Cecilia García de Guilarte

escritora española

Cecilia García de Guilarte, nada en Tolosa (Guipúscoa) o 20 de decembro de 1915 e finada ibídem o 14 de xullo de 1989, foi unha xornalista, escritora, profesora universitaria e anarcosindicalista vasca, coñecida tamén como Cecilia G. de Guilarte.

Cecilia García de Guilarte
Nome completoCecilia García Gilarte
Alcume"Koikile", "Zip"
Nacemento20 de decembro de 1915
Lugar de nacementoTolosa
Falecemento14 de xullo de 1989
Lugar de falecementoTolosa
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritora
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Os seus pais procedían de La Bureba (provincia de Burgos), e emigraron ao País Vasco, onde naceron Cecilia e mais os seus irmáns Ricardo, Félix e Esther. O seu pai, militante da Confederación Nacional do Traballo, traballaba en Papelera Española, e estaba interesado no mundo cultural, polo que avivou a vocación de escritora de Cecilia, que publicou o seu primeiro relato nunha revista barcelonesa con 11 anos. De adolescente comezou a colaborar como correspondente nun periódico da CNT de Madrid, polo que xa antes da Guerra civil española era coñecida como xornalista.

No periódico anarcosindicalista canario En Marcha publicou por entregas o estudo Breve historia de la lucha de clases en Italia. En 1935 Vicente Sánchez Ocaña contratouna como colaboradora da revista madrileña Estampa, época na que mudou o seu nome ao reducir o primeiro apelido pola inicial maiúscula. Tamén por entón comezou a publicar os seus primeiros textos literarios na sección La Novela Ideal de La Revista Blanca, creada por Joan Montseny e Teresa Mañé. Tralo alzamento nacional de 1936 converteuse nunha das primeiras mulleres correspondentes de guerra para medios como o periódico CNT do Norte ou os medios Horizontes, El Liberal e Frente Popular, para os que cubriu a fronte norte do País Vasco.

O 2 de maio de 1937 casou con Amós Ruiz Girón, socialista, perito agrícola e xefe da Policía Municipal de Éibar, nomeado comandante do Batallón disciplinario de Euskadi polo lehendakari José Antonio Aguirre. A parella percorreu a fronte norte, desde Bilbao até Xixón pasando por Santander. En Irún finou o seu irmán Félix, tamén militante anarcosindicalista, e trala caída da fronte do norte en setembro de 1937 marcharon a Cataluña por Francia. En maio de 1938 naceu Marina, a súa primeira filla. Permaneceu en Cataluña até febreiro de 1939, cando marchou a Biarritz, onde colaborou coa publicación Le Soud-Ouest. En xuño de 1940 marcharon desde Bordeos cara a México a bordo do buque Cuba.

En México D.F. comezou a colaborar na publicación Rumbo, e en 1941 foi nomeada xefe de redacción e directora da revista El Hogar, onde permaneceu até 1949, cando pasou á revista Mujer. Amais, foi guionista de programas radiofónicos e colaborou con publicacións vascas do exilio como Eusko Deya, Tierra Vasca, Boletín del Instituto Americano de Estudios Vascos ou Gernika. En México naceron as súas fillas Esther (1943) e Ana María (1947). Logo de vivir en Michoacán, Caborca e Santa Ana, en 1950 estableceuse en Hermosillo (Sonora). Alí entrou en contacto co mundo universitario, e comezou a dar clases de Historia da Arte e de Historia do Teatro na Universidade de Sonora, amais de ser nomeada xefe do departamento de Extensión Universitaria e directora da revista da institución. Alí coñeceu outra exiliada vasca, a musicóloga Emiliana de Zubeldia, coa que fixo grande amizade. Coñeceu tamén a Silvia Mistral, Benjamín Jarnés, Adolfo Salazar, Rosita Díez e Max Aub. Foi membro da primeira xunta directiva do Ateneo Español de México, afiliouse a Izquierda Republicana e entre 1953 e 1956 colaborou ​no seu órgano de expresión, Izquierda Republicana. Amais do periodismo e a creación literaria adicouse ao ensaio, con estudos biográficos sobre Sor Juana Inés de la Cruz, Juana de Asbaje ou Padre Hidalgo, Escribiu e estreou obras dramáticas, como Ahora la trampa. Comedia en tres Actos y un cuadro (1958).

En 1959 tivo un grave accidente automobilístico que a mantivo un tempo en estado crítico. En decembro de 1963 decidiu regresar a Tolosa coa súa filla Ana María, mentres o resto da familia se negou a regresar á península mentres vivise Francisco Franco. De regreso no País Vasco, Cecilia colaborou no periódico donostiarra La Voz de España con artigos, crónicas, crítica literaria, notas autobiográficas e entrevistas.

Deu conferencias, participou en mesas redondas e foi membro de xurados de distintos premios literarios. En 1980, coa desaparición de La Voz de España, deixou a escritura e adicouse a ler e ao xénero epistolar.

Obra editar

  • Locos y vencidos (La Novela Ideal, 1935)
  • Mujeres (La Novela Ideal, 1935)
  • Rosa del rosal cortada (La Novela Ideal, 1936)
  • Los claros ojos de Ignacio (La Novela Ideal, 1936)
  • Camino del corazón (1942)
  • El milagro de la vida (1942)
  • Orgullo de casta (1942)
  • Nación en España (1944)
  • Contra el dragón (1954)
  • Todas las vidas (1968, finalista do Premio Planeta)
  • Cualguiera que os dé muerte (1969)
  • La soledad y suspensión ríos (1975)
  • Trilogía dramática (2001)
  • Un barco cargado de... (2001)
  • Traslados sin novedad (inédita)
  • Una pizca de esperanza (inédita)
  • Los nudos del quipu (inédita)
  • El naufragio de un barquito de papel (inédita)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Tabernilla, Guillermo; Lezamiz, Julen (2007): Cecilia G. de Gilarte, reportero de la CNT. Sus crónicas de guerra.

Ligazóns externas editar