Comedia grega antiga
A comedia (en grego antigo κωμῳδία / kōmōidía) é un xénero literario da Antiga Grecia, máis recente ca traxedia. A única mostra de comedia que se conserva é a de Atenas polo que se denomina tamén comedia ática.
Se ben Epicarmo foi o primeiro autor do que temos noticia, a comedia grega coñécese principalmente por Aristófanes do cal se conservan once comedias completas, de Menandro descubriuse en 1956 unha peza enteira, O díscolo. En total disponse de fragmentos ou títulos de 1500 comedias.
Orixe
editarA orixe da comedia é difícil de precisar, segundo Aristóteles tivo unha orixe espontánea e estivo nos cantos cantos fálicos que acompañaban aos cortexos dionisíacos.
Comedia antiga
editarA comedia antiga abrangue o século V a.C. e o comezo do século IV a.C.. Coñécese esencialmente por Aristófanes, é súa a comedia máis antiga que se conserva Os acarneneses que se representou no ano 425 a.C..
A maior parte teñen unha mesma estrutura:
- Un prólogo que serve de presentación do heroe.
- πάροδος / párodos, entrada en escena do coro bailando e cantando.
- ἀγών / agṓn, loita dialéctica entre o heroe e os seus adversarios que arbitra o director do coro ou corifeo e no que o heroe sae gañador.
- παράϐασις / parábasis, intermedio no que o corifeo se dirixe ao público para declamar un discurso político ou falar do autor.
- Diversos episodios onde o heroe celebra a súa vitoria, sepáranse por actuacións do coro.
- ἔξοδος / éxodos, escena final celebrando o triunfo do heroe.
En cada comedia interviñan tres ou catro actores principais coa axuda de varios secundarios máis o coro de 24 membros homes. A inventiva do autor primaba sobre o resto, as bromas e chistes derivaban do uso dunha linguaxe obscena e escatolóxica. A comedia tomaba como punto de partida a procura polo heroe dun obxecto fantástico que era imposible de conseguir na vida real, cidadáns ben coñecidos na cidade ridiculizábanse, como o caso de Sócrates ou Eurípides e mesmo dábaselle un trato irreverente os deuses.
Comedia media
editarDa transición entre a comedia antiga e a nova, coñecida como comedia media, sábese pouco. Antífanes e Alexis son os autores con máis sona aínda que se perderon todas as pezas deste período e tan só quedan algúns fragmentos das súas obras.
Comedia nova
editarA comedia nova comeza na segunda metade do século IV a.C., o autor máis coñecido é Menandro, nestas comedias a intriga ocupa un lugar ben máis importante do que acontecía na comedia antiga, é internamente máis coherente e os episodios sucédense de maneira lóxica. O gran tema é o amor contrariado que acaba por triunfar. As personaxes son máis estereotipados ca na comedia antiga e a acción está menos ligada á historia de Atenas, por iso é máis fácil de entender para un non ateniense e facilita que se exporte a Roma e que se adapte baixo o nome de comedia palliata no século III a. C.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Jean-Claude Carrière, Le Carnaval et la politique. Une introduction à la comédie grecque suivie d'un choix de fragments, Belles Lettres, París, 1979 (ISBN 2-251-60212-7) ;
- Paul Demont et Anne Lebeau, Introduction au théâtre grec antique, Livre de Poche, coll. « Références », 1996 (ISBN 2-253-90525-9) ;
- Jean-Charles Moretti, Théâtre et société dans la Grèce antique, Livre de Poche, coll. « Références », 2001 (ISBN 2-253-90585-2) ;
- Francis H. Sandbach, The Comic Theatre of Greece and Rome, Chatto & Windus, Londres, 1977. (en inglés)
- Aristófanes, Lisístrata ou De cando as mulleres reviraron, IGAEM, Santiago de Compostela, 1997 (ISBN 84-453-1873-X)