A Cerva de Cerinia era unha cerva [1] fantástica da mitoloxía grega, de pezuños de bronce e cornos de ouro, extremadamente veloz e incansable. Vivía en Énoe, na Argólida.

Heracles e a cerva de Cerinia (Museo Arqueolóxico de Palermo)

Captura da cerva de Cerinia

editar

Heracles, para ser purificado tralo asasinato dos seus fillos, acto cometido ó volverse louco por culpa de Hera, inimiga de Heracles por celos [2], tivo que acometer doce traballos que lle encomendara o seu primo Euristeo.

O cuarto destes traballos [3] foi capturar viva a cerva de Cerinia e levala a Micenas ante Euristeo.

Esta cerva fora consagrada pola pléiade Táixete á deusa Artemisa. Conta a lenda que Zeus intentou violar a Taixete pero Artemisa salvouna converténdoa en cerva. Cando recobrou a súa forma natural, deulle á cerva uns cornos de ouro e dedicouna a Artemisa. Era, segundo Calímaco, unha das cinco cervas, grandes coma bois, que a deusa encontrou pacendo no monte Liceo e intentara xunguir no seu carro, aínda que esta lograra escapar e refuxiarse, por orde de Hera, no monte Cerinia.

Era tan veloz que non a alcanzaban nin as frechas de Heracles; en todo caso, non podía ferila por estar consagrada a Artemisa [4], coa que Heracles non quería enfrontarse. Persigueuna durante todo un ano, ata que por fin a cerva cansou e parou para abeberar no río Ladón, e entón disparoulle unha frecha que lle atravesou as patas, entre o óso e o tendón, pero sen producir sangue [5].

 
Apolo (á dereita) e Heracles (á esquerda, pisando o corpo da cerva)

Unha vez inmobilizada, atouna e cargouna sobre os ombros para levala ata Micenas, pero no camiño de regreso atopouse con Artemisa e Apolo, que lle reclamaron a cerva e afeárono por cazar un animal a ela consagrado, o que constituía un sacrilexio. Heracles explicou que o fixera por orde de Euristeo, quen sería o culpable da infracción. Os deuses así o entenderon e deixárono seguir o seu camiño.

Existen outras versións que amplían a perseción ata o país dos Hiperbóreos ou incluso a Illa dos Benaventurados.

Iconografía

editar

As representacións iconográficas recollen os dous momentos principais do mito: a caza da cerva en si, e o encontro do heroe con Artemisa. O momento da caza tivo moito máis éxito, xa desde o século VI a. C. e reaparece no Renacemento. O encontro con Artemisa tivo escasa repercusión aínda que deu lugar a un grupo colosal no templo de Apolo en Portonaccio (Veyes, Etruria), c. 500 a. C., do que só se conservan as figuras de Heracles e Apolo [6].

  1. Segundo Hixino, tratábase do "cervo salvaxe de áureos cornos". Esta confusión de sexo pode explicarse polo feito inaudito de que unha cerva, femia, posúa cornos.
  2. Heracles era fillo de Zeus, e Hera, a esposa do mesmo deus, perseguía ás súas amantes e ós fillos bastardos que tivera.
  3. A ordenación dos doce traballos non é sempre a mesma segundo o mitógrafo consultado. Para Grimal ou Hixino, este foi o cuarto traballo; para Pseudo-Apolodoro, foi o terceiro.
  4. Facelo, mesmo tocala, podería considerarse un acto de impiedade.
  5. Eurípides, que a describe como de tamaño xigantesco e da que di que asolaba as colleitas (algo do que non fai mención Pseudo-Apolodoro) termina o mito coa morte da cerva a mans de Heracles, que consagra os cornos de ouro do animal ó santuario de Artemisa en Énoe.
  6. "Orixes da escultura relixiosa romana" (15.10.2016) (consultado o 22.01.2021) (en castelán).

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017, 368.
  • * GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, 513-516.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009, 30.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, II, 5, 3 [a numeración segue a utilizada neste texto].