Centro Georges Pompidou

O Centro Pompidou é o nome máis empregado comunmente para designar ao Centro Nacional de Arte e Cultura Georges Pompidou de París (Francia) deseñado polos arquitectos Renzo Piano e Richard Rogers. Foi inaugurado o 31 de xaneiro de 1977. Trátase, ademais, dun edificio que posúe unha biblioteca cun aforamento de 2.000 persoas, aberta ao público. Foi rematado en 1977.

Centro Nacional de Arte e Cultura Georges Pompidou
Interior do Centro Georges Pompidou.
País Francia
CidadeParís
Inauguración1977
Visitantes5 100 000 (2006)
Na rede
https://www.centrepompidou.fr
Facebook: centrepompidou.fr Twitter: CentrePompidou Instagram: centrepompidou LinkedIn: centre-pompidou Youtube: UCMmB6sRDf_aka92CTX--Trw Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

O centro foi construído durante o mandato do presidente francés Georges Pompidou, o cal faleceu antes de que se rematase o edificio. Foi o seu sucesor, Valéry Giscard d'Estaing, quen o inaugurou en 1977. Rehabilitado entre 1997 e decembro de 1999, volveu abrir as súas portas ao público o 1 de xaneiro do 2000. É un dos monumentos máis visitados de Francia, con preto de seis millóns de visitantes ao ano.

Datos arquitectónicos editar

O Centro Pompidou foi deseñado polos entón novos arquitectos Renzo Piano e Richard Rogers. O edificio é dun estilo que foi moi innovador nos anos 70, cadrado, de estrutura industrialista, con elementos funcionais, condutos, escaleiras etc., visibles dende o exterior. As conducións de auga, aire ou electricidade foron pintadas de cores rechamantes e extraídos da parte principal do edificio, para deixar un interior diáfano. Aínda que se desatou unha polémica cando foi acabado, hoxe día a xente afíxose ao seu peculiar aspecto e goza de moita popularidade. É un dos primeiros edificios da arquitectura high-tech.

Proxecto editar

O presidente de Francia, Georges Pompidou, quen gobernou dende 1969 ata 1974, quixo revitalizar o barrio de Ácheslles, unha zona deprimida económica e socialmente. Nel atopábase o mercado de abastos, un enorme centro que vendía produtos por xunto e polo miúdo. Foi deseñado na época de Napoleón, e o seu primeiro proxecto era historicista, ao cal, o emperador negouse. Así pois, este enorme mercado tivo un deseño máis funcional, con cubertas en tódolos pavillóns e rúas, e con estrutura metálica. Pompidou, para revitalizar o 4e Arrondissement, decidiu derrubar este mercado xa que desprendía malos cheiros e producía un tráfico caótico. No seu lugar construír o edificio da bolsa, de planta circular, uns xardíns e un novo centro comercial con conexión á estación de metro do barrio.

Outro edificio pertencente a este plan de revitalización é o Centro Georges Pompidou, chamado orixinalmente Centro Beaubourg. Trátase dun importante museo de arte contemporánea que posúe un grande centro cívico e unha biblioteca de acceso público. O concurso para escoller o deseño deste edificio comezou en 1970, e o xurado estaba composto por distinguidos e recoñecidos arquitectos. Os que gañaron foron Renzo Piano (1937 - ) e Richard Rogers (1933 - ), dous novos arquitectos descoñecidos ata aquel ano, quen se asociaran para este proxecto. Renzo Piano, italiano de orixe inglesa e Richard Rogers, inglés de nai italiana.

Estes dous arquitectos gañaron o concurso, grazas ao seu excelente proxecto, e, en parte grazas a dous membros do xurado. Un deles era Philip Johnson (1906-2005), un estadounidense da corrente miesiana que introducira a arquitectura europea nos Estados Unidos logo da segunda guerra mundial. O outro foi Jean Prouvé (1901-1984), un francés da póla dos arquitectos franceses que unían a tecnoloxía á arquitectura nos anos 1950. Prouvé, influído por Lle Ricolais, enxeñeiro experimental que probaba estruturas metálicas lixeiras e tensadas, estivo moi interesado na tecnoloxía e por iso gustoulle bastante o proxecto de Piano e Rogers. Foi Prouvé o maior impulsor en dar a vitoria a estes dous mozos. A construción do Pompidou comezou en 1970. Catro anos máis tarde, o entón Presidente de Francia Georges Pompidou, finou, polo que as obras do edificio sufriron un importante parón. Foi a viúva do presidente francés a que fixo que se rematase con éxito en 1977.

Influencias arquitectónicas editar

O Centro Pompidou contrasta enormemente cos edificios que o rodean. Así, a forma, as cores e a altura deste edificio resultan ser rechamantes para a súa contorna no momento no que se construíra e tamén hoxe en día. A súa función foi tamén estraña para a época na que se fixo. Un centro que reunía arquitectura, arte moderna, arte antiga, libros e lugares onde os nenos “xogaban coa arte” non era corrente entón. O seu museo de arte contemporánea é o máis importante do mundo. En canto á súa aparencia exterior, o armazón de barras, tubos e elementos tecnolóxicos que se xuntan nas fachadas fai que o Pompidou pareza un xoguete tecnolóxico, semellante a un Meccano. É chamado polos parisienses “A fábrica de gas”. Esta estridencia que tanto o caracteriza formaba parte das pretensións do concurso.

O Centro Pompidou é un dos primeiros edificios da corrente Hig Tech. Está notablemente influído pola arquitectura de Mies van der Rohe e pola do grupo Archigram. En canto á influencia do arquitecto alemán, apréciase no edificio o racionalismo propio da súa Arquitectura Moderna no sentido de que o inmoble é entendido como un contedor baleiro no que se poida meter calquera cousa. O interior do Pompidou é completamente diáfano e é entendido por Johnson como un contedor con espazos interiores móbiles. As grandes luces están salvadas por un total de catorce enormes vigas vierendel paralelas entre si e perpendiculares á fachada da praza. A influencia do grupo Archigram, é palpable nas novas e complicadas formas que ten o edificio en canto aos moitísimos tubos, barras e estruturas que invaden as fachadas. Archigram creou numerosos deseños nos anos 1960 cheos de fantasía e looks sicodélicos con influencias hippies. Nos seus proxectos abundaban os tubos, cores e estruturas metálicas exteriores.

Contorna urbana editar

 
Vista da praza e edificios do contorno.

O Centro Pompidou ocupa pouco menos da metade do seu soar. A parte que sobra é unha enorme praza pública considerada parte do edificio xa que nela fanse actividades relacionadas co centro. O deseño deste espazo exterior foi decisivo na vitoria de Piano e Rogers no concurso. Na praza apíñanse os teatros rueiros, debuxantes, pequenas tendas rueiras e grupos de mozos, todos eles relacionados coa arte e a cultura. Nos límites deste espazo público hai colocados enormes tubos, algúns deles agrupados de dous en dous, que son os respiradoiros do aparcadoiro subterráneo que ocupa todo o soar. O gran tamaño destes tubos de refrixeración e a súa semellanza coas vías de ventilación dos barcos convértenlles en elementos propios do Centro Pompidou, ampliando os límites do edificio a toda a praza. O chan desta está inclinado lixeiramente cara ao Centro Pompidou, funcionando o edificio de pano de fondo.

Dende a restauración do Centro Pompidou levada a cabo dende setembro de 1997 ata xaneiro do ano 2000, hai máis restricións nas actividades que se fan na praza, habendo máis vixilancia tanto dentro como fóra do edificio. Nesta reforma abriuse ao tráfico algunhas rúas lindeiras coa praza que antes eran peonís. O resto de edificios que forman parte da praza son, principalmente, de finais do século XIX, de estilo Modernista. En moitos destes edificios había galerías de arte que resultaban ser moi visitadas grazas á proximidade do Pompidou. Progresivamente, estas salas de arte deron paso a tendas, as cales teñen moito éxito grazas á grande afluencia de turistas que visitan en Centro Pompidou.

Débese lembrar que este edificio é o terceiro sitio máis visitado de París. Deste xeito, no barrio que rodea ao centro de arte hai unha mestura entre turistas, artistas, hippies e executivos que viven en carísimos apartamentos. Jean Baudrillard escribiu o libro L´effect Beaubourg en 1977. Nel fala do que supón a construción do Pompidou para o barrio en que se atopa, unha zona deprimida antes da existencia deste centro de arte. Baudrillard di no seu libro que a arte do século XX é trasgresora, segreda e que quere cambiar a sociedade. Tamén apunta que o previsto mal uso do Centro Pompidou é unha expresión do odio que xera esa arte contemporánea e misteriosa.

Estruturas editar

O edificio ten en cada un dos forxados trece ocos limitados por catorce vigas vierendel paralelas. Estas pezas son dun enorme tamaño e son prefabricadas, polo que houbo que facer un gran despregamento loxístico para levalas ao terreo edificable da construción. As vigas son visibles nas fachadas laterais (a norte e a sur). As vigas de diferentes plantas únense entre si con tensores. Os alicerces do Pompidou son metálicos con sección redonda. Hai unha estrutura inventada neste edificio coñecida polo nome de Gerberette. Son unhas pezas metálicas horizontais ancoradas aos alicerces por un dos extremos a xeito de beirís. Teñen unha sección curva e a súa función é suxeitar as estruturas metálicas que sobresaen das fachadas oeste e leste. O seu inventor foi o enxeñeiro alemán Gerberett, e deseñáronse para ampliar a superficie das pontes. Deste xeito, obsérvase que toda a estrutura do Pompidou é metálica, incumprindo aparentemente a normativa parisiense contra incendios. Con todo, esta lexislación é respectada xa que os alicerces están refrixerados pola auga que hai no interior de cada un deles.

Nas fachadas oeste e este están as chamadas "Cruces de Santo André", uns tensores cruzados perpendicularmente entre si, e inclinados aproximadamente 45º respecto do chan, colocados en cada cadrado formado polas barras horizontais e verticais que hai no exterior destas fachadas. Estes tensores son sorprendentemente finos e teñen moita seguridade, é dicir, que para que a estrutura que conforman fracasase habería que cortar bastantes destes tensores. Para rematar a "maraña" de barras e estruturas que hai nas fachadas, na que dá á praza súmase a estrutura que suxeita a escaleira exterior. Nesta fachada hai barras e tubos que non teñen función estrutural, e o seu único acometido é contribuír no caos visual que dificulta a comprensión do espazo. Detrás deste conxunto de barras e tubos están as fachadas propiamente ditas. Teñen un acristalamiento continuo, dividido en módulos rectangulares e con carpintería metálica ortogonal.

Instalacións editar

No centro da fachada de servizo (a fachada leste, a oposta á praza) hai unha torre con tres ascensores exteriores, e na fachada da praza (a fachada oeste) hai unha escaleira exterior que cruza o edificio de esquerda a dereita (segundo se mire dende a praza), que está dentro dun tubo transparente e se atopa dividida en treitos. É esta fachada a única que é dos medios, é dicir, que nela se fixan carteis de gran tamaño con fins comerciais. O Pompidou tiña tres plantas subterráneas empregadas como aparcadoiros, pero logo da restauración de 1997 pasou a ter dúas. O Pompidou ten un total de sete andares situados sobre o nivel do chan. A planta é rectangular, sendo os lados máis longos os correspondentes á fachada da praza e a de servizo. No derradeiro andar hai un famoso restaurante de comida de fusión. Ten un patio situado na esquina superior dereita (segundo se mire ao edificio dende a praza). A esta terraza accédese pola escaleira exterior da fachada da praza. Dentro do restaurante hai pezas "Gehriescas" de clara influencia deconstrutivista que non gardan relación co estilo do Pompidou. Estas esculturas foron deseñadas por unha parella de arquitectos e colocadas na reforma de 1997.

As instalacións e estruturas do edificio teñen unha serie de cores que serven de código para que o visitante saiba a función que ten cada elemento. As pezas pintadas de vermello cumpren coa función de comunicación (ascensores e escaleiras), o azul é a climatización, o verde as instalacións da auga (fontanería, desaugadoiros,...), o amarelo é a electricidade, e o branco as tomas e extraccións de aire. A escaleira exterior da fachada da praza ten os seus forxados inclinados pintados de vermello. As escaleiras, que son mecánicas, están recubertas por un tubo de sección circular transparente. Están divididas en varios tiros, e entre cada treito hai unha zona chaira que comunica cunha planta. Dentro do tubo hai moitos elementos tecnolóxicos para dificultar a percepción espacial.

Na fachada leste hai moitos tubos de servizo, cada un coa cor correspondente á súa función. Aínda que a disposición dos tubos desta fachada non garda ningunha orde aparente, pódese observar que os tubos azuis están pareados, con todo chama a atención a existencia de elementos horizontais que sobresaen da fachada fronte aos verticais. Na fachada sur hai soportais que protexen da choiva aos peóns.

Interior editar

A pesar de que tódolos tubos e barras non deixen ver as fachadas do Pompidou, o interior é bastante luminoso xa que o acristalamiento é continuo. Polos teitos interiores pasan tódalas tubaxes e elementos que hai nas fachadas, estando todos estes elementos á vista. Deste xeito, dentro do edificio conséguese esa mesma imaxe de caos e maraña de elementos tecnolóxicos propia do exterior. Renzo Piano colocou sobre cada obra de arte un pequeno falso teito para protexela visualmente da rede de tubos que hai no teito e evitar que a mirada se distraia ao contemplar a obra exposta.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar