de Dolgovremennaya Orbitalnaya Stanziya, estación espacial duradeira) derivada das estacións militares do proxecto Almaz. Foi a primeira estación espacial tripulada da Historia, coas súas seccións en forma de cilindro de 20 m de longo, 4 m de diámetro máximo e un volume interior de 99 m3. A súa masa no momento do lanzamento era de 18.425 kg.[2][5][6]

A estación era case idéntica ás estacións Almaz pero posuía un módulo de servizo derivado das naves tripuladas Soiuz, ao igual que os catro paneis solares que lle proporcionaban enerxía. Tiña un único porto de acoplamento cun cono de 2 m de diámetro para naves Soiuz por onde entrarían os tres tripulantes que a estación podía acoller a un mesmo tempo. A estación dispoñía do telescopio Orion-1, capaz de facer no ultravioleta.[2][5][6]

Estaba formada por catro compartimentos en total, tres deles presurizados e dous accesibles pola tripulación. O primeiro que os cosmonautas atopaban ao entrar era o compartimento de transferencia, conectado directamente coa nave Soiuz. O seguinte compartimento era o principal, de 4 m de diámetro, con consolas de control, portelos e outros sistemas, a continuación do cal atopábase o último compartimento presurizado pero non accesible pola tripulación e que albergaba sistemas de control, comunicacións, enerxía, soporte vital e sistemas auxiliares. O último compartimento non estaba presurizado e nel estaba situado o sistema de propulsión.[2][5][6]

Visitas tripuladas[2][5][6] editar

Saliut 1 recibiu a visita dun total de dúas misións tripuladas mediante naves Soiuz:

Soiuz 10[2][5][6] editar

A Soiuz 10 chegou á estación espacial o 23 de abril de 1971, con Vladimir Shatalov, Aleksei Yeliseyev e Nikolai Rukavishnikov a bordo. A nave non conseguiu un acoplamento duro coa estación por problemas co piloto automático da Soiuz. Porén permaneceu unida á estación mediante un acoplamento suave (que non posibilitaba o ingreso dos cosmonautas no complexo orbital) durante 5,5 horas, despois das cales a tripulación tivo que volver a terra sen cumprir os seus obxectivos.

Soiuz 11[2][5][6] editar

A Soiuz 11 atopouse coa Saliut 1 o 7 de xuño de 1971, un día despois de ser lanzada con Georgy Dobrovolsky, Viktor Patsaiev e Vladislav Volkov a bordo. Desta vez, despois de 3 horas e 19 minutos de manobras, a cápsula conseguiu a unión completa coa estación e os cosmonautas pasaron ao seu interior.

A tripulación levou a cabo varios experimentos, probas coa estación e observacións da Terra. A misión finalizou aos 23 días por problemas coa propia estación. Durante a reentrada da cápsula da Soiuz 11 a tripulación faleceu por un problema cunha válvula de presión que se abriu antes de tempo, despresurizando a nave.

Despois do desastre da Soiuz 11 a estación non recibiu máis visitas. Debido ao baixo nivel de propelente do sistema de control de actitude decidiuse facer unha reentrada controlada da estación sobre o océano Pacífico o 11 de outubro de 1971, 175 días despois do seu lanzamento.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 N2YO (2017). Real Time Satellite Tracking, ed. "SALYUT 1" (en inglés). Consultado o 19 de marzo de 2017. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 NASA (9 de marzo de 2017). "Salyut 1" (en inglés). Consultado o 19 de marzo de 2017. 
  3. "Note verbale dated 29 May 1979 from the Permanent Representative of the United States of America to the United Nations addressed to the Secretary-General" (PDF). COMMITTEE ON THE PEACEFUL USES OF OUTER SPACE (71-11758): 3. 8 de xuño de 1971. Consultado o 19 de marzo de 2017. 
  4. Claude Lafleur (2010). "Salyut 1" (en inglés). Consultado o 19 de marzo de 2017. 
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 Gunter Dirk Krebs (2017). Gunter's Space Page, ed. "Salyut 1, (2) / DOS 1, 2" (en inglés). Consultado o 19 de marzo de 2017. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 Mark Wade (2017). "Salyut 1" (en inglés). Consultado o 19 de marzo de 2017. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar