Pléiades (mitoloxía)

Na mitoloxía grega, as Pléiades (en grego antigo Πλειας Pleias, "moitas"; Πλειάδες Pleiádes, "fillas de Pléione"; ou Πελειαδες Peleiades, "pombas") (tamén chamadas Atlántides, polo seu pai) eran as sete fillas do titán Atlas e a ninfa mariña Pléione, nacidas no monte Cilene: Alcíone, Mérope, Celeno, Electra, Estérope, Táixete e Maia.

As Pléiades, polo pintor simbolista Elihu Vedder (1885).
"De Atlante e Pléione, filla de Océano, naceron en Cilene de Arcadia sete fillas, chamadas Pléiades".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica' III,10,1)

Mitoloxía

editar
 
Constelación das Pléiades, na que se identifican as sete pléiades e os pais, Atlas e Pléione

Alcíone e Celeno casaron con Poseidón; unha das descendentes da primeira foi Antíope, unha das amantes de Zeus, que tamén mantivo relacións con outras pléiades (con Maia tivo a Hermes; con Táixete tivo a Lacedemón). Estérope tivo un fillo con Ares.

As Pléiades foron ninfas na corte de Artemisa, compartían a afección pola caza desta e, como ela, intentaban manter a súa virxindade.

Os mitógrafos afirman que unha delas era case invisible, pero mentres uns din que era Electra, outros afirman que foi Mérope (que casou con Sísifo, un mortal, e perdeu o brillo que tiñan as irmás; por iso a estrela que leva o seu nome é a menos brillante da constelación). Por veces, a ninfa Calipso e Dione tamén son consideradas como Pléiades.

A lenda conta que estando as sete mozas coa nai Pléione, achegouse Orión, un xigante cazador que se namorou delas e, ó ser rexeitado, perseguiunas durante cinco anos. As rapazas foron transformadas en pombas e Zeus apiadouse e converteunas nas estrelas da constelación do seu nome (catasterismo), á vez que converteu a Orión na constelación homónima. Crese que, no ceo, Orión segue perseguíndoas.

"Cando as Pléiades, fuxindo da vigorosa forza de Orión, caian sobre o brumoso Ponto... entón xa non debes ter as naves no viñoso Ponto senón traballar a terra como che aconsello".
(Hesíodo: Trabajos y días 619-624)

Outras lendas esta transformación pola dor que lles produciu ver o seu pai Atlas condenado a soster o mundo sobre os seus ombreiros, como castigo por apoiar os Xigantes na guerra contra Zeus (Xigantomaquia).

Trala caída de Troia, Electra foi transformada en cometa.

As Pléiades e a agricultura

editar

Hesíodo utiliza a presenza das Pléiades no ceo para marcar dous momentos fundamentais para o agricultor: a sega o 14 de maio, cando aparecen antes de saír o sol; e a sementeira o 3 de novembro, cando desaparecen tras saír o sol.

"Comeza a sega cando nazan as Pléiades enxendradas por Atlas, e a sementeira cando se poñan, pois están ocultas durante corenta noites e corenta días, e no transcurso do ano móstranse de novo por vez primeira cando se afía a gadaña".
(Hesíodo: Trabajos y días 384-388)

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HESÍODO: Trabajos y días, en Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].