Abrir o menú principal

Denomínase columnas galegas unha parte do exército franquista e xerme do "corpo do Exército de Galicia", división orgánica do "Exército do Norte" durante a Guerra Civil Española.

Historia e característicasEditar

A primeira columna galega foi creada o 28 de xullo de 1936 en Lugo co obxectivo de penetrar en Asturias para axudar as tropas sublevadas en Xixón e logo desmontar o asedio republicano a Oviedo[1]. Esta columna estivo ao mando do comandante José de Ceano Vivas, xefe da guarnición de Ourense, que partiu desde Lugo con máis de 1000 homes, divididos en 6 columnas (tres de fusileiros, unha de metralladoras, unha de gardas de asalto e outra de voluntarios), acompañadas dunha sección de morteiros e unha batería de artillería de montaña. Cando o Comandante Ceano foi ferido, foi substituído polo Tenente Coronel Jesús Teijeiro Pérez.

A segunda columna formouse en Lugo o 1 de agosto, ao mando do comandante Marcelino López Pita. No seu avance tivo que ir por outro camiño ao ser a súa ruta cortada pola voadura dunha ponte, e tomar o control da zona mineira de Ponferrada para así atacar desde o sur.

A terceira columna creouse o 4 de agosto, ao mando do comandante Ollo, co obxectivo de reforzar a segunda columna en Ponferrada, co fin de tomar Asturias desde a costa e o sur pero debido á resistencia republicana tiveron que unir a segunda columna á primeira o 7 de agosto. Debido á tardanza, o xeneral Mola destituiu ao xeneral Bosch, que desde Galicia coordinaba os ataques das columnas, tomou seu lugar o coronel Martín Alonso. Debido a que os sublevados remataron por renderse ante o asedio republicano a Xixón, os obxectivos das columnas pasaron a ser o de destruír o asedio republicano a Oviedo, contactando a 1º e 3º columnas e iniciando o ataque ás milicias que asediaban Oviedo, conseguindo enlazar o 16 de outubro coas tropas sublevadas da capital e desmontar o sitio á cidade, que quedou conectada a territorio sublevado de Galicia a través dun estreito corredor.

Durante os combates os soldados galegos tiveron a ocorrencia de vestiren insignias téxtiles simulando peixes e mariscos, recibindo o alcume de "mariscos"[2], tendo máis éxito o emblema dun cangrexo vermello.

Entre os recrutados nesta forza de choque estiveron Celso Emilio Ferreiro e Urbano Lugrís González (mentres seu irmán Secundino pelexaba no V Rexemento) . A existencia destas unidades fixo que os políticos galegos en Madrid (Castelao e Santiago Álvarez) formasen as Milicias Galegas entre outras cousas para amosar que os galegos tamén defendían á república segundo testemuños dun dos seus creadores.

NotasEditar

  1. Grandío Seoane, E. (2011): Las columnas gallegas hacia Oviedo: diario bélico de la guerra civil española. Editorial Nigratea
  2. Patiño Pérez, A. (2007): Urbano Lugrís. Viaxe o corazón do Océano. Ediciós do Castro.