Cifose

Doenza humana

A cifose ou quifose (do grego κύφος, "convexo", e o sufixo -se, que indica "estado, proceso") é unha desviación da columna vertebral que provoca un avultamento á altura da parte posterior da rexión torácica [1]

Cifose
Clasificación e recursos externos
Imaxe preoperatoria dun mozo de 22 anos con doenza de Scheuermann, un tipo de cifose estrutural.
OMIM138900
DiseasesDB21885
MedlinePlus001240
MeSHD007738
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Radiografía dun suxeito con cifose (de tipo Scheuermann, con grao de curvatura de 70º).

O vulto producido nas costas coñécese vulgarmente coma corcova ou chepa. Tamén coma carrela, carrumba, gobelo, gobia, lomba, marrá ou xiba [2]

A columna presenta catro curvaturas fisiolóxicas (ou "normais"): dúas curvaturas dirixidas cara a fóra do corpo denominadas cifoses que están presentes na columna dorsal e sacra, e dúas curvaturas chamadas lordoses dirixidas cara a dentro do corpo e situadas na rexión lumbar e cervical. A escoliose (curvaturas cara aos lados) sempre se considera patolóxica ("anormal"). Neste caso, a deformidade en flexión da columna vertebral provoca unha curvatura con prominencia dorsal, moitas veces acompañada de patoloxía cardiopulmonar como complicación da deformidade vertebral[3].

As alteracións da columna vertebral pódense dar en dous planos; o medial e o frontal. Dentro do plano frontal atopamos a escoliose. Mentres que a cifose e a lordose son vistas desde un plano medial (lateral). Cando a curva fisiolóxica tórnase patolóxica denomínase hipercifose.

Patoxenia editar

Unha hipercifose en sentido patolóxico refírese a unha enfermidade onde a columna vertebral curva en 45 graos ou máis e perde parte ou toda a súa capacidade para se mover cara a dentro. Isto causa unha inclinación nas costas, vista como unha má postura. Os síntomas da hipercifose, que poden presentarse ou non dependendo do tipo e extensión da deformidade, poden incluír dor de costas, aparencia dunhas costas curvadas e raramente restrición para a ventilación pulmonar. Se é necesario, esta deformidade é tratada cunha férula (ou un corpiño) e terapia física, ou con cirurxía correctiva. Casos severos poden causar moita incomodidade e incluso a morte. En pacientes con deformidade cifótica progresiva por un colapso vertebral, mediante unha intervención de cifoplastía pódese deter a deformidade e aliviar a dor.

Clasificación editar

Hai unha gran variedade de tipos de cifose (os códigos CIE-10 aparecen entre parénteses):

  • (M40.0) a cifose de postura, que é a máis habitual, usualmente atribuída a unha má postura, representa unha notábel mais flexíbel curvatura da columna vertebral.[4] Usualmente comeza a se notar durante a mocidade e de cando en cando leva dor ou problemas a longo prazo na vida adulta.[5][6]
  • (M42.0) a cifose de Scheuermann, que é significativamente peor esteticamente e pode causar dor. É considerada unha forma de alteración xuvenil da columna vertebral. Comunmente é denominada a enfermidade de Scheuermann. Con frecuencia aparece en mozos cunha deformidade máis notoria ca a da cifose de postura. Un paciente a sufrir a cifose de Scheuermann non pode corrixir a súa postura de por si.[7] O ápice da curvatura, localizada na vértebra torácica, é un tanto duro. A persoa que padece esta doenza pode sentir dor neste ápice, dor que pode empeorar con actividade física e por se manter parado ou sentado moito tempo. Isto pode traer consecuencias negativas importantes para a súa vida así como o seu nivel de actividade decrecerá pola súa condición; pode sentirse illado ou ter problemas de adaptación cos seus compañeiros se son nenos -dependendo do grao de deformidade. Mentres que na cifose de postura os discos e a vértebra parecen normais, na de Scheuermann son irregulares, frecuentemente en forma de cuña polo menos en tres niveis adxacentes.
  • (Q76.4) a cifose conxénita pode ocorrer en meniños nos que a columna vertebral non se desenvolveu correctamente na matriz. A vértebra puido ser malformada ou fundida xunta e pode causar cifose progresiva mentres o neno desenvólvese.[8] Un tratamento de cirurxía pode ser necesario nun estado temperán e pode axudar a manter unha curvatura normal xunto coa observación dos cambios motores. Aínda así, a decisión de realizar esta operación pode ser moi difícil debido aos riscos potenciais para o cativo.

Tratamentos editar

O tratamento pode involucrar medicamentos antiinflamatorios así como exercicios para fortalecer os músculos abdominais e próximos á columna. Un tratamento mediante cirurxía pode usarse en casos severos; mais empréganse férulas se se considerar que a cirurxía é innecesaria, así como se o avance é serio e consiste na fusión da vértebra anormal. A cirurxía tamén ten un maior risco ca a férula, xa que pode causar unha infección que ten posibilidades de crear bacterias moi resistentes.

O tratamento específico da hipercifose será determinado polo médico que trata o paciente baseándose no seguinte:

  • a idade, estado xeral de saúde e historia médica do suxeito.
  • o avanzada que estea a doenza.
  • tolerancia do suxeito a determinados menciñas, procedementos ou terapias.
  • expectativas de evolución da enfermidade.
  • opinión ou preferencia do suxeito.

En pediatría editar

O tratamento en pediatría depende do grao de curvatura:

  • Menos de 40 graos flexíbel: só exercicios.
  • Maior de 40 graos: corpiños ortopédicos.
  • Maior de 60 graos: cirurxía.

Órtese (reforzo) editar

 
Soporte moderno tipo corpiño para o tratamento dunha hipercifose dorsal. Este tipo de soportes constrúense utilizando sistemas CAD/CAM. Actualmente este é o único soporte no seu tipo, e está deseñado para tratar unha cifose torácica. Chámase kyphologic™.[9]

A órtese é un dispositivo externo aplicado ao corpo que permite modificar os aspectos funcionais ou estruturais do sistema musculoesquelético e do sistema nervioso Vocabulario de medicina Santiago de Compostela, Universidade / Consellería de Sanidade, 2008 e Diccionario galego de termos médicos. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2002

Estes corpiños amosaron beneficios nun ensaio controlado aleatorio.[10]

O corpiño de Milwaukee é un dispositivo de corpiño particular que a miúdo se usa para tratar a hipercifose nos Estados Unidos.

 
Soporte moderno tipo corpiño para o tratamento dunha cifose lumbar ou toracolumbar. Actualmente este é o único soporte para tratar unha cifose lumbar e chámase physio-logic Brace™. O seu principal obxectivo é a restauración da lordose lumbar.

Cirurxía editar

O tratamento cirúrxico aplícase en casos graves. En pacientes con deformidade cifótica progresiva debido ao colapso vertebral, un procedemento chamado cifoplastia pode deter a deformidade e aliviar a dor. O procedemento é grave e componse da fusión das vértebras anormais.[11]

Só se debe recorrer ocasionalmente á cirurxía cando a curva mida máis de 60 graos na placa de raios X, o aparello ortopédico non logre atrasar a progresión do encurvamento, e especialmente haxa síntomas de dor persistente de costas.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cifose.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para corcova.
  3. Definición en Vocabulario de medicina, Santiago de Compostela, Universidade / Consellería de Sanidade, 2008; e Gran dicionario Xerais da lingua galega, Vigo, Xerais, 2009; Diccionario galego de termos médicos, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2002.
  4. Annals of Human Biology, Volume 1, Number 3 / July 1974.
  5. M96.2
  6. Osteopathy: A Complete Health Care System Arquivado 27 de setembro de 2004 en Wayback Machine., by Leon Chaitow N.D., D.O., M.R.O. Arquivado 18 de xaneiro de 2017 en Wayback Machine.
  7. Back.com and [1] Emedicine.com
  8. "Natural History of Congenital Kyphosis and Kyphoscoliosis.". Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2006. Consultado o 21 de marzo de 2017. 
  9. Weiss HR, Turnbull D. 2010.
  10. Pfeifer M, Begerow B, Minne HW. "Effects of a new spinal orthosis on posture, trunk strength, and quality of life in women with postmenopausal osteoporosis: a randomized trial" (3). PMID 15043351. doi:10.1097/01.PHM.0000113403.16617.93. 
  11. "SpineUniversity.com". Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2006. Consultado o 21 de marzo de 2017. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar