O condado da Limia é a denominación dunha antiga rexión medieval (do século X ao século XII) situada ao correr do río Limia, entre a actual provincia de Ourense e o norte de Portugal.

A extensión da Limia histórica compróbase na denominación tradicional da vila de Maceda, coñecida como Maceda da Limia antes da deturpación do topónimo Maceda de Trives, substituído pola forma castelanizada actual de Manzaneda, que fixo innecesaria a distinción[1].

Esta Limia medieval ocupaba na parte galega case que toda a provincia de Ourense, aga as concas do Ribeiro, do Sil e do Bibei. É dicir, á actual comarca da Limia sumábaselle a contorna de Celanova, Allariz, Maceda, e tamén a Limia portuguesa (seguindo o curso do río Limia ata Viana do Castelo), xa que daquela non existía Portugal, condado que se independizaría no século XII.

A Limia medieval tivo un gran peso no reino de Galicia neses séculos, con Allariz como capital. Sendo cidade do rei, os notarios do rei asinaron dende o século XII ata fins da Idade Media como notarios de Allariz e da Terra da Limia. No condado da Limia gozou de grande importancia o mosteiro de Celanova, que funcionou como un centro señorial e repoboador, e que tivo un protagonismo paralelo ao de Allariz pola relación da familia de san Rosendo coa monarquía galaica.

Notas editar

  1. "Manzaneda". Dúbidas do galego. 2014-10-20. Consultado o 2020-08-12. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Durany Castrillo, Mercedes; Pérez Rodríguez, Francisco Javier; Vaquero Díaz, M.ª Beatriz (inverno 2010-11). "A Terra da Limia na Idade Media". Lethes. Cadernos culturais do Limia (Xinzo de Limia) (10): 160–179. ISBN 978-84-937158-3-0.