En literatura, o cronotopo (do grego kronos = tempo + topos = espazo, lugar) é a conexión das relacións temporais e espaciais asimiladas artisticamente. Esta definición foi dada polo filósofo e lingüista ruso Mikhail Bakhtin no seu ensaio Формы времени и хронотопа в романе ("As formas do tempo e do cronotopo na novela", de 1937), sendo o termo ruso Хронотоп.

O cronotopo está relacionado co sistema espazo-tempo, indisoluble e de carácter formal expresivo. É un discorrer do tempo -cuarta dimensión-, densificado no espazo, e deste naquel, onde ambos os dous se intersecan e se volven visibles para a persoa lectora e son apreciables desde o punto de vista estético. Nun mesmo relato poden coexistir distintos cronotopos que se articulan e relacionan na trama textual, creando unha atmosfera especial e un determinado efecto.

Definición editar

Mikhail Bakhtin, analista da narrativa de Fiódor Dostoievski, creou a categoría de análise chamada "Cronotopo", rexeitando a idea kantiana de que os a priori espazo e tempo son inherentes á conciencia do suxeito. Concorda con Kant en que son categorías (e que sen elas non se pode coñecer o mundo), pero considera que constitúen entidades cuxa existencia é independente da conciencia. Para Bakhtin, as nocións de espazo e tempo son xeradas pola materialidade do mundo, e mesmo poden ser obxectivables para a súa análise.

A noción de "cronotopo" que Bakhtin extrapola da física expresa o carácter indisoluble do espazo e o tempo, que, concibidos en relación co movemento e a materia, configúranse como as súas propiedades, e, así, o tempo pode ser unha coordenada espacial: a cuarta dimensión do espazo.

Variedades editar

Bakhtin estuda principalmente os cronotopos das diversas variantes da novela europea, e estabelece diferentes tipoloxías. No cronotopo do encontro predomina o elemento temporal, e está ligado ao cronotopo do camiño, sendo este un lugar de preferencia dos encontros, podendo atoparse de forma casual representantes de todos os niveis e estratos sociais, relixións ou nacionalidades. Desempeña un importante papel temático na historia da novela como punto privilexiado de entrelazamento dos acontecementos, dende a novela bizantina ou grega á novela cabaleiresca, a novela picaresca, ou a novela histórica rusa.

O cronotopo do castelo aparece a finais do século XVIII en Inglaterra na novela gótica, e algo máis tarde na novela histórica. É este un espazo impregnado do tempo do pasado histórico.

O cronotopo do salón-recibidor aparece na novela realista con Honoré de Balzac e Stendhal, como lugar de intersección das series espaciais e temporais da novela. No salón-recibidor teñen lugar os encontros, mais xa non dun modo casual, e xéranse os nós argumentais e os desenlaces da novela. Destaca a combinación do eido histórico e público co eido do particular e do privado.

Na literatura galega podería falarse de cronotopo do pazo na literatura de Ramón Otero Pedrayo (aparecendo tamén en lingua castelá nalgunha obra de Torrente Ballester como Filomeno, a mi pesar), espazo definido por unha unidade con entidade cultural e temporal singulares. O cronotopo da lareira define un lugar de encontro con posibilidades de apertura cara ao fantástico.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar