Lancelot

cabaleiro da Mesa Redonda

Lanzarote do Lago ou Lancelot (Sir Lanzarote, Lancelot of the Lake ou Lancelot du Lac) é un dos cabaleiros da Mesa Redonda, pertencente ao conxunto de lendas artúricas.

Sir Lancelot e a raíña Xenevra.

Antecedentes editar

Na maioría dos romances e escritos en prosa francesa, Lancelot é caracterizado como o máis grande e confiábel de todos os cabaleiros do Rei Artur, desempeñando sempre unha parte importante en moitas das vitorias do rei, aínda que tamén a eventual caída de Artur se debe en parte ao propio Lancelot, cuxo involucramento coa esposa do seu señor, a raíña Xenevra, destrúe a unidade da corte real.

Lancelot é un personaxe popular, e aparece en poemas, contos, obras teatrais e películas como unha figura relevante do círculo das lendas artúricas. Para a gran maioría dos seguidores desta literatura, non hai outro cabaleiro máis coñecido, de entre todos os da mesa redonda, que Lancelot. No recordo colectivo, sempre se lembra como o membro máis valente desa irmandade de cabaleiros e como o amante de Xenevra, aínda que Lancelot non é un dos membros orixinais da mesa redonda e o desenvolvemento da súa historia é aínda obxecto de intenso debate entre os estudosos.

As fontes principais que describen a historia de Lanzarote son:

  • O cabaleiro da carreta de Chrétien de Troyes
  • Lanzarote en prosa, incluído no ciclo da Vulgata.
  • A morte de Artur de Sir Thomas Malory.

Lanzarote en prosa editar

 
A Dona do Lago raptándolle a Lanzarote á súa mai

É a parte máis extensa do Ciclo da Vulgata (c. 1230), que comeza co nacemento de Lanzarote e finaliza coa súa morte tras a caída do reino. Nela queda definitivamente perfilado o personaxe e a súa historia, e pódese considerar como a referencia máis completa da súa historia.

A familia de Lancelot editar

O pai de Lancelot é o rei Ban de Benwick e o nome da súa mai é Elaine. Ten un medio irmán ilexítimo, de nome Héctor de Maris; o rei Borg é tío seu e Sir Bors e Sir Lionel son os seus primos. Tivo un fillo coa filla do rei Pelles, Helena, que tamén atinxiría fama e gloria: Sir Galahad.

A Dona do Lago editar

O rei Ban, seu pai, estaba en guerra co reino do rei Claudas, o seu veciño, que invadindo o reino de Ban, obrigou a fuxir o rei e a raíña. Na fuxida, o rei Ban sofre un desmaio ao ver ardendo o seu palacio e por socorrelo, a raíña Elaine deixou o seu fillo, chamado até entón Galahad, só no campo. Nese momento, apareceu a chamada Dona do Lago e raptou o neno. Desde ese momento, tomará o nome de Lancelot do Lago (ou Lanzarote do Lago). O neno foi criado no palacio da Dona, onde mostrou destrezas na aprendizaxe normal dun neno de alta liñaxe da época e no uso das armas en particular.

Mais outra versión comenta que Lanzarote foi froito do Gran Matrimonio, unión entre a Dona do Lago, Sacerdotisa de Ávalon e o rei Ban. A raíña Elaine e este foron os que criaron a Galahad (nome que obtivo en Ávalon) xunto cos seus dous irmáns de leite Balan e Balin.

 
Camelot (ruínas do castelo de Tintagel)

Chegada a Camelot editar

A unha idade entre os quince e os dezaoito anos, segundo o costume dos seus tempos, o novo Lancelot sae a percorrer o mundo co debido equipamento para alguén do seu rango e sen coñecer a súa auténtica estirpe real. Viaxa, segundo algúns escritos, acompañado dunha escolta, en pos do reino de Artur, onde por influencias da Dona do Lago, agarda ser nomeado cabaleiro.

Artur e Xenevra editar

Unha vez na corte de Artur, este encoméndalle a misión de traer a Camelot a súa noiva, Xenevra, para a voda real. No traxecto a Camelot, porén, Lancelot e Xenevra namóranse e desde ese momento, a vida de Lancelot converterase nun constante conflito coa súa conciencia, dilucidando entre o seu amor pola raíña e as súas obrigacións co seu rei.

Fazañas editar

Entre as súas numerosas fazañas, conquistaralle ás forzas do mal un castelo chamado da Garda Dolorosa (Dolorus Garde). Tras convertelo no seu fogar, cambiaralle o seu nome polo de Garda Gozosa (Joyeux Garde). Após o seu regreso a Camelot, axudaralle a Artur a terminar revoltas na súa contra e a asentar a súa posición como leal cabaleiro da corte do rei.

Elaine editar

Nunha dos seus maiores aventuras, Lancelot escoita o rumor de que unha doncela vive secuestrada nun castelo, e que só o mellor cabaleiro do mundo podería rescatala. Lancelot acomete a tarefa e logra sacar do castelo unha beleza incomparábel, que resultou ser a filla do rei Pelles, Elaine. Ela enamórase perdidamente de Lancelot, que para a súa desilusión xa fixera votos de castidade en honra da súa raíña e por lealdade ao seu rei. Así, Elaine consegue mediante un feitizo levar a Lancelot ao seu cuarto e pasar a noite con el. Ao día seguinte, libre xa do conxuro, Lancelot dáse conta do que sucedera e deixa o castelo abandonando a Elaine en medio da vergonza e dunha debilidade crecente no seu corpo, pois segundo o seu entender, a súa forza derivábase do mantemento dos seus votos e promesas á raíña.

Pouco despois de regresar a Camelot, chega a nova de que Elaine dará a luz un neno, ao que chamou Galahad, o primeiro nome de Lancelot. Ao saber isto a raíña, chamou a Lancelot perxuro e traidor, renegando da súa pasada amizade e amor.

 
O rescate de Xenevra, de William Hatherell (1855-1928)
 
Lancelot e Xenevra sobre a tumba de Artur, por Dante Gabriel Rossetti

Desterro e desenlace editar

Cando Artur acaba sabendo da relación que houbo entre Lancelot e a súa esposa, condena a esta á fogueira e desterra para sempre a Lancelot. Este, porén, regresa a Camelot e rescata a Xenevra do seu destino, matando no afán algúns dos seus antigos camaradas da mesa redonda, polo que o rei marcha na súa contra. Na súa ausencia, o seu trono é usurpado polo seu fillo ilexítmo, Mordred, quen acabará matando o seu propio pai, o Rei Artur. Xenevra, ao saber da morte do seu esposo entra nun convento, polo que Lancelot decide converterse en ermitán, situación na que pasa até o final das súas días, só seis semanas despois de saber da morte de Xenevra no convento.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar