Castillo de Bellver (petroleiro)

O Castillo de Bellver foi un superpetroleiro de bandeira española que se incendiou o 6 de agosto de 1983 fronte ás costas de Suráfrica, provocando unha vertedura de 252.000 toneladas de petróleo e unha das maiores mareas negras da historia.

Descrición editar

O buque tiña unhas medidas de 334,02 m de eslora, 55,05 m de manga e 27 m de calado, e un peso morto de 271.000 toneladas. Era propiedade da empresa estatal española Elcano [1] e fora construído en Puerto Real (Cádiz), en 1978, cun valor de 2.700 millóns de pesetas.

O petróleo que transportaba na súa derradeira viaxe era propiedade da empresa nacional española Enpetrol (Empresa Nacional del Petróleo).

Accidente editar

O Castillo de Bellver levantara áncora dos Emiratos Árabes Unidos o 20 de xullo de 1983, onde cargara 137.500 toneladas de petróleo cru lixeiro (tipo Murban e Upper Zakum) no porto de Jebeldhana e 112.500 toneladas no de Zirju Island. Dirixíase pola ruta do Cabo cara Cartagena, onde tiña previsto descargar nas instalacións de Enpetrol o 21 de agosto [2].

Ás 23.48 horas do 6 de agosto lanzouse a mensaxe de auxilio: "Tenemos fuego a bordo. Por favor, ayuden". O barco atopábase fronte á Baía de Saldanha, a uns 70 km ó noroeste de Cidade do Cabo (Suráfrica), no cabo de Boa Esperanza [3], e sufría unha explosión, sen que coñezan as causas, que provocou un incendio que se estendeu rapidamente de proa a popa. A consecuencia del, o barco quedou sen goberno, á deriva, para finalmente partir en dous no día seguinte. A popa afundiu axiña, a unhas 24 millas da costa, contendo aínda máis de 100.000 toneladas nos seus tanques; a proa foi remolcada a mar aberto e afundida mediante cargas explosivas controladas. No incendio morreron tres dos seus tripulantes[4]; a pasaxe estaba composta por 34 tripulantes masculinos máis dúas mulleres, familiares de dous oficiais, todos españois. O salvamento realizouse na madrugada do día 7, grazas á presenza ocasional nas proximidades do pesqueiro Harvest Carina, da filial surafricana de Pescanova, axudado por un helicóptero, que recolleu a dous mariñeiros, e un buque mercante, que recolleu a outro máis.

A vertedura inicial estimouse en 50 a 60.000 toneladas que arderon no incendio máis unhas 100.000 toneladas máis vertidas ó mar, afundíndose co resto da carga aínda nos seus tanques. A marea negra foi empurrada polos ventos cara a costa, pero un cambio dos ventos modificou o rumbo da mancha cara ao noroeste. A corrosión do casco do petrolero afundido provocou novos derrames, sendo o máis sobresaínte o que se produciu o 25 de xuño de 1994.

Impacto medioambiental editar

Os danos medioambientais causados pola vertedura consideráronse pouco significativos, cun reducido impacto nos importantes caladoiros de pesca da zona. As condicións meteorolóxicas no momento do accidente favoreceron a loita contra a marea negra e o uso de 234 m3 de dispersantes na fronte da mancha impediu que chegase a augas próximas á costa.

O 50% das capturas de lagosta e peixe de Suráfrica fanse na zona do afundimento, que constitúe un importante lugar de reprodución para os peixes.

Notas editar

  1. Nesa altura, Elcano dependía do Instituto Nacional de Industria, o INI (organismo dependente do Ministerio de Facenda que, en 1996, foi anulado para ser substituído pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais, coñecida xeralmente como SEPI), e posuía cinco petroleiros, dos que o Castillo de Bellver era o de maior tamaño. Elcano xa sufrira a perda doutros dous petroleiros, o Castillo de Montjuic e o Elcano, ambos en 1972 e no Atlántico.
  2. El País, 7.08.1983.
  3. Exactamente a 33º 31' de latitude sur e 17º 06' de lonxitude este (El País, 7.08.1983).
  4. O xefe de máquinas, José Pérez Alcántara, e dous maquinistas, Alfonso Bandín Vélez e José Hueto Sonora, este último, galego (ABC, 7.08.1983).

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar