Campos de internamento en Francia

Os campos de internamento en Francia foron campos de concentración estabelecidos polas autoridades francesas para encerrar a preto de 550.000 españois que fuxiron da represión franquista cara a Francia tras a Guerra Civil Española. A maioría construíronse a fume de carozo preto da fronteira en forma de barracóns ou zonas vixiadas baixo a intemperie, e non dispuñan dunhas mínimas condicións hixiénicas. Aos prisioneiros apenas se lles daba comida e nunca se lles ofreceu auga potábel nin roupa de abrigo. Moitos morreron de desnutrición, doenzas diversas, torturados ou asasinados.[1]

Campos de concentración no sur de Francia ao remate da Guerra civil española en 1939

Estabelecemento editar

 
Memorial polos internados no Campo de Gurs

A situación de desvantaxe do bando republicano supuxo un grave problema para as autoridades francesas durante a Guerra civil española. A esquerda francesa vía o asunto dos refuxiados españois con simpatía. Porén, o conservadorismo mostrábase medroso e contrario á entrada no país destes refuxiados.

O Decreto Lei do 12 de novembro de 1938 do goberno francés presidido por Édouard Daladier prevía o internamento de «estranxeiros indesexables». Foi ampliado pola lei do 18 de novembro de 1939 que permitía o internamento «de calquera individuo, francés ou estranxeiro, considerado perigoso para a defensa nacional ou a seguridade pública» e propuña a expulsión de todos eles. Coa caída de Cataluña en mans franquistas, arredor de medio millón de persoas diríxense á fronteira en busca de refuxio. O primeiro «centro especial» para acoller refuxiados foi instalado por decreto o 21 de xaneiro de 1939 en Rieucros, no departamento de Lozère.

O 5 de febreiro de 1939 Daladier permitiu o paso da masa de refuxiados pola fronteira, que até entón permanecera oficialmente pechada, e separáronse os homes (identificados como combatentes) das mulleres. Estas, xunto cos anciáns e os nenos, foron redistribuídas polo país. Pronto entrou en funcionamento unha serie de campos de concentración, situados aos pés dos Pireneos e especialmente nas praias mediterráneas máis próximas á fronteira. Neles foron recluídos uns 270.000 homes, a maior parte deles excombatentes do Exército Popular da República.[2] Estes «estacionamentos temporais» convertéronse axiña en «reclusión administrativa» e en poucos meses creábanse diversos campos de internamento.[3]

O goberno francés tiña a preocupación de que, se se desencadeaba unha guerra con Alemaña, España se mantivese neutral e non ameazase as posesións francesas no norte de África. O 25 de febreiro, co fin de obter a neutralidade española, asinouse o Acordo Bérard-Jordana, polo que Francia recoñecía o goberno franquista e intercambiaban embaixadores. Nese momento, o número de refuxiados españois en Francia estimábanse en 440.000, o que supuña un gasto para as arcas francesas de 750.000 francos diarios.[4] Os campos de internamento consistían nun terreo de area cercado por aramados de pugas nos que nin sequera existía un teito baixo o que acubillarse. Os refuxiados durmían no chan, rodeados de soldados senegaleses armados de metralladoras e fusís.[1]

Principais campos de internamento editar

 
Placa homenaxe aos republicanos españois internados no Campo de Rivesaltes

Gurs editar

O campo de internamento máis importante foi o de Gurs, construído xunto á cidade homónima, na rexión de Aquitania do departamento dos Pireneos Atlánticos. Situábase a 84 km ao leste da costa atlántica e a 34 km ao norte da fronteira española.

Argelès-sur-Mer editar

O Campo de Argelès-sur-Mer albergou uns 100.000 refuxiados. Estaba situado nunha praia da localidade de Argelès-sur-Mer, no departamento de Pireneos Orientais, a 35 km da fronteira de Portbou.

Saint-Cyprien e Barcarès editar

Ante a avalancha de refuxiados no Campo de Argelès, construíronse dous moi próximos: Saint-Cyprien e Le Barcarès, tamén no departamento de Pireneos Orientais.

Septfonds editar

Estaba situado na localidade homónima, no departamento de Tarn-et-Garonne (rexión de Mediodía-Pireneos). No seu cemiterio repousan os restos de 81 españois finados alí.

Rivesaltes editar

O Campo de Rivesaltes, instalado como centro de instrución militar, ocupaba unhas 600 hectáreas de terreo despoboado das comunas francesas de Rivesaltes e Salses-le-Château. Albergou desde 1939 uns 15.000 españois.

Vernet d'Ariège editar

Entre as comunas de Le Vernet e Saverdun situouse o campo de internamento de Vernet d'Ariège, onde estiveron recluídos 15.000 refuxiados e combatentes españois. Tamén foi utilizado polo nazismo como campo de tránsito para os xudeus destinados a campos de exterminio.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Monzón, Agustín (17 de febreiro de 2019). "Españoles tras la alambrada: los campos de concentración del exilio en Francia". El Independiente (en castelán). Consultado o 17 de outubro de 2023. 
  2. "Los Campos de Internamiento". Portal del Exilio (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2007. 
  3. Dreizik, Pablo Martín (.). "De la exclusión al exterminio: Los campos de internación del sur de Francia". Nuestra Memoria (en castelán) (18). Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2007. 
  4. Candelas de la Fuente, Amparo (1987). "El mariscal Petain, primer embajador de Francia ante el Gobierno de Burgos" (PDF). Cuadernos de Historia Moderna y Contemporánea (en castelán) (8): 235–248. ISSN 0211-0849. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de novembro de 2011. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Bermejo, Benito; Checa, Sandra (2006). Libro Memorial: Españoles deportados en los campos nazis (1940-1945) (en castelán). Ministerio de Cultura y Deporte del Gobierno de España. ISBN 9788481812909. 
  • Laharie, Claude (1993). Le camp de Gurs, 1939–1945, un aspect méconnu de l'histoire de Vichy (en francés). J&D. ISBN 9782841270002. 
  • Lingner, Max (1982). Gurs. Bericht und Aufruf. Zeichnungen aus einem französischen Internierungslager 1941 (en alemán). Berlín: Dietz. ISBN 9783876827575. 
  • Mittag, Gabrielle (1996). Es gibt Verdammte nur in Gurs: Literatur, Kultur und Alltag in einem südfranzösischen Internierungslager, 1940-1942 (en alemán). Tübingen: Attempto. ISBN 9783893082339. 
  • Sánchez Sánchez N.º 6, págs. 129-145, Juan (2005). "Un relato de la guerra civil española y del éxodo a Francia" (PDF). Migraciones & Exilios: Cuadernos de la Asociación para el estudio de los exilios y migraciones ibéricos contemporáneos (en castelán) (6): 129–145. ISSN 1577-3256. 

Ligazóns externas editar