Abrir o menú principal
Debuxo de cervo ferido da Cova de Candamu (Hernández Pacheco, 1919)

A cova de Candamu, tamén denominada Cova da Peña, é unha caverna con decoración paleolítica sita nas cercanías de San Román, no concello de Candamu en Asturias. Candamo é a cova con arte rupestre de localización máis occidental dentro do complexo aquitano-cantábrico e de Eurasia. É tamén a gruta asturiana con arte máis próxima a Galicia.

En xullo de 2008, xunto con outras covas do denominada "cornixa cantábrica", foi incluída na lista do Patrimonio da Humanidade da UNESCO como «Cova de Altamira e arte rupestre paleolítica do Norte de España» (Cave of Altamira and Paleolithic Cave Art of Northern Spain)[1]..

SituaciónEditar

Está situada no tramo inferior do río Nalón, no concello de Candamo, sobre unha ladeira que domina a aldea de San Román. Forma parte dunha serie de grutas sitas na conca dese río: Covacha de la Peña, cova de Las Mestas, cova de La Andina, Cova Oscura, Cova de Sofoxó, cova del Forno etc. En total arredor dunha ducia de cavernas que fornecen materiais desde o Musteriense até o Azilense, sobre o arredor de 60 grutas asturianas con mostras artísticas paleolíticas.

HistoriaEditar

Foi explorada xa en 1915 polo conde de Vega de Sella e mais por Eduardo Hernández-Pacheco, catedrático da Universidade Central, independentemente un do outro. Hernández-Pacheco sería o encargado de dala a coñecer, en publicación, no ano 1919.

A arteEditar

 
Localización do concello de Candamo en Asturias

As manifestacións artísticas na cova de Candamu están constituídas, esencialmente por gravados e pinturas, e tanto de tipo figurado como de formas "abstractas".

Comezando desde a súa entrada temos diversas divisións:

  • Sala Baixa, pequeno divertículo á dereita da entrada, con ideomorfos de cor vermella.
  • Galería de Entrada, é o corredor polo que se accede ao interior da caverna.
  • Gran Sala, salón abovedado con estalagmitas. O conxunto das representacións, dividido en dúas composicións ocupa unha área de 6 m de lonxitude por 8 m de altura.

As representacións máis antigas parecen corresponder a un período de tránsito auriñaco-gravetiense, no fondo da caverna nunha grande sala abovedada. Serían figuras de animais efectuadas con técnica de gravado e completados con trozos de cor vermella e negra, que compoñen un conxunto denominado "muro dos gravados": son varios uros, sen completar, unha cabeza de cabalo, cervos etc. Están acompañados por ideomorfos.

O segundo gran grupo de pinturas está composto por realizacións dun horizonte máis tardío magdaleniano-azilense. Tecnicamente predomina o gravado sobre a pintura. O "gran muro dos gravados" é deste período: bisontes, uros, un deles de gran tamaño, un gran cervo, con varias azagaias cravadas (ver ilustración), cabras e un rebezo dominan este panel, no que hai tamén un tosco antropomorfo itifálico. As figuras están superpostas unhas sobre outras, formando un palimpsesto.

  • Camarín: máis ao fondo sitúase o denominado camarín, un divertículo que domina unha grande sala, no que hai un gran cabalo, considerado como unha das obras cimeiras da arte paleolítica. Está acompañado de figuras doutros animais: cabezas dun touro e dun cabalo, unha egua paticurta. Hai tamén varios ideomorfos angulares.

ReproduciónsEditar

En marzo de 2007 inaugurouse en Teberga, ao sur de Oviedo, nun concello limítrofe coa provincia de León, o Parque da prehistoria de Teberga, que contén unha reprodución da cova feita por Pedro Saura e Matilde Múzquiz, profesores da Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid.

As visitas á propia cova están limitadas a vinte e cinco persoas por día. Na localidade de San Román, no interior do Palacio Valdés, hai un Centro de Interpretación da Caverna de Candamu, aberto todo o ano, que contén unha reprodución de parte da cova no seu interior.

NotasEditar

Véxase taménEditar