Dólar de Nova Escocia

antiga moeda de Nova Escocia
Dólar de Nova Escocia †
1 cent. 1861
Anverso
1 cent. 1861
Reverso
Ámbito:
Nova Escocia
Fracción:Cent (¢)
Moedas:½ cent e 1 cent.
Billetes:5 e 20 dólares.
Emisor:

O dólar de Nova Escocia foi a moeda utilizada en Nova Escocia desde 1860 ata 1871, cando este territorio adoptou o dólar canadense logo da constitución da Confederación do Canadá en 1867, da que Nova Escocia se converteu nunha das súas provincias.

Antecedentes editar

As primeiras moedas utilizadas en Nova Escocia, do mesmo xeito que no resto do Canadá, foron as levadas consigo polos primeiros colonos e polos comerciantes que se achegaban ás súas costas.[1]

Neste contexto, á medida que os intercambios comerciais ían xerando unha maior necesidade de moeda circulante, algúns comerciantes e entidades locais comezaron a cuñar as súas propias moedas, baixo o sistema monetario inglés, coñecidas na tradición anglosaxoa como tokens.[1][2]

 
Penique (Mayflower) emitido en 1856 polo Goberno de Nova Escocia.

Paralelamente a estas ibniciativas privadas, primeiro en 1823 e, novamente, en 1824, 1832, 1840 e 1843, o Goberno de Nova Escocia emitiu a súa propia moeda de cobre, sen estar autorizada por Inglaterra para o facer.[1][2]

Xa en 1856, o Goberno británico concedeu a Nova Escocia a autorización para a cuñaxe dunha serie de moedas de medio penique e dun penique, que se coñecen como Mayflower, o nome en inglés da planta que caracteriza os seus reversos.[1][2] [3]

O dólar de Nova Escocia editar

En 1860, Nova Escocia acolleuse ao sistema decimal e determinou fixar os tipos de cambio da moeda británica e doutras moedas. Creouse o dólar de Nova Escocia como unidade monetaria decimal e autorizouse tamén o Goberno da provincia para a emisión de moedas divisionarias de cobre co seu valor en centavos. No entanto, dado que a lexislación de Nova Escocia fixaba o tipo de cambio en 1 libra = 5 dólares (ou 1 dólar = 4 xilins), este sistema non era compatible cos establecidos no Canadá e en Novo Brunswick, que lle outorgaban un valor lixeiramente inferior á libra (1 dólar = 4 xilins e 1,3 peniques).[4][5]

O dólar de Nova Escocia foi substituído neste territorio polo dólar canadense cun tipo de cambio de 73 centavos canadenses = 75 centavos de Nova Escocia.[6]

Moedas editar

As únicas moedas de Nova Escocia emitidas baixo o sistema do dólar foron as divisionarias de medio centavo e dun centavo, cuñadas ambas en 1861 e en 1864 na Royal Mint, de Londres.[7]

A única diferenza entre o medio penique e o penique radica no seu diámetro (20,65 mm e 25,53 respectivamente) e no seu peso (2,84 g e 5,67 g). En ambos os casos, o anverso, obra do gravador xefe da Royal Mint, Leonard Charles Wyon, está caracterizado polo busto da raíña Vitoria laureada ollando cara á esquerda, rodeado pola lenda VICTORIA D:G: BRITT:REG:F:D:. Pola súa banda, o reverso, obra do gravador Horace Morehen, amosa no centro un círculo que contén a coroa imperial e a data de emisión (1861), todo iso rodeado por unha coroa de flores.[7]

Billetes editar

Entre 1861 e 1866, o Goberno provincial de Nova Escocia puxo en circulación billetes do Tesouro con valor facial de cinco dólares. Ao mesmo tempo, tres bancos privados acadaron a autorización para emitiren papel moeda: o Bank of Nova Scotia, o Halifax Banking Company e o Merchants Bank of Halifax.[8] Estes bancos emitiron tamén billetes co valor facial de 20 dólares de Terra Nova e continuaron emitindo billetes do dólar canadense a partir de 1871.[9]

A maiores, a provincia do Canadá emitiu billetes en 1866 sobreestampados coa inscrición Payable in Halifax / only, a modo de billetes locais para a súa circulación unicamente en Nova Escocia. Tratábase de billetes de 5 dólares, o que equivalía a 4,86 dólares en moeda canadense.[10]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Willey, R. C. (2013). "Coins and Tokens". The Canadian Encyclopedia.
  2. 2,0 2,1 2,2 "19th Century Canada Genuine Trade Tokens". London Numismatic Club.
  3. Serie Myflower (1856): 1/2 penique e 1 penique. Numista.com
  4. Pawell, J. (2005). Páxinas 22-24.
  5. An Act to regulate the Currency and the Decimal System of Accounting, Statutes of Nova Scotia, 23 Vict. (1860), c. 3.
  6. Pawell, J. (2005). Páxina 73.
  7. 7,0 7,1 Serie de 1861: 1/2 cent e 1 cent. Numista.com
  8. "Billets de banque des banques du Canada (billets de banque à charte)". Numicanada.com
  9. "Canadá. Chartered Banks". Banknote.ws
  10. Pawell, J. (2005). Páxina 27 (nota 43).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar