Cortello dos Lobos

Coordenadas: 42°02′25″N 6°54′21″O / 42.04031389, -6.90596667 O Cortello dos Lobos é un conxunto etnolóxico creado como trampa para a caza de exemplares vivos de lobo na localidade de Lubián, pertencente ao concello homónimo da provincia de Zamora[1].

Lubián, ao igual cás restantes localidades da bisbarra de Seabra, foi un territorio lobeiro por excelencia. O home, na súa arela por reducir a capacidade depredadora deste cánido ideou ao longo da historia diversos tipos de trampas. O cortello é un destes exemplos, como tamén o son o chorco, o pechado lobeiro ou a neveira. Todas estas construcións sitúanse na metade norte de España.

A falta de documentación relacionada co Cortello dos Lobos, xunto co seu carácter popular, fai que a súa orixe sexa incerta. Atribúenselle varios séculos de antigüidade, non sendo preciso o dato de se os construíron os paisanos de Lubián ou os pastores nómades no seu deambular entre Estremadura e a Cordilleira Cantábrica. Na actualidade encóntrase rehabilitado, aínda que sen uso dende mediados do século XX.

Contexto editar

As trampas para lobos son unha mostra etnográfica do patrimonio do norte da Península Ibérica. Existen exemplos deste nos territorios de Cantabria, Castela e León, Galicia, Navarra e no norte de Portugal. Dada a súa presenza nun espazo xeográfico tan amplo, a súa denominacións son moi variadas, entre elas as de fosos, lobeiras, curral, curros, cortellos, cousos, chorcos, pozos e calellos. Ademais, a súa existencia encóntrase xa presente no Libro da Montaría de Afonso XI.[2]

En Castela e León existen varios exemplos no norte das provincias de Burgos, León e Zamora. Nesta última consérvanse dous na denominada Alta Seabra: o "Curro dos Lobos" de Barxacova e o "Cortello dos Lobos" de Lubián. As dúas pertencen ao que a bibliografía especializada denomina "foso de cabrita".[2]

Etimoloxía editar

O vocábulo cortello, de orixe galega, significa curral, é dicir, un espazo pechado e descuberto, nas casas ou no campo, que serve habitualmente para a garda de animais.

Denomínase cortello, e non curral, porque en Lubián se fala un galego moi particular. A súa situación nun territorio de relevo especialmente montañoso, con difícil acceso ás restantes localidades zamoranas de Seabra, unido á doada accesibilidade ás veciñas localidades da provincia de Ourense, favoreceu durante séculos a súa relación e intercambio con estas últimas localidades galegas. A súa poboación utiliza a diario unha "fala" considerada galaico-portuguesa, doadamente constatable nos topónimos e denominacións existentes no seu termo municipal.[3][4][5]

Descrición editar

O Cortello dos Lobos é unha construción propia da arquitectura popular do noroeste español. A súa finalidade é a de servir de trampa específica para a caza de exemplares vivos de lobos. Trátase dun recinto de forma circular, cun diámetro de arredor de trinta metros. O seu interior, encóntrase delimitado cunha parede de pedras ensambladas sen argamasa e dunha altura de arredor de tres metros. A cara interior da parede está formada por laxas, é dicir, por pedras planas que dificultan a fuxida do lobo do recinto.

Esta construción encóntrase situada a media montaña, a uns cincocentos metros por enriba de Lubián. A súa construción fíxose aproveitando a inclinación da aba, de forma que a parte exterior do muro situado monte arriba, encóntrase a nivel do terreo. Esta última característica facilita a entrada do lobo no recinto dun salto. No interior, máis ou menos cara ao centro, esiste un mogote de pedra que se utilizaba para atar o cebo, xeralmente unha cabra ou ovella.

Funcionamento editar

O cortello usábase preferentemente durante os meses de inverno, pois en verán o lobo adoitaba dirixirse cara a territorios situados máis ao sur, principalmente aos chairos da Meseta e a Portugal.

O funcionamento do cortello require a existencia dun cebo, xeralmente unha cabra ou ovella. Para iso, as familias de Lubián alternábanse no seu mantemento. O beo da ovella indefensa e atada a un mogote, era suficiente reclamo como para que o lobo fixese acto de presenza. Este, tras localizar o bordo do cortello situado monte arriba e a rentes de chan, accede dun salto ao interior en busca da presa.

Unha vez dentro, o lobo non tarda en ser consciente de que foi apresado, polo que se dedica infrutuosamente a buscar unha saída. Esta conduta de supervivencia propicia que o cebo non adoite ser atacado. No caso contrario, o concello de Luibián encargábase de aboar satisfactoriamente a familia que o achegou.

Coñecida a captura por calquera dos veciños, e ao berro de lobo no cortello! dá aviso aos restantes veciños do lugar que, á súa vez, son convocados á porta do cortello co repique das campás da igrexa. Varios mozos da aldea son os encargados de entrar no recinto para reducir o Lobo. Para iso, contan coa axuda dunha espadalleira, forquiña agrícola de madeira con dous brazos que comunmente se utiliza para crebar a codia ou espadar o liño.[6] Unha vez apresado, o lobo é inmobilizado cun bozo de ferro e varias argolas.

Os veciños do concello, congregados á porta alintelada do cortello, acompañan aos captores e ao lobo no seu regreso ao lugar. O lobo era conducido a unha corte, onde adoitaba morrer de angustia polo apresamento nun prazo aproximado de 24 horas.

Morto o lobo, era cargado polos mozos do lugar nun burro para pasealo polo resto das aldeas veciñas a xeito de trofeo. Nestas localidades adoitaban recibir moedas e produtos da terra como recompensa polo apresamento. Finalmente, en Lubián organizábase unha festa á que asistía toda a comunidade.

Normativa editar

Non existen ordenanzas municipais que regulen o funcionamento do cortello, actuando os habitantes da aldea conforme á tradición existente durante séculos e conforme á interpretación do 'Monteiro Maior' ', autoridade que exercía como tal en todo o relacionado co cortello.

Actualidade editar

O Cortello dos Lobos encóntrase restaurado e sen uso.[2] Os habitantes de Lubián organizan en torno a esta singular trampa de lobos o denominado Día do Corteño. O acto consiste nunha cea popular, a base de cordeiro e amenizada coa narración de historias.[7]

Tanto o "Cortello dos Lobos" de Lubián, como o "Curro dos Lobos" de Barxacova foron presentados, infrutuosamente, nas Cortes de Castela e León co fin de que a Xunta de Castela e León abra o expediente oportuno para que sexan declarados como bens de interese cultural con categoría de conxunto etnolóxico.[2]

Notas editar

  1. "ayuntamientolubian.es". Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2014. Consultado o 16 de setembro de 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Diario de Sesiones Arquivado 21 de setembro de 2013 en Wayback Machine. Cortes de Castilla y León.
  3. El dialecto galaico-portugués falado en Lubián (Zamora). Toponimia, textos e vocabulario; Autor: CORTÉS VÁZQUEZ, Luis; ISBN 978-84-7800-866-7
  4. "Concello de Lubián: Cultura". Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2014. Consultado o 16 de setembro de 2013. 
  5. "elcorreogallego.es". Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2013. Consultado o 16 de setembro de 2013. 
  6. "sanabria.com.es". Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2010. Consultado o 16 de setembro de 2013. 
  7. Cruz Sánchez, Pedro Javier. Guía de caminos y rincones históricos en el paraje natural de los Montes de Valsaín (en castelán). Junta de Castilla y León. Consejería de Cultura y Turismo. Consultado o 8 de xullo de 2018. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • El Cortello Dos Lobos de Lubián (Zamora); Autor: Juan Carlos Cabrero Figueiro; Localización: Argutorio, revista de la Asociación Cultural "Monte Irago", ISSN 1575-801X, Ano 5, Nº. 11, 2003 , páxs. 39-41]

Outros artigos editar