Almaz (do ruso Алмаз, diamante) foi un programa da Unión Soviética consistente nunha serie de estacións espaciais (ou estacións orbitais pilotadas, OPS polo seu acrónimo en ruso) militares lanzadas secretamente baixo o programa civil Saliut DOS-17K (acrónimo de estación espacial duradeira) sobre 1971.

Lanzáronse tres estacións Almaz: Saliut 2, Saliut 3 e Saliut 5. A Saliut 2 fallou pouco despois de alcanzar órbita, pero as Saliut 3 e 5 levaron a cabo con éxito probas tripuladas. Tras a Saliut 5, en 1978, o ministerio de defensa soviético considerou que o tempo consumido polo mantemento da estación non compensaba os beneficios proporcionados polos satélites de recoñecemento non tripulados.

Desenvolvemento editar

Almaz foi promovida por Vladimir Chelomei como resposta ó proxecto MOL da USAF. As estacións Almaz, do mesmo modo que a súa contrapartida, serían lanzadas xa coa súa tripulación, neste caso a bordo dun foguete Proton. Tras unha estancia de entre 30 e 60 días na que terían lugar as observacións militares, a tripulación volvería a terra. A diferenza do MOL, Almaz dispoñía dun porto de atraque para a visita de diferentes tripulacións, que chegarían a bordo de naves TKS tripuladas, lanzadas tamén mediante foguetes Protón.

Estacións orbitas pilotadas (OPS) editar

O deseño básico das OPS medía 4,15 metros de diámetro, cun peso de 20 toneladas. Entre 1965 e 1970 construíronse oito modelos de proba e dous modelos listos para voar. Fixéronse cinco misións, dúas das cales consideráronse exitosas. O tempo total pasado no espazo do programa foi de 81 días.[1]

OPS-1 (Saliut 2) editar

A primeira estación Almaz (OPS-1 ou Almaz 101.1), anunciada como Saliut 2, foi lanzada o 3 de abril de 1973. Para encubrir a auténtica natureza da estación foi denominada como Saliut 2 unha vez alcanzou órbita.

OPS-2 (Saliut 3) editar

OPS-2 (ou Almaz 101.2) anunciouse como Saliut 3 e foi lanzada o 25 de xuño de 1974. A tripulación da Soiuz 14 pasou 15 días a bordo da estación en xullo de 1974. Lanzouse unha segunda expedición cara OPS-2 en agosto de 1974, pero non conseguiu alcanzar a estación. Na estación, sen tripulación, probouse con éxito un canón automático disparado en remoto contra un satélite. A Saliut 3 reentrou na atmosfera en xaneiro de 1975.

OPS-3 (Saliut 5) editar

OPS-3 (Almaz 103) foi anunciada como Saliut 5 e entrou en órbita o 22 de xuño de 1976. Foi visitada por dúas tripulacións no verán de 1976 e no inverno de 1977.

OPS-4 editar

A seguinte estación Almaz, OPS-4, estaba destinada a ser a primeira estación lanzada cun radar de apertura sintética Mech-A de tres paneis e cun vehículo tripulado de regreso reutilizable TKS. O canón antiaéreo tería sido substituído por un modelo máis avanzado, un Shchit-2, pero finalmente a estación quedou en terra tras a cancelación do programa Almaz.

Medidas de defensa editar

Ademais do equipo de recoñecemento, Almaz estaba equipada cun canón Nudelman-Rikhter NR-23 na parte dianteira do casco.[2] Este canón autolubricante foi modificado a partir do canón de cola dun bombardeiro Tu-22 e era capaz de disparar 950 cartuchos por minuto. Cada proxectil de 200 gramos voaba a unha velocidade de 690 m/s con relación á estación.[3]

A Saliut 3/OPS-2 levou a cabo unha proba con éxito do canón, disparando cara a un satélite de maneira remota, coa estación baleira, debido a preocupacións sobre o exceso de vibración e ruído.

Almaz-T (non tripulada) editar

 
Satélite Almaz (baseado na estación Almaz).

Tras a cancelación do programa, a estación Almaz foi reconfigurada como satélite de recoñecemento por radar pesado e non tripulado. Lanzáronse tres satélites baixo este concepto, dous dos cales funcionaron con éxito en órbita.

Almaz-T editar

Almaz-T foi lanzado desde o cosmódromo de Baikonur o 29 de outubro de 1986. Non alcanzou órbita por un fallo de separación da primeira e segunda etapas do lanzador Proton. O sistema de seguridade destruíu o vehículo.

Kosmos 1870 editar

O segundo satélite Almaz alcanzou órbita o 25 de xullo de 1987, cunha inclinación de 71,92 graos respecto do ecuador e foi identificado oficialmente como Kosmos-1870. A nave funcionou durante dous anos, obtendo imaxes de radar cunha resolución de 25 metros, ata que foi desorbitado o 30 de xullo de 1989.

Almaz-1 editar

O terceiro satélite Almaz foi lanzado o 31 de marzo de 1991 baixo o nome de Almaz-1. Tras o lanzamento detectouse un fallo na antena de comunicacións deseñada para descargar as imaxes mediante o satélite de comunicacións Luch. Ademais, un dos paneis solares non se despregou completamente, bloqueando parcialmente o despregue do radar principal. Tras 18 meses de traballo do satélite, Almaz-1 foi desorbitado o 17 de outubro de 1992 sobre o océano Pacífico.

Almaz-2 editar

Almaz-2 non chegou a engalar. Levaba un novo radar que tiña que proporcionar unha resolución de 5 a 7 metros. Ademais, un equipo optoelectrónico na estación debería ter producido imaxes cunha resolución de 2,5 a 4 metros.

Outros usos editar

A estrutura das OPS foi a base das estacións Saliut [4], Mir e ISS.

Notas editar

  1. "Astrospies". 
  2. В. А. Поляченко, На Море и в Космос, МОРСАР АВ, 2008, page 133
  3. Михаил Жердев «Популярная механика», 12/2003
  4. Salyut 1, its origin

Véxase tamén editar

Outros artigos editar