A clonación (do grego κλων, "abrocho") é o proceso de crear unha copia xenética idéntica doutro organismo orixinal. Nun sentido biolóxico resulta cunha molécula, unha célula e incluso un organismo multicelular idéntico ao orixinal. Ás veces este termo pode aplicarse aos clones "naturais", como tal os xemelgos monocigóticos, ou cando un organismo se reproduce asexualmente como no caso de especies monosexuais e organismos hermafroditas, aínda que a maioría das veces se refire a un clon creado intencionadamente.

Clonación molecular

editar
Artigo principal: Clonación molecular.

A clonación molecular refírese ao proceso de illar unha secuencia de ADN de interese, inserilo nun plásmido e obter múltiples copias dela nun organismo (xeralmente procariota) por acción da ADN polimerase. A clonación emprégase frecuentemente para amplificar fragmentos de ADN que conteñen xenes, un paso esencial na análise subsecuente.

Frecuentemente, o termo clonación é erroneamente utilizado para referirse á identificación dunha localización cromosómica dun xene asociado cun fenotipo de particular interese, coma na clonación posicional. Na práctica, a localización dun xene nun cromosoma ou rexión xenómica non necesariamente permite illar ou amplificar a secuencia xenómica de interese.

A clonación de calquera secuencia de ADN inclúe os seguintes pasos:

  • Fragmentación: inicialmente, o ADN de interese precisa ser fragmentado para prover un segmento relevante de ADN dun bo tamaño. A preparación dos fragmentos para a clonación obtense frecuentemente do PCR, pero tamén pode facerse por medio da dixestión con enzimas de restrición e ás veces fraccionando con electroforese en xel.
  • Ligazón: un procedemento de ligazón emprégase cando o fragmento amplificado se insire nun vector. Dito vector (que xeralmente é circular) convértese nunha secuencia lineal utilizando enzimas de restrición, e é incubado co fragmento de interese baixo as condicións apropiadas cunha enzima chamada ADN ligase.
  • Transfección: despois da ligazón, o vector co xene de interese transfírese a unha célula. Comunmente utilízase a electroporación, aínda que existe un gran número de técnicas alternativas.
  • Selección: as células transfectadas cultívanse. Como este procedemento actualmente considérase de baixa eficiencia, débense identificar as colonias de células que foron transfectadas con éxito co vector que contén o xene desexado.

Clonación celular

editar

Clonar unha célula significa derivar unha poboación celular a partir dunha soa célula. Ese é un importante procedemento in vitro cando se desexa a expansión dunha soa célula con certas características. Unha valiosa técnica de cultivo de tecido utilizada para clonar distintas liñaxes de células inclúe o uso de aros de clonación (cilindros). De acordo con esta técnica, unha suspensión unicelular de células que foron expostas a un axente mutaxénico ou a unha droga utilizada para propiciar a selección ponse en dilución alta para crear colonias illadas; cada unha provindo dunha soa célula potencialmente clonicamente distinta. Nun estado inicial de crecemento de só unhas cantas células, aros estériles de polistireno (aros de clonación), os cales foron somerxidos en graxa, son postos sobre unha colonia individual e unha pequena cantidade de tripsina é agregada. As células clonadas recoléctanse de dentro do aro e son transferidas a un novo contedor para maior crecemento. A maioría dos individuos empezan como cigotos e por isto resultan en expansión clónica in vitro.

Clonación de organismos

editar

A clonación dun organismo pretende crear un novo organismo coa mesma información xenética que outro xa existente. É un método de reprodución asexual, onde a fertilización non ocorre. En termos xerais, só hai un pai involucrado. Este xeito de reprodución é moi común en organismos coma as amebas e outros seres unicelulares, aínda que a maioría das plantas tamén se reproducen asexualmente.

Tamén se inclúe a obtención de xemelgos idénticos de maneira natural ou artificial. A forma natural considérase como unha alteración durante o desenvolvemento embrionario, ignorándose a súa causa, aínda que existe unha correlación familiar estatisticamente significativa. O método artificial realízase por separación dos blastómeros, debilitando as unións celulares con tripsina e medio pobre en Ca2+, ou manualmente partindo o blastocisto pola metade (moi habitual en vacas).

Clonación de organismos de maneira artificial

editar

É unha técnica baseada na transferencia nuclear, na que participan dúas células: a que doa o seu material xenético e a que o acepta. Esta última adoita ser un ovocito ao que se lle extraeron os seus cromosomas que se atopan no citoplasma (xa que aínda está en meiose II). Logo, mediante electrochoques fusiónase o ovocito coa célula que contén o material xenético do individuo que se quere clonar, ademais estes mesmos electrochoques son os que estimulan a célula formada para que se desenvolva, polo que despois se lle insire esta célula no útero dunha femia para darlle un ambiente axeitado para o seu desenvolvemento.

Interprétase coa hipótese de que o citoplasma do ovocito receptor contén todos os elementos (factores de transcrición e RNA) para diferenciar ao núcleo doado e reorientar o control xenético para o desenvolvemento dun novo organismo. En 1996 investigadores do instituto Roslin do Reino Unido conseguiron clonar unha ovella utilizando células epiteliais da glándula mamaria dunha ovella de 6 anos de idade. De 277 ovocitos, unicamente un tivo éxito, bautizándose como a ovella "Dolly". Dolly morreu aos 7 anos de idade, sen alcanzar a esperanza de vida media das ovellas domésticas da poboación á que pertencía, aparecendo nela enfermidades e trazos de avellentamento prematuro. Tense especulado moitas veces sobre os efectos sobre os organismos clonados. Suponse que ao utilizar o ADN dunha célula adulta, os telómeros non se rexeneran totalmente e o clon nace coa idade biolóxica correspondente ao organismo doador do ADN.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar