Capa xerminativa
Unha capa xerminativa, capa xerminal, capa embrional, folla embrionaria ou folla blastodérmica, é un conxunto de células formadas durante a embrioxénese dos animais a partir das cales se orixinarán os tecidos e órganos do adulto.
Todos os animais máis complexos que as esponxas producen dúas ou tres capas de tecidos primarios.
Os animais con simetría radiada, como os cnidarios, teñen dúas, denominadas ectoderma e endoderma.
Os animais con simetría bilateral producen unha terceira capa situada entre as dúas anteriores, o mesoderma.
As capas xerminativas orixinarán os tecidos e órganos durante o proceso de organoxénese.
Capas xerminativas
editar- Ectoderma: é a capa xerminativa máis externa. É a orixe do sistema nervioso, as vías respiratorias altas, o tubo dixestivo superior (estomodeo), a epiderme e os seus anexos (pelo e uñas) e as glándulas mamarias.
- Mesoderma: é a capa xerminativa media. Orixínase a partir da masa celular interna, situándose entre a endoderma e o ectoderma. É a orixe do sistema esquelético, os músculos e os aparatos circulatorio e reprodutor.
- Endoderma: é a capa xerminativa máis interna. Aparece sempre cando unha capa de células se proxecta cara a fóra a partir da masa celular interna que crece ao redor do blastocele. É a orixe do intestino, o fígado, o páncreas, os pulmóns e a maior parte dos órganos internos.
Historia do estudo das capas xerminativas
editarA aceptación da xeneralidade e importancia das capas xerminativas data do século XIX. Christian Pander (1817) foi o primeiro en recoñecelas en embrións de polo. En 1825 Martin Heinrich Rathke identificou follas embrionarias equivalentes en crustáceos. En 1828 Karl Ernst von Baer descubriunas nos embrións doutros vertebrados. En 1849 Julian Huxley mostrou que as follas externas e internas dos vertebrados eran homólogas ás dúas capas dos celenterados. En 1877 Ray Lankester, inspirado na teoría de Ernst Haeckel sobre a Gastraea, un hipotético antepasado común a todos os metazoos, dividiu o reino animal en tres grandes grupos en función do número de capas xerminativas: homoblásticos (protozoos), diploblásticos (celentéreos) e triploblásticos (o resto dos animais).
Referencias
editar- Hall, B. K. (2000): "Balfour, Garstang and de Beer: The First Century of Evolutionary Embryology". Amer. Zool., 40: 718–728. Resumo.