Claudas ou Rei Claudas é un rei franco ficticio e un opoñente do Rei Artur, Lancelot e Bors na literatura da Materia de Bretaña. O seu reino é nomeado como "Terre Deserte" (Terra deserta), ou "Land Laid Waste" (Terra arrasada); chamado así pola destrución que Uther Pendragon fixera alí. Claudas aparece como o adversario da Táboa Redonda en Perlesvaus, Lancelot-Graal, o Ciclo da Pos-Vulgata e Le Morte D'Arthur.

Decláralle a guerra ós reis Ban e Bors no primeiro período do reinado de Artur, e ten éxito conquistando moitas das súas terras. Ban e Bors axudan a Artur no seu conflito cos reis rebeldes na Bretaña, pero Artur é incapaz de enviar reforzos para facer fronte a Claudas. Bors morre loitando contra Claudas, quen toma ós seus fillos (Bors o Mozo e Lionel) e os leva como prisioneiros á súa corte. Cando Ban morre, o seu fillo Lancelot déixase levar pola Dona do Lago para ser criado no seu pazo debaixo da auga. Posteriormente, Artur chega a unha tregua con Claudas que dura algún tempo.

Cando son maiores, Lionel e Bors o Mozo matan ó fillo de Claudas, Dorin, e escapan para reunirse co seu curmán Lancelot no pazo da Dona do Lago. Co tempo, os tres van a Camelot para se converter en Cabaleiros da Táboa Redonda. Anos máis tarde, despois de que Claudas encarcerase a un curmán de Xenevra, Artur, Bors o Mozo e Lionel deciden axustar contas. Derrótano e recuperan as terras de Ban, de Bors, e tódalas outras terras que Claudas fora adquirindo. Xa vello, o rei Claudas marcha para Roma en desgraza, mentres que o seu fillo Claudin, convértese nun cabaleiro excelente e un home virtuoso que finalmente se une a Bors o Mozo, a Perceval, a Galaaz e a outras oito persoas para presenciar o Santo Graal.

Claudas como personaxe histórico editar

A figura de Claudas pode estar baseada en datos históricos de reis francos, especialmente Clodión e Clodoveo I. As súas conquistas aseméllanse ás de Clodoveo e ás veces mesmo se di que puidera ser un antepasado seu.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar